Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/06/2018 | Actualizada ás 13:37
O portavoz de En Marea no Congreso, Miguel Anxo Fernán Vello, pediu ao anterior Executivo de Rajoy que realizase as xestións pertinentes para a devolución das esculturas de Isaac/Ezequiel e Abraham/Xeremías ao seu lexítimo propietario, o Concello de Santiago. O Ministerio, que até hai uns días dirixía Méndez de Vigo, limitouse a alegar que non estaba no seu eido competencial.
Como queda evidenciado na resposta a Fernán Vello, o Ministerio non fixo ningunha xestión para cooperar e colaborar na recuperación das esculturas do Pórtico da Gloria a pesar dos acordos da Cámara Baixa en outubro de 2017.
Así, o voceiro de En Marea puxo en cuestión a "colaboración institucional" da que fala o anterior Ministerio e lamentou que o Executivo de Rajoy "fixese o que está acostumado a facer en relación a cuestións de memoria histórica ou de patrimonio espoliado pola familia do ditador: mirar para outro lado como se non fose con eles".
Por outra banda, o MECD sinalou na súa resposta a En Marea que "no recibió documentación alguna del Ayuntamiento de Santiago de Compostela que acredite la titularidad invocada, lo cual no es achacable a una falta de interés por parte del Ministerio ni a una indiferencia respecto a su relevancia artística, histórica y cultural, sino que responde exclusivamente a criterios de reparto competencial entre las Administraciones Públicas".
NOVA ETAPA CO GOBERNO DE SÁNCHEZ
O voceiro de En Marea apuntou que a indiferenza do PP neste tipo de cuestións sobre patrimonio histórico supón unha "auténtica deformación" para a "normalidade democrática". Tamén sinalou que, co novo Goberno de Sánchez, agardaban o cumprimento dos acordos adoptados no Congreso, xa que contaran co "voto favorábel do grupo socialista".
Do mesmo xeito, Fernán Vello enfatizou que con esta nova etapa que se abre "poremos esta demanda enriba da mesa ao igual que todo o relativo á recuperación do Pazo de Meirás".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.