New York, unha orquestra que en tres anos de vida está xa entre a máis seguida polos festeiros galegos

Os verbeneros sitúana na quinta posición no ranking das formacións favoritas para o público, por detrás de importantes nomes con longa traxectoria no mundo da verbena, como Panorama, París de Noia, El Combo Dominicano e Olympus.

Por Ángela Precedo | Santiago de Compostela | 17/06/2018 | Actualizada ás 21:09

Comparte esta noticia

Mais alá das orquestras de longa traxectoria na nosa comunidade, nomes xa soados non só para os máis xóvenes, senón tamén para pais e avós, cabe destacar a existencia de formacións de recente (moi recente, atreveríame a dicir) creación, que acaban contando co favor do público e situándose entre as favoritas de bailadores, festeiros e comisións. Ese é precisamente o caso da orquestra New York, que, con tan só tres anos de vida –foi fundada no 2015—xa asumiu a quinta posición no ranking oficial de ‘Orquestas de Galicia’ como favorita para o público.

Cartel promocional orquestra New York.
Cartel promocional orquestra New York.

O seu tema de lanzamento, ‘Fiesta Mundial’ foi o que promocionou o seu primeiro ano de xira, lanzado a finais de 2016. A formación sempre estivo liderada polo canario Zeus Rey, unha importante figura artística do panorama verbenero galego, ex compoñente de El Combo Dominicano (2012 e 2013), do grupo La Ricura (2013), da orquestra La Fórmula (2013 e 2014), Filadelfia (2013 a 2015) e actual compoñente da orquestra París de Noia, tras abandonar á New York (onde estivo dende 2015 a 2017) a finais da pasada tempada, algo que supuxo un punto de inflexión que a formación puido sobrepoñer con grande éxito, sen decaer nin un intre.

Pese a esta notable baixa, seguiron sacando temas que fosen representativos para o público e, que dalgún xeito, creasen unha “comunidade” recoñecible entre os fans. Así, tal e como sinala un dos vocalistas principais, Alfred Asensio –Armonía Show (2012 e 2013), Aché (2013 e 2014) e Ritmo Joven (2015)--, a “novidade” máis destacada deste ano será a incorporación ao repertorio da canción propia ‘Vacaciones en los New Yores’, que para o canario convertirase, “sen dúbida, nun dos selos de identidade” da formación nas vindeiras actuacións.

Seguindo nesta liña de novidades, Isabel Asensio –Armonía Show, Palladium (2013 e 2014) e Costa Oeste (2015)-- destaca que outra das “máis importantes” é “a maneira na que se levan a cabo os temas, cun toque latino e fresco, sumado ao propio da terra”, mais “sen perder nunca a esencia da orquestra, que é o máis importante” para a New York. Ademais, fai unha especial mención á “xigantesca labor” desenvolvida polo seu compañeiro Fede Asensio, que, para ela, “é inmellorable”. A canaria asegura que “New York leva parte da súa alma”.

Asi mesmo, o recoñecido Santi Pulido –El Combo Dominicano (2013 e 2014) e Tamarindos (2015 e 2017)-- cre que, o máis salientable deste ano é “a posta en escea e o bo ambiente no grupo”, porque, no seu caso, como novo integrande da formación, “non me podo comparar con outros anos”.

Cartel promocional orquestra New York.
Cartel promocional orquestra New York.

Pola súa banda, Alejandra Pais –Ceniza (2003 a 2015)--, salienta que “cada tempada ten algo diferente” mais, esta, en concreto, destaca polas súas “cancións, coreografías, arreglos musicais e vestiario”, entre outras cousas. Con todo, pese aos cambios, a cantante galega afirma que a orquestra “continúa mantendo a súa personalidade”, sempre con “moito traballo e ensaio por parte de todos”. Así, asegura que ela mesma tivo “a oportunidade de ver e escoitar a esta formación dende abaixo –dende o público-- antes de entrar nela e sempre me gustou e segue gustándome moito”.

Para Dj Federato, hai “moitas novidades no que respecta á montaxe e tamén aos integrantes”, o que “lle trouxo un sopro de aire fresco á formación, algo que sempre se agradece” e, “por sorte”, puido “manterse o espíritu intacto”, que é precisamente o que “nos fai ser ‘outra cousa’” –apunta Fede, facendo un xogo de palabras co nome da xira--.

POSIBLES CLAVES DO ÉXITO

Para comprender o por qué do éxito e da gran subida experimentada pola New York en cuestión de apenas tres anos, preguntámoslle aos propios compoñentes cal pode ser a clave. Deste xeito, Alfred Asensio destaca as coreografías, xa que “todas as que temos son diferentes e non hai nin unha soa igual”. Asi mesmo, tamén apunta ao “repertorio xuvenil e comercial, adaptado a toda clase de persoas”.

Nesta mesma liña, en opinión de Santi Pulido, a New York estase a consolidar como “unha orquestra xuvenil”, con “repertorio variado para todos os públicos, tanto veteranos como xente algo máis xoven” e que “intenta dar un espectáculo o máis profesional posible”.

Ademais, Alejandra Pais asegura que é unha orquesta que “dende dentro e dende fóra vese que ten personalidade” e “un estilo diferente ao resto, fresca, alegre, xoven, dinámica, bailable, marchosa, tanto musicalmente como en xeral”.

HISTORIA DA FORMACIÓN

A última tempada da orquestra finalizou o pasado 28 de outubro de 2017, con actuacións xa nas salas de festa e discotecas galegas –ao rematar o verán é habitual que as formacións realicen diversos espectáculos e un adianto da súa próxima xira, con temas propios e ‘covers’ que se van incorporando ao repertorio, en espazos pechados, debido á habitual inclemencia do mal tempo en inverno--. Así a última actuación da tempada 2016-2017 foi a realizada na Sala de Fiestas La Concha, en O Val (Narón, A Coruña).

Deste xeito, tras apenas un mes de descanso, o 1 de decembro do pasado ano xa daba inicio a nova tempada, eso sí, cun repertorio e unhas actuacións aínda en periodo de ensaios. O nome da xira continuaba na liña dos anos anteriores, baixo o lema ‘Esto es otra cosa, esto es New York’, e o hashtag ‘#TúEresNewYork’. Poucos días antes, o 25 de novembro, foi cando se deu a coñecer definitivamente aos novos integrantes e cal sería a dianteira para esta temporada 2018, tras as baixas xa anunciadas por parte de Zeus Rey e os bailaríns Boris Jeyko e Grabiel 'El Menor'.

Tras un vídeo de presentación de todos os compoñentes, no que destacaban como principais novidades a presenza de Santi Pulido e 'El Cola Cao', a New York comezou a súa nova andaina, que ata o día de hoxe xa leva máis de 35 festas --13 no mes de xuño, 8 en maio, 8 en abril e 6 en febreiro-- e aínda non arrancou a tempada alta de verán.

Asi mesmo, compre sinalar que a New York é unha formación comprometida coa sociedade e que cando o tempo llo permite realiza obras benéficas e axuda a diversas entidades sociais. Así o fixo, por exemplo, o 1 de xuño deste mesmo ano, colaborando co Banco de Alimentos de Santiago de Compostela de maneira presencial, do mesmo xeito que está aberta a recibir aportacións para esta asociación durante as súas actuacións.

REPERTORIO DA XIRA 2018

A súa xira actual leva por nome un hashtag –ao igual que o fai tamén a orquestra París de Noia, para que os seus fans poidan compartir todo o contido referente aos integrantes e ás propias actuacións nunha mesma etiqueta, o que facilita a súa posterior busca e recuperación--: ‘#TúEresNewYork’.

Con respecto ás cancións incorporadas este ano, cabe sinalar a presenza, pouco habitual nunha orquestra, do tema ‘Señora’, de Rocío Durcal, cunha versión cantada por Alejandra Pais, que resulta ser o tema favorito do seu compañeiro, Alfred Asensio. Tamén outra canción pouco habitual que se incorpora este ano á listaxe e que forma parte da intro de 2018 é ‘El Patio’, de Pablo López, interpretada e favorita de Isabel Asensio, xa que para ela “transmite soa polo máxica que é”.

Ademais, en opinión de Santi Pulido, o repertorio 2018 é “moi apetitoso e variado” e “hai moitos temas que poden gustar ao público”, mais se tivese que decantarse por algún, pode ser ‘Te de Campana’, de Atomic Otro Way, interpretado durante o segundo pase. Pola súa parte, Alejandra Pais destaca moitas outras cancións, entre as que inclúe varios dos ‘mixes’ que incorpora a formación, como o da andaluza India Martínez, o de Avicci, ou o da canción ‘Robarte un beso’, que é un dos temas que ten o seu propio título nun mix, como por exemplo o de ‘We don’t talk anymore’.

Pola súa parte, Ricardo Blanco sinala cancións como 'La estrategia' --interpretada polo seu compañeiro na guitarra Diego Barbazán--, 'Havana mambo', o mix de baladas ou mesmo a intro do primeiro pase. Sen embargo, se tivese que quedarse con unha das que el mesmo interpreta, fai referencia ao "disfrute" do tema 'Giulia', unha cancións cuxa dificultade tamén radica en que está en italiano, e atópase incluida nun dos mixes da orquestra, correspondente a Gabry Ponte.

Para o destacado Dj Federato, que posúe máis dunha decena de temas propios publicados na súa conta personal de YouTube, cantados por el mesmo en solitario e con colaboracións con outras recoñecidas personalidades do mundo da verbena galega, a súa canción favorita é ‘Vacaciones en los New Yores’, xa que “é un tema propio da orquestra, que fala de cómo engancha vir á New York”. E, ademais, tamén lle gusta porque “o interpretamos entre todos, algo que me encanta e me transmite moitísima enerxía”, xa que “recén o estreamos no repertorio a semana pasada e xa creo que vai a dar moito que falar”. Ao respecto, asegura que lle “encanta” sentirse “arroupado pola familia”, nun tema no que “todos os cantantes e músicos somos importantes”.

Os compoñentes tamén nos develan cales son os temas favoritos dos que interpretan eles mesmos. Así, Alfred Asensio decántase pola súa interpretación da canción ‘Que ya no me llames’, de Rodrigo Tapari –grupo Ráfaga--. A súa irmá, Isabel Asensio, como xa se sinalou anteriormente, quédase con ‘El Patio’, porque considera que “é un pedazo de honor poder interpretala”.

Para Santi, fan de David Bisbal, supón un “momento moi especial” cando canta só co piano e a voz o tema de ‘Mi Princesa’. Alejandra, pola súa parte, ten varias cancións propias favoritas, como ‘One moment in time’, ‘I have nothing’ ou a xa mencionada ‘Señora’, de Rocío Durcal.

Cartel promocional orquestra New York.
Cartel promocional orquestra New York.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta