Galicia, orfa de oposición

O Debate sobre o estado da Autonomía celebrado esta semana no Parlamento galego deixou claro, na miña opinión, que existen hoxe en Galicia dúas formas moi diferenciadas de entender a política e, en consecuencia, o traballo para facer que a nosa comunidade supere os problemas e avance con decisión.

Por Manuel Ruíz Rivas | Ribeira | 18/03/2011

Comparte esta noticia

Dúas formas que, tal como expresei na que foi a miña última intervención no Pleno da Cámara como portavoz do Grupo Popular, resultan en que Galicia está actualmente ben guiada polo seu Goberno pero orfa de oposición.

Temos un Goberno realista e cunha clara capacidade de xestión, que demostrou nestes dous anos ter un proxecto claro e saber como desenvolvelo. Empezando por aplicar as necesarias medidas de austeridade e racionalización dos recursos públicos e seguindo por establecer prioridades e centrar a acción no máis urgente, con medidas máis inmediatas, sen deixar de lado a imprescindible visión de futuro, a planificación do “día despois” da crise económica, algo que se plasma no Plan Estratéxico.

O impulso do Diálogo Social, no marco do cal lévanse acadado xa 24 acordos, as accións en materia de promoción do emprego, o incremento das axudas ás empresas, o apoio aos sectores produtivos, o aumento dos orzamentos destinados á atención aos dependentes, o avance na “asignatura pendente” da ordenación do territorio ou na diminución da espera media en Sanidade, deixan fóra de toda credibilidade as acusacións sobre unha suposta inacción do Goberno de Feijóo.

E precisamente iso é o que fixeron fundamentalmente os partidos da oposición a ese Goberno ao longo destes dous anos de lexislatura: enquistarse na idea de que non se fixo nada; de que nada se avanzou. Viviron estes dous anos de costas á realidade, convencidos de que a única achega que poden facer a Galicia e aos seus cidadáns é criticar ao Goberno. Deixaron de lado a responsabilidade que teñen contraída cos galegos de axudar a facer país para limitar o seu labor ao exclusivo obxectivo de desactivar a quen gañou a confianza maioritaria deses galegos.
O resultado do Debate, despois da discusión e votación das propostas de resolución, non abre moitas esperanzas sobre un cambio nesa actitude. Aprobáronse no Parlamento importantes propostas, pero vimos novamente unha importante falta de vontade de colaboración e de esforzo conxunto por parte da oposición. Só unha desas propostas, a relativa á situación da factoría de Clesa, mereceu un apoio unánime.

En cambio, non se acadou esa unidade en asuntos de tanta transcendencia como a reclamación ao Goberno central dos 800 millóns de euros que lle está a negar a Galicia incumprindo o acordo de financiamento autonómico; a retirada do recurso contra o catálogo priorizado de medicamentos; ou o cumprimento do Pacto do Obradoiro sobre as obras do AVE en Galicia, tema no que resulta especialmente significativa a postura contraria do PSOE galego, xusto cando, ademais, quedan pouco máis de dez días para que remate o prazo que o propio ministro de Fomento, o señor Blanco, se impuxo ao dicir que todos os treitos estarían licitados antes de remata o primeiro trimestre do ano.

O vindeiro mes de xuño, se os cidadáns de Riveira me outorgan a confianza suficiente para ser o seu alcalde, deixarei atrás 18 anos de traballo no Parlamento de Galicia. Un período que deu moito de si e do que gardarei sempre un magnífico recordo. Pero deixarei esa responsabilidade co único pesadume de constatar que nunca houbo tanta carencia de argumentos nin tanta falta de iniciativa nos partidos de oposición ao Goberno galego.

E coido importante lembrar que os galegos, a través das urnas, déronnos unha responsabilidade clara a cada un; unha responsabilidade que temos a obriga de cumprir todos. Centrarse só na crítica e acudir, ante a falta de argumentos, a declaracións disparatadas ou mesmo a insinuacións inxuriosas non só alonxa a quen as fai dese cumprimento, senón que só contribúe a xerar crispación e a desprestixiar á clase política.  Que é xusto o que Galicia menos necesita.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Últimas de Manuel Ruíz Rivas
Manuel Ruíz Rivas Foi Concelleiro e Primeiro Tenente de Alcalde en Ribeira dende 1987 ata 2006. Membro da Executiva rexional do PPdeGalicia,e compoñente do seu Comité de Dirección. Membro da Executiva do PPde A Coruña.Deputado no Parlamento de Galicia ininterrompidamente dende a IV Lexislatura (1993). No ano 2004 foi nomeado Viceportavoz do Grupo Parlamentario Popular e dende o 2007 é o Portavoz do Grupo Parlamentario Popular.