Temas: REFUXIADOS BNG

Galicia, disposta a acoller os refuxiados do Aquarius que lle "sexan asignados"

Tanto a Xunta de Galicia como os concellos do BNG ofreceron o seu apoio para o que entenden unha "cuestión humanitaria" e un "drama humano".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 12/06/2018 | Actualizada ás 14:21

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia trasladou na mañá deste martes ao Goberno central a súa disposición para acoller a parte das persoas que viaxan no buque 'Aquarius', que navega con máis de 600 inmigrantes e refuxiados rescatados no Mediterráneo. Así mesmo, os concellos gobernados polo BNG mostraron a súa "total" disposición: "Non podemos nin queremos mirar para outro lado", dixo Evencio Ferrero, alcalde de Carballo.

O buque Aquarius
O buque Aquarius | Fonte: Tercera Información

OS MOTIVOS DA XUNTA

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, apuntou que o xefe do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, activou "a primeirísima hora da mañá" os mecanismos de coordinación co Goberno central en materia de acollida de refuxiados e inmigrantes, e puxo a disposición os medios galegos.

A Xunta, explicou Rey Varela, "considera prioritario garantir a integridade das persoas a bordo". "Estamos a falar dunha cuestión humanitaria e, nestas cuestións, temos que demostrar que estamos todos unidos ao redor das persoas", subliñou. Por iso, o Goberno galego púxose "a disposición" do estatal, que é "competente en xestión de políticas de asilo", para "acoller a aquelas persoas rescatadas que lle fosen asignadas" dentro dos marcos de coordinación que xa existen tanto a nivel nacional como europeo.

"En Galicia temos disposición e experiencia de traballo co Goberno central, un traballo que desenvolveriamos en caso de ter asignacións por parte do Goberno de España", indicou Rey Varela, que comprometeu tamén a coordinación coas entidades de iniciativa social que en Galicia xestionan os asentamentos de refuxiados (Cruz Vermella, Acen e Pro Vivienda), coas que se mantén unha "colaboración moi estreita".

Refuxiados
Refuxiados | Fonte: Gabriel Tizón

Estes mecanismos que agora se poñen en marcha, lembrou o conselleiro, son os mesmos empregados para o reasentamento de refuxiados da crise siria. "Temos todos os medios sempre a disposición cando xorden situacións como esta de carácter humanitario. Galicia está preparada para acoller este tipo de situacións que a todos nos inquietan pensando que hai persoas a bordo do buque Aquarius e que teñen que ser protexidas de maneira urxente", subliñou.

Rey Varela apuntou tamén que neste tipo de "temas humanitarios", que afectan a "dereitos fundamentais das persoas", é necesario "estar todos unidos". "Na sociedade avanzada en que vivimos hai mecanismos de coordinación", apuntou o conselleiro, que, neste caso "concreto" "fallaron" a nivel europeo para dar protección aos refuxiados e inmigrantes rescatados do Mediterráneo.

BNG

Do mesmo xeito, o alcalde de Carballo (A Coruña), Evencio Ferrero, sinalou en rolda de prensa que os municipios nacionalistas mostran o seu apoio por "responsabilidade" e "solidariedade". "Os concellos do BNG non podemos nin queremos mirar para outro lado", deixou claro Ferrero en relación ao "drama humano das persoas refuxiadas que foxen do seu país de orixe escapando da pobreza, a violencia, a persecución e mesmo a morte", pois "chaman ás portas buscando unha vida mellor".

Por iso, o tamén vicepresidente segundo da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) trasladou á Xunta a disposición dos concellos do Bloque para "recibir, axudar, protexer e amparar a estas persoas". "Temos as nosas portas abertas para darlles acollida e para pór o noso modesto grao de area, porque queremos que os nosos concellos sexan un reflexo dos seus veciños, que saben moi ben o que é saír para buscarse o sustento fóra dos nosos fogares", subliñou o rexedor de Carballo.

Temas: REFUXIADOS BNG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Fernando G

Esos consellerios y alcaldes con sueldos siderales, chofer y coche oficial podían empezar ofreciendo su casa particular o su despacho para alojar a los inmigrantes.