Galicia será incluída no corredor atlántico segundo a Comisión Europea

Deberá ser ratificado polo Consello de Ministros Europeo e o Parlamento Europeo para solicitar fondos a partir de 2021.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/06/2018 | Actualizada ás 19:19

Comparte esta noticia

A Comisión Europea aceptou este mércores a proposta para incluír a Galicia e o Noroeste no corredor atlántico ferroviario de mercadorías. Esta decisión de que a liña ferroviaria A Coruña-Vigo-Ourense-Monforte-O Barco-Palencia pase a formar parte do corredor atlántico debe ser ratificada no Consello Europeo de Ministros e polo Parlamento Europeo no prazo máximo dun ano, coa previsión de que quede ratificado antes da disolución da Eurocámara en 2019.

Europarlamento
Europarlamento

Esta revisión prodúcese no transcurso da negociación do próximo marco financeiro plurianual 2021-2027, no que se propón destinar 30.600 millóns para financiar as redes transeuropeas de transporte. A partir de 2021, ano no que entra en vigor o novo programa de fondos europeos, o Goberno español xa poderá solicitar a cofinanciación das obras coa condición de que estea finalizadas en 2030 como máximo. Segundo apunta o Ministerio de Fomento nun comunicado, a proposta española elaborada por este departamento foi remitida en decembro a Bruxelas e incluía ademais da ampliación do corredor atlántico o do mediterráneo, tamén aceptado.

RECLAMACIÓN DE GALICIA

Esta era unha demanda de todos os grupos con representación no Parlamento galego, así como da Xunta de Galicia, alcaldes de municipios polos que atravesa a liña e entidades como o Eixo Atlántico. A Xunta celebra esta incorporación, do mesmo xeito que Asturias e Castela e León, que impulsaron conxuntamente esta petición nunha declaración institucional asinada en Santiago en outubro de 2017.

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, mostrou a súa "gran satisfacción" por este avance, que considera un "elemento clave" para a competitividade e o tecido empresarial. O Goberno galego valora que así se garantirán fondos comunitarios para a modernización da liña de ferrocarril de mercadorías a través do mecanismo de financiamento 'Conectar Europa'.

O trazado do corredor atlántico de transporte incorporará e priorizará a conexión ferroviaria dos portos marítimos e centros loxísticos de Vigo, A Coruña, Xixón e Avilés, a través de Palencia, León, Monforte e Ourense. Respecto diso, o Eixo Atlántico remarca que con esta decisión "cúmprese un dos obxectivos" polos que leva traballando "desde hai unha década". Resalta a "importancia" para a "competitividade" dos portos galegos, que poderán "pór as súas mercadorías en toda Europa en tempos competitivos", así como o "impulso económico que lle achegará ao interior de Galicia".

Sobre este extremo, Eixo Atlántico reclama que "dunha vez por todas se cree o porto seco de Monforte", á vez que chama a axilizar os tempos para a posta en marcha deste corredor e a mellorar as infraestruturas galegas. Pola súa banda, a eurodeputada do BNG Ana Miranda subliña que o feito de que A Coruña e Vigo "estean incluídas no corredor atlántico era o lóxico desde o minuto cero". A continuación, Miranda lembra que esta proposta aínda non está aprobada, a falta do Consello e o Parlamento Europeo, polo que podería sufrir cambios. Por iso, asegura que o Bloque "seguirá facendo toda a presión posible" para que saia adiante.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta