Temas: VIGO

Os bancos de tempo, unha medida de conciliación en perigo de extinción en Galicia

Vigo é a única das cidades galegas na que segue funcionando e só dous concellos pediron en 2017 as axudas da Xunta Socialistas atribúen o retroceso a que o PP "abandonou" a medida e a Xunta di que son os concellos os que "non solicitan" as axudas

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/06/2018 | Actualizada ás 12:45

Comparte esta noticia

Os bancos de tempo, un sistema municipal de intercambio de servizos e coñecementos entre cidadáns, que ten o tempo como moeda de cambio e que busca tanto a conciliación familiar e laboral como a integración, atópase en perigo de extinción en Galicia, posto que Vigo é a única das cidades galegas na que esta iniciativa segue funcionando e só dous concellos, o de Avión e o de Xinzo de Limia (Ourense), solicitaron as axudas que a Xunta destina a este fin.

Taller De Risoterapia
Taller De Risoterapia | Fonte: Europa Press

Aínda que os bancos de tempo chegaron a Galicia varios anos antes, foi en 2007 (durante o Goberno bipartito) cando botou a andar a lei do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, que regulaba e establecía as accións subvencionables en relación cos bancos de tempo. No seu momento álxido, chegou a haber bancos de tempo en funcionamento en decenas de localidades galegas; segundo as fontes consultadas, chegaron a ser uns 90.

Na actualidade, non hai cifras oficiais sobre o número de bancos de tempo que hai en Galicia, aínda que Europa Press constatou que das sete cidades galegas, tan só segue funcionando en Vigo. Nas demais cidades, aínda que se chegou a implantar esta iniciativa, nos últimos anos deixou de funcionar, e no caso de Lugo as fontes consultadas indican que se propuxo a súa creación "pero non saíu".

Así é que en Vigo, este servizo, que xa existía previamente pero pasou a estar baixo a xestión da concellaría de Participación Cidadá en abril de 2010, mantense en funcionamento nos centros municipais de Coruxo, Saiáns, Casco Vello e Teis. No último ano do que hai datos, 2017, no Banco de Tempo de Vigo máis de 1.250 persoas intercambiaron unhas 2.000 horas.

Os participantes son principalmente mulleres (68%) e, aínda que hai participantes de todas as idades (a partir de 18 anos), a maioría atópase no rango de entre 30 e 65 anos. Como principais actividades, no seo deste banco realízanse mercados de troco, reunións, obradoiros e comunicacións para fomentar os intercambios.

CONCELLOS CON SUBVENCIÓNS

No entanto, o de Vigo non é o único banco de tempo municipal en funcionamento en Galicia. Tanto Avión (agrupado con Melón) como Xinzo de Limia, en Ourense, recibiron subvencións da Secretaría Xeral de Igualdade (6.580 e 12.000 euros, respectivamente) para os seus bancos de tempo na última convocatoria resolta, a de 2017.

Os servizos sociais de Xinzo comunicaron a Europa Press que implantaron esta iniciativa en 2012, e no último ano intercambiaron 55 horas os seus 32 socios, aínda que en total chegaron a formar parte deste proxecto uns 60. O perfil coincide: Persoas en situación de vulnerabilidade (poucos ingresos, poucos estudos, en desemprego ou vítimas de violencia de xénero), de entre 40 e 65 anos e maioritariamente mulleres.

No caso de Avión, aínda que se lles asignou a subvención, comunicaron a Europa Press que decidiron pedir un cambio de actividade e realizar un campamento, para "cambiar o foco de atención aos nenos". Iso si, matizaron que, aínda que non o están xestionando no concello, o banco de tempo segue funcionando este ano. "Continúa non tan formalizado, senón como estilo de vida", explicaron as técnicas deste servizo.

Cando se creou esta actividade participaban máis mulleres que homes; con todo, as traballadoras manifestaron que "ao final eran case metade e metade". Trátase principalmente de persoas maiores, "sobre todo xubilados que están aínda novas". Durante os anos que estivo en marcha baixo a xestión do concello, "chegaron a participar unhas 60 persoas ao mesmo tempo".

Ao tratarse de localidades do rural, nas que hai dispersión xeográfica e poboación de idade avanzada, as principais actividades coinciden nos dous casos. Así, inclúen compartir coche, traslados ao médico, acompañamento de maiores, clases de informática e de telefonía, pequenas reparacións e trámites administrativos e doutro tipo.

"Benefícianse todos, fomentando a conciliación da vida persoal, familiar e laboral", afirman as fontes do concello de Xinzo, que engaden que con esta acción os participantes séntense apoiados, aprenden, relaciónanse e desenvólvense.

En avión tamén o teñen claro: Esta é unha actividade "interesante" porque permite compartir, facer vínculos, ampliar a rede de coñecidos e sacar ás persoas das súas casas, poñelas en activo e facelas sentir útiles. "Atacan moito ao rural as depresións por non saír da casa, e estas iniciativas sacan á xente da casa. É súper importante no ámbito psicolóxico, social e económico", selan.

NON HAI MÁIS AXUDAS PORQUE "NON AS SOLICITAN"

A pesar das vantaxes que enumera o persoal dos bancos de tempo que están en marcha, esta iniciativa, que foi contemplada na lei como unha medida máis de conciliación e igualdade, está de retroceso dende hai uns anos. De feito, a orde de subvencións da Xunta no último ano só foi solicitada polos dous concellos mencionados.

Neste senso, fontes da Consellería de Presidencia, sosteñen que non hai máis concellos con asignación para manter os bancos de tempo por que "non o solicitan". "É decisión deles (dos concellos) solicitar bancos de tempo ou programas de conciliación, e o que a práctica maioría solicita son as axudas para os programas de conciliación", explican.

Aínda así, o departamento autonómico ratificou o seu compromiso con esta iniciativa, para o que lembrou que xa a principios deste ano publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se establecen as bases e subvencións da convocatoria de 2018. A contía máxima da axuda é de 12.000 euros para solicitudes individuais, e de 22.000 euros para xestión compartida.

Neste sentido, referenda que se está realizando promoción e hai suficiente dotación orzamentaria para esta medida, que considerou "interesante", como o é "todo o relativo a favorecer a conciliación, xa sexa a través de bancos de tempo ou de programas". "Son os concellos os que deciden, segundo as súas necesidades, o que consideran máis conveniente para os seus veciños", conclúe.

PARA O PSOE O PROBLEMA FOI O CAMBIO DE GOBERNO

Con todo, María Debén, que durante o bipartito foi delegada da Consellería de Traballo na Coruña e implicouse na redacción da lei que regula os bancos de tempo, considerou que o seu retroceso se debe a que "os cambios de Goberno traen consigo a desaparición de moitas medidas". Así, lamentou a "lixeireza coa que se aparcou e se abandonou un instrumento coma este, que só facía falla dotalo economicamente".

A socialista remarcou que os bancos de tempo foron "un experimento válido, moi próximo", que permitiu "non só a conciliación da vida laboral e familiar, senón tamén colaborar coa administración pública en labores que son imprescindibles". "Púxose sobre a mesa esa idea de que a atención das persoas é algo que non podemos deixar de lado", agregou.

De igual maneira, subliñou que iniciativas como esta son "imprescindibles para o desenvolvemento dunha sociedade na que o uso do tempo tivo sempre un nesgo de xénero", pois "calquera medida, como a dos bancos de tempo, que é unha pequeñísima medida, podería favorecer a que isto cambie". A pesar de todo, considerou que co novo Goberno estatal "as cousas van cambiar substancialmente, e co tempo poderá levar a cambios en Galicia".

Temas: VIGO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta