O Concello de Arzúa despreza a profesión xornalística

O Colexio de Xornalistas volve denunciar que este municipio contrate un auxiliar de radio sen esixir a titulación oficial en Xornalismo, tal e como xa fixo en 2017.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 08/06/2018 | Actualizada ás 12:10

Comparte esta noticia

Un ano máis, o Concello de Arzúa volve ignorar as esixencias profesionais para a cobertura dunha praza pública. Así, o pasado luns 4 de xuño o Boletín Oficial da Provincia da Coruña e o Diario Oficial de Galicia publicaban unha convocatoria para a contratación laboral dun auxiliar da radio municipal de Arzúa, no que se especifica claramente que as funcións do posto serán as de control técnico durante a emisión da programación, colaboración na preparación da programación e colaboración na presentación dalgúns dos programas que se emitan. Todas elas son funcións propias do traballo dun profesional da comunicación, que deberan ser desenvolvidas por persoas tituladas en Ciencias da Comunicación ou en posesión da colexiación profesional.

Logotipo de Radio Arzúa
Logotipo de Radio Arzúa | Fonte: Rally Terra da Auga

O Concello de Arzúa xa realizara unha convocatoria similar para o mesmo posto no ano 2017, feito polo que o Colexio de Xornalistas expresara o seu descontento nun comunicado e nunha misiva dirixida ao alcalde, José Luís García López. Lonxe de enmendar, o Concello teima un ano máis en desprezar na súa contratación os estudos oficiais de xornalismo, polo que o Colexio de Xornalistas vén de comunicar por carta de novo ao consistorio o seu malestar. Ao tempo, esíxelle que os e as aspirantes estean en posesión da titulación en Ciencias da Comunicación, ou no seu defecto, sexan colexiados e colexiadas do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

Non é asumible que unha administración pública ignore a titulación oficial que proporciona formación especializada no ámbito da comunicación ou que ignore á entidade que ten a representación legal de todos e todas as xornalistas galegos. Esta situación de menosprezo á profesión é especialmente grave pola reincidencia, ante a que o goberno municipal non pode alegar descoñecemento nin erro. Por todo isto, o Colexio de Xornalistas esixe ao Concello de Arzúa que rectifique e publique con carácter de urxencia unha nova convocatoria que esixa os estudos pertinentes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta