Unha liña de alta tensión segue ameazando Manzaneda

O Concello vén de enviarlle á Empresa Rede Eléctrica de España un requirimento de retirada "inmediata" da antiga liña de alta tensión que cruza o concello.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 06/06/2018 | Actualizada ás 12:54

Comparte esta noticia

O Concello de Manzaneda séntese ameazado pola actual situación do sistema eléctrico implantado por parte da empresa Red Eléctrica. Neste momento conviven dúas liñas aéreas de transporte de enerxía eléctrica, unha a 220Kv e outra a 400Kv.

O alcalde de Manzaneda, Féliz Domínguez, e o deputado de En Marea, Davide Rodríguez
O alcalde de Manzaneda, Féliz Domínguez, e o deputado de En Marea, Davide Rodríguez | Fonte: Fonte: Osil.info

A Empresa Rede Eléctrica comprometérase a desmontar a antiga liña a 220Kv unha vez que fora instalado un novo circuíto a 400Kv. Fronte ao incumprimento deste pacto, que se produciu xa no 2009, o alcalde de Manzaneda, Félix Domínguez, recorda no requirimento redactado o convenio asinado coa empresa e esixe a retirada inmediata da liña.

"A liña de 400Kv xa está en funcionamento dende hai tempo e a antiga aínda non foi retirada, con todos os perxuízos, danos e molestias que leva consigo isto para os veciños da zona", afirma o alcalde. Así pois, polo ben común do concello, requiren á REE o desmantelamento da liña anterior como paso previo a unha denuncia en caso de non obedecer este mandato.

A máis recente está construída nun tramo aproximado de 9,780 Kms, conta con dobre circuíto e conecta as subestacións de Trives (Ourense) e Aparecida (Zamora). A súa obra supuxo a expropiación de boa parte de terras do Concello.

Perante as inquedanzas da veciñanza e o incumprimento do acordado por parte da Xunta, a Administración Local redactou este aviso, tendo en conta o impacto ambiental ao que se somete o concello con esta situación. Mais non é o único: conflitos semellantes a este, coas liñas eléctricas como protagonistas, están sucendendo tamén en Arbo ou en Lalín.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta