A oposición tensiona o futuro de Feijóo en Madrid lembrándolle o diñeiro en B e as fotos con narcos

A oposición critica duramente a traxectoria política de Feijóo e pídelle que aclare se o PPdeG tiña unha "caixa B" e instao a non utilizar Galicia como "sala de espera vip" cara a Madrid.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/06/2018 | Actualizada ás 14:57

Comparte esta noticia

Narcos, diñeiro en B, corrupción, sentenzas políticas, carreira en Madrid, togas "políticas" ou líderes da oposición "necesitados". De todo isto, e máis, falouse no Parlamento galego durante a sesión de control ao presidente galego que tivo que dar conta da vinculación dos populares con casos como a Gürtel

O Titular Do Goberno Galego, Alberto Núñez Feijóo, Comparecerá En Rolda De Prens
O Titular Do Goberno Galego, Alberto Núñez Feijóo, Comparecerá En Rolda De Prens

E como xa ten acontecido noutras ocasións --aínda que neste caso os decibelios do enfrontamento político subiron ao seu máximo nivel--, o debate rematou case nunha carreira de insultos ou, en todo caso, de reproches politicos.

E nesa carreira polos decibelios, Feijóo e Luís Villares foron os que acadaron os níveis máis altos. Ambos os dous cruzaron reproches sobre as súas carreiras políticas e verteron dúbidas sobre os seus respectivos futuros.

En concreto, o maxistrado lucense en excedencia defendeu que "pese á imaxe de mirlo branco" que quere dar Feijóo "a realidade é que ten unha historia negra", un "currículo B". Así, referiuse ás fotos co condenado por narcotráfico Marcial Dorado e recordoulle que dous cargos do seu Goberno "están imputados por homicidio imprudente" pola dispensación dos fármacos da Hepatitis C.

"No momento no que toda España repudia que un partido teña membros da dirección e do Goberno condenados por corrupción, Núñez Feijóo oculta no súa currículo o Caso Campeón", destacou Villares, que sinalou que o PP de Galicia "xa ten condenados a parlamentarios" como "Pablo Cobián".

Feijóo con Dorado no iate deste último nos anos noventa
Feijóo con Dorado no iate deste último nos anos noventa | Fonte: El País

Ademais, tamén se referiu á condena de dous cargos do Igape nomeados por Feijóo nesta operación, á investigación por "financiamento ilegal" na Operación Pokémon e afeoulle que non condenase "as falcatruadas sexuais" do presidente da Diputación de Ourense, Manuel Baltar.

CRUZAMENTO DE REPROCHES

"O meu currículo asúmoo, con todos os meus erros", respondeulle Feijóo, que lle sinalou a Villares que el "nunca utilizará unha toga para facer política". "E moito menos para preparar unha campaña electoral ou a miña candidatura á Presidencia da Xunta. É a primeira vez que un candidato é elixido ás poucas horas de deixar unha toga", manifestou.

Feijóo preguntouse "como" Villares facía para "compatibilizar o seu compromiso político" coa "independencia do poder xudicial" mentres "dictaba sentenzas contra a Xunta". "Creo que debemos de volver meditar sobre esa posibilidade automática de entrar na política e, o que é máis grave, de que un xuíz poida volver a dictar sentenzas logo de asumir un cargo como o que vostede asumiu", apuntou para asegurar que Villares "non pode volver a dictar unha sentenza en Galicia non en ningún lugar dun Estado de Dereito".

Todo iso nun pleno no que Feijóo retirou do diario de sesións unha afirmación que Ana Pontón cualificou de ataque á súa "dignidade". En concreto, na súa resposta a Villares, o presidente da Xunta asegurou que lle parecía que a señora Pontón estaba moi necesitada". "Díxenlle que non fixese como vostede pero evidentemente, vostede aínda está máis, señor Viallares", asegurou o presidente dirixíndose ao portavoz de En Marea e provocando a reacción da bancada da oposición.

"REPUGNA A CORRUPCIÓN"

O presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que lle repugnan" e que lamenta as "corruptelas descubertas" no Partido Popular. "É evidente que no seo do PP se produciron graves erros de control, por iso hai un extesoureiro condenado e varios alcaldes condenados", manifestou.

Un "mea culpa" que tivo lugar logo de que os tres portavoces da oposición centraran este mércores as súas preguntas ao presidente na sentenza da Gürtel, que condena ao PP a pagar unha multa de 245.000 euros como partícipe a título lucrativo. Por iso, aproveitaron para preguntar ao presidente sobre o seu futuro, unha incógnita que segue en aire tendo en conta que Feijóo limitouse a trasladar á oposición, ata en dúas ocasións, que terían a oportunidade de seguir debatendo na próxima sesión de control, o 20 de xuño.

En primeiro lugar, a portavoz do BNG, Ana Pontón, referiuse ao "terremoto político" vivido nas "últimas semanas" nas que o PP se converteu "no único partido de Europa condenado por corrupción". Estas palabras supuxéronlle unha chamada á orde á nacionalista, ao considerar o presidente da Cámara, Miguel Santalices, que supoñen unha imprecisión, segundo un informe que el mesmo asegurou encargar aos letrados para "o manexo do debate".

Tras esta afirmación que Pontón se negou a retirar do diario de sesións, a líder do Bloque acusou a Feijóo de negar "a condena" ao PP, de omitir que a trama "nace en Galicia da man de Pablo Crespo" ou que o "PP galego gañou as eleccións dopado". "Estamos só ante a punta do iceberg, quedan outras pezas por xulgar e temos indicios de que no PPdeG había unha caixa B", apuntou a nacionalista, que tamén instou a Feijóo a "non utilizar a Galicia como sala de espera vip" mentres decide si ir a Madrid.

A iso, Feijóo respondeu recordando que a Cámara dispón desde "decembro de 2013" dos "2.500 contratos" asinados pola Xunta con "16 empresas" relacionadas con esta trama. "Trece delas recibiron máis recursos durante a legislatura do bipartito que durante a legislatura do PP", subliñou.

Ademais, aproveitou para deixar claro que lle indigna todo tipo de corrupción", "afecte a quen afecte". "Por suposto que as que afectan ao meu partido con máis intensidade", sinalou para recordar que xa se pronunciou deste xeito sobre as prácticas corruptas en múltiples ocasións.

"CAIXA B" NO PP GALEGO

Na sesión, así mesmo, o portavoz socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, emprazou ao presidente a "establecer un muro de seguridade" entre as prácticas corruptas do PP e o Goberno de Galicia. Respecto diso, recordou as declaracións de Bárcenas e Crespo nas que apuntaron que o partido "tamén tiña unha caixa B en Galicia".

"Non basta con pedir perdón, é necesario asumir responsabilidades", subliñou Leiceaga, que tamén lle preguntou a Feijóo si, no caso de Rajoy, o optaría por asumir ditas responsabilidades políticas e si "continúa defendendo" o que dixo en 2015, "que o que interesa é o pronunciamiento da Xunta, porque é inapelable".

Respecto diso, o líder dos populares galegos replicou que "a sentenza é provisional". "Polo tanto, cando teñamos unha sentenza inapelable podemos dar un xiro correcto, razoable e proporcional aos actos e aos delitos presuntamente cometidos", apuntou.

Tras iso, trasladou aos socialistas que "o importante non é só pedir perdón" senón "reforzar" os mecanismos de control para evitar estas prácticas. "Desde o PP sentimos vergonza polas actuacións de determinados cargos que foron do PP. Agora, sentímonos orgullosos do bloque legal máis amplo que se fixo contra a corrupción desde que hai democracia en España. Iso aprobouno o PP en Madrid e o PP aquí co voto en contra do PSOE", subliñou.

"Reitero, cando a xustiza, de forma inapelable fala, hai que acatar as sentenzas. Por suposto, temos que acatar todas as dos órganos jurisdiccionales, aínda que sexan provisionales", incidiu para referirse a unha "sentenza definitiva, posta polo Tribunal Supremo", a que considera como feitos "probados" que o PSOE é o "primeiro partido de Europa condenado por financiamento irregular".

"Agora entendo porque votaron en contra de que se tipifique o delito de financiamento irregular dos partidos políticos no Código Penal", espetou nunha intervención na que acusou aos socialistas de utilizar a sentenza da Gürtel "como desculpa" para que "por primeira vez en España goberne un partido política logo de perder dúas veces as eleccións". "Eu sería incapaz de asumir a presidencia de calquera goberno logo de perder as eleccións", indicou.

Feijóo na presentación da ligazón de San Cibrao coa A-52
Feijóo na presentación da ligazón de San Cibrao coa A-52
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Berros galegos

O PPdeGa está pringado de corrupción no caso Gurtel. Habería que tirar de Pablo Crespo, José Cuiña e todolos empresarios que pagaron cazos, comisións e mordidas por favores políticos