Polémica no Parlamento galego sobre o informe que di ter o presidente da cámara para tratar o tema Gürtel

En Marea, PSdeG e BNG esixen ese informe sobre o que o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, asegurou que se apoiaba para moderar o debate plenario. Os grupos da oposición piden que se fagan públicos os límites que se estableceron e o PPdeG defende que o presidente se asesore

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/06/2018 | Actualizada ás 14:37

Comparte esta noticia

O encargo dun informe xurídico por parte do presidente do Parlamento, Miguel Santalices, para moderar o debate no que se ía a abordar a sentenza da Gürtel acendeu a polémica no Pazo do Hórreo. Os grupos da oposición forzaron a convocatoria dunha xunta de portavoces para pedir explicacións ao presidente da Cámara e coñecer o contido dese documento polo cal puntualizou no diario de sesións as palabras da deputada do BNG Ana Pontón nas que dixo que o PP fora "condenado por corrupción".

Parlamento.
Parlamento.

A portavoz do Bloque leu as portadas dos principais xornais nos que se recollía, ao día seguinte de coñecer a primeira sentenza do caso Gürtel e nos que se publicaba que o PP fora "condenado por corrupción". Pero Santalices, no debate, aludiu a un informe xurídico dos letrados sobre o que se baseou para advertir de que non ía "consentir" que se dixesen "inexactitudes".

Así, todos os grupos da oposición forzaron unha xunta de portavoces pero, logo da reunión que tivo lugar antes de que se renovase a sesión plenaria, os portavoces censuraron que non se lles facilite o informe, mentres que a viceportavoz popular, Paula Prado, defende que se manteña en mans unicamente de Santalices.


"NON VAI A ACEPTAR NINGUNHA MORDAZA"

"Acabamos de vivir unha situación moi preocupante desde o punto de vista democrático. O PP pasou todas as liñas vermellas da democracia e fíxoo dicindo que neste Parlamento está prohibido dicir que hai unha sentenza que condena ao Partido Popular por corrupción", sinalou a portavoz do BNG, Ana Pontón. A dirixente nacionalista advertiu de que o Bloque "non vai aceptar ningunha mordaza, nin con informes preventivos, nin sen eles", e considerou que esta situación é o reflexo de que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "afronta con debilidade o debate que ten por diante".

"Se o modelo de rexeneración do PP é acalar o Parlamento galego, hoxe Feijóo perdeu moitas posicións no debate e no perfil que en teoría quere darlle ao PP", significou Ana Pontón, quen tachou de "auténtica vergoña democrática" o que se viviu este mércores no Parlamento e agregou que no debate da moción de censura do Congreso usáronse estas mesmas palabras. "E agora chega Feijóo a dicir que isto está privado", sentenciou a deputada que foi protagonista do debate no hemiciclo co presidente autonómico.


"VERGOÑA ALLEA"

Pola súa banda, o portavoz de En Marea, Luís Villares, xulgou que a actitude da Presidencia da Cámara produce "vergoña allea e bochorno democrático". Así, asegurou que hai un "trato desigual", incluído o nome que lle dan ao "partido", dixo, en referencia velada a que ao seu alúdeselle normalmente como "mareas de Podemos" por parte das bancadas populares.

Luís Villares denunciou que "en base a un informe que non coñecen" teñen que "retirar unhas expresións" determinadas. "Estamos nun estado anómalo en termos democráticos, máis parecidos a estados onde se ocultaban as normas para que se puidesen perseguir á xente sen sequera saber o que fan", lamentou.

Ademais, o portavoz da formación 'rupturista' dixo que provocou "vergoña" as explicacións dadas sobre a chamada á orde polas mencións que el mesmo fixo no debate sobre Manuel Baltar e ante as que Santalices tamén interviu para insistir en que a causa que se abriu contra o presidente da Deputación de Ourense está "arquivada".

"É inaceptable que unha persona abuse da súa posición para coller un micrófono e saír en defensa do seu amigo Baltar cada vez que lle place, cando non ten capacidade regulamentaria para facelo e que a súa única observación sexa que 'se sabemos que lle enfada, por que insistimos'", explicou Villares. "Isto é un uso arbitrario", reprochou, para sumarse a que a situación da cámara é de "amordazamento".


"LÍMITE MOITO MÁIS ESTRITO COA OPOSICIÓN"

Na súa intervención, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, considerou que os "límites" da liberdade de expresión deberían ser "extremadamente amplos sen afectar o decoro" da Cámara. "O problema está cando se trata de usar un límite moito máis estrito para a oposición e unha interpretación extremadamente laxa para o propio presidente da Xunta, que non ten ningún rubor ou empacho en verter conceptos bastante máis duros que a oposición sen que pase nada", agregou.

Leiceaga, sobre o informe, volveu a pedir que se "poña a disposición dos grupos" para saber "até onde se pode chegar sen ser chamados á orde". Así que, unha vez que se fixo público que existía, entende que debería coñecerse para todos: "É metafísicamente imposible acatar as conclusións dun informe que descoñecemos".


PAULA PRADO

Fronte a estas posicións, a viceportavoz parlamentaria do PPdeG, Paula Prado, defendeu que o presidente da Cámara, que é "médico de profesión se asesore " xuridicamente cos servizos da Cámara e manifestou que é unha actuación "habitual" entre todos os grupos.

Así, Prado indicou que noutros casos pode ser máis "fácil" detectar as cuestións que se pode dicir e, por iso, apoiou que Santalices recorrese a un informe dos servizos xurídicos para saber como actuar nesta sesión. "Eu prefiro que o presidente da Cámara estea ben asesorado e non perdido. Non entendo as críticas", remarcou.

Ante a petición de que se faga público, Paula Prado insistiu en que "non se comparte co resto dos deputados" as consultas que se fan individualmente. "Eu entendo que el quere saber até onde pode chegar unha valoración", aseverou, antes de indicar que determinadas expresións poden "ofender a un grupo parlamentario", como chamarlle "ao PP homicida".

Do mesmo xeito, negou que o presidente do Parlamento "tire máis para un lado que para outro" e citou que se falou de partido "homicida" e de "narcochófer" durante o debate parlamentario. "Se o presidente tivese que chamar á orde por cada cousa que se di, estaría a chamar á orde cada cinco minutos", concluíu Prado, quen considerou que "se intensificaron as alusións persoais ultimamente, pero non por parte do PP".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta