Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/06/2018 | Actualizada ás 18:41
O exconselleiro de Infraestruturas e portavoz do PP no Concello de Santiago, Agustín Hernández, eludiu pronunciarse sobre se o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, debe liderar o partido a nivel nacional e expresou que "hoxe o que toca é agradecer o traballo e a xenerosidade a Mariano Rajoy".
Hernández participou este mércores nun acto para impulsar o Camiño Primitivo a Compostela en Lugo, onde estivo acompañado dos portavoces populares no Consistorio desta cidade, Antonio Ameijide, e no de Oviedo, Gerardo Antuña. Neste contexto, o que foi tamén alcalde de Santiago, que ademais traballado de xeito conxunto con Feijóo e forma parte do seu círculo de confianza, a preguntas dos xornalistas limitouse a dicir que "hoxe é seis de xuño, día seguinte ao cinco en que Mariano Rajoy deu un paso atrás".
De feito, segundo as súas palabras, o tamén expresidente do Goberno dimitiu este martes como cabeza do partido "cunha altura de miras e unha xenerosidade" que cre "que hoxe é o que toca e agradecer esa forma de estar e de marchar".
"A partir diso, o Partido Popular é o principal partido de España, o que conta con máis militantes. É o partido que sempre soubo saír de momentos complicados, e non teño ningunha dúbida de que todo o partido estará á altura. Todos os militantes, e eu tamén o son, estaremos á altura do momento que nos toca vivir", asegurou.
MEDIDAS PARA O XACOBEO 2021
Noutra orde de cousas, Hernández destacou que as Rutas Xacobeas teñen un "gran valor turístico e económico para toda Galicia e o norte de España" e, "sobre todo", para os pobos polos que transcorren.
Pola súa banda, o portavoz do partido no Consistorio de Lugo, Antonio Ameijide, subliñou a necesidade de "defender a importancia do turismo nas cidades (Oviedo, Lugo e Santiago)" e impulsar un plan "de medidas" que se cinguen a tres eixos: "a mellora da imaxe das cidades, do Camiño Primitivo que é bastante mellorable, outras medidas de promoción do camiño, aproveitar o tirón para xerar riqueza e negocios, e aproveitar a captación de peregrinos".
Así, os populares indicaron que "teñen tres anos por diante" para pór en marcha estas iniciativas e para que a administración local "tome o control e lidere actuacións que favorezan as súas proxeccións". Durante o encontro, o tres portavoces realizaron unha etapa simbólica do Camiño Primitivo con compañeiros dos grupos municipais de Santiago, Lugo e Oviedo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.