Toysal e a planta de Teo, unha fuxida cara adiante?

Logo de dúas décadas no concello das Somozas, os depósitos para almacenaxe de residuos de Xiloga poderían estar a piques de colmatar. Esta situación podería estar detrás do proxecto para a planta de reciclaxe de Casalonga en Teo, segundo apuntan fontes consultadas por Galicia Confidencial.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 15/06/2018 | Actualizada ás 14:34

Comparte esta noticia

As fontes consultadas por Galicia Confidencial xa nolo avisaban hai uns días. Toysal, a empresa que proxecta abrir unha planta de tratamento de residuos no Concello de Teo, estaría a piques de ver como o depósito das Somozas non podería acoller máis residuos. As mesmas fontes apuntan que o período de tempo para que isto suceda sería moi breve, “mesmo meses”. A cuestión é que, tras varios intentos de contacto coa empresa Xilo en As Somozas, Galicia Confidencial aínda non tivo resposta por parte da mesma. 

Lodos vertidos ao pé do lago das Pontes
Lodos vertidos ao pé do lago das Pontes | Fonte: ARCODEGA

As mobilizacións veciñais en Teo puxeron non punto de mira a unha empresa que leva detrás varias denuncias. Desde verteduras incontroladas de residuos procedentes da construción e que non foron tratados debidamente, a verteduras de lodos denunciadas como ilegais.

MORATORIAS E FUXIDAS CARA ADIANTE

A Consellería de Medio Ambiente podería ter declarado “unha moratoria de dous anos” sobre a empresa Xilo para que non constrúa máis depósitos para almacenaxe de residuos segundo o alcalde das Somozas, Juan Alonso. Preguntado sobre se a posibilidade de que Xilo peche as súas instalacións e que o Concello lle poda ofrecer algunha alternativa para continuar no seu termo municipal, a resposta de Alonso é que “hai terreo suficiente pero insisto que habería unha moratoria da Xunta por dous anos para non construir máis vasos (lugares para almacenaxe) mentres houbese sitio”, non obstante o mesmo alcalde di que “Xiloga (Xilo) andaba tramitando para abrir un vaso máis e non sei se teñen os permisos, porque eles dicían que lles quedaba máis ou menos un ano”.

Non obstante, persoas vinculadas ao mundo do tratamento de residuos, conclúen que o tempo corre contra Toysal-Xilo nas Somozas. “Seguramente non teñan para seis meses” apuntan as fontes consultadas por Galicia Confidencial. As mesmas fontes apuntan que a présa coa que Toysal querería actuar en Teo estaría relacionada coa posible colmatación dos vasos receptores de Xilo. “É unha fuxida cara adiante porque van quedar sen espazo e ademais non poden construir máis vasos receptores” sinalan as fontes consultadas por este medio.

Imaxe aérea de Xiloga en As Somozas
Imaxe aérea de Xiloga en As Somozas | Fonte: Toysal

O caso é que o tempo corría en contra de Xilo-Toysal de ser certas as dúas versións anteriores. Pero no ano 2016 o goberno galego revisa a lei do solo de Galicia. Esta nova lei, segundo dicía a Galicia Confidencial o alcalde de Teo “déixanos aos concellos con pouca marxe de manobra” no caso de que se queira actuar sobre determinados tipos de chan. A lei aparece en febreiro de 2016, en outubro de 2017 hai un primeiro contacto da empresa co Concello en que comunican ao Concello de Teo a adquisición da vella canteira de Casalonga “para depositar inertes” pero logo, en  decembro de 2017, Toysal solicita compatibilidade urbanística. En xaneiro de 2018 entra o proxecto a solucitude do Concello.


POLÉMICAS E DENUNCIAS

No ano 2013 facíase unha pregunta á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, por parte do BNG (BOPG, número 115, 5 xuño de 2013), sobre sobre un expediente sancionador do ano 2011 pola aplicación de tecnosolos (derivados dos lodos residuais industriais) que unha empresa aplicaba nos concellos de As Pontes e As Somozas. A Consellería respondía que fora resolto en 2012 cunha multa de 20.001 euros a dita empresa. A sanción fora recorrida pola empresa e ademais, a propia Consellería apuntaba na resposta á preguntda do BNG que non se tiña constancia de denuncias diante do SEPRONA ou a Garda Civil. Non se menciona o nome, pero os documentos que circulan pola rede fan referencia a Toysal. No mesmo mes de xuño de 2013 aparecen noticias na prensa que denuncian depósitos ilegais de lodos en varios concellos entre eles As Pontes e As Somozas.

No mesmo ano 2013, ARCODEGA, Asociación Profesional de Recicladores de Residuos de Demolición e Construción de Galicia, denunciaba a accións irregulares de Xilo e Toysal coa mestura nos mesmos depósitos de lodos e refugallo da construción. Isto aconteceu tanto en Porriño, como en Ortigueira e Coristanco.

Por outra parte, veciños das Somozas, apuntan que nas instalacións para tratamento de reciclaxe tamén se están a depositar verteduras procedentes de factorías conserveiras. Eses mesmos veciños apuntan que hai tempo ían pedir unha medición de concentración de metais pesados no aire. Ían pedirllo a unha empresa independente, pero ao final non se levou adiante debido á falta de orzamento abondo para efectuar as medicións. “Desde Cambio Climático da Xunta dixeron que fixemos ben en non gastar os cartos e que non é posible medir as concentracións de metais pesados no aire, que non hai un horizonte para dicir cal é o grao maior ou menor de concentración”.

“Xunto ás instalacións de Xilo hai outras que están preparadas segundo a lexislación para o tratamento de residuos irrecuperables. Non se usan a pleno rendemento, por que?, porque non son rendibles” apuntan fontes do sector a Galicia Confidencial. Esas mesmas fontes consideran que “pode haber unha cuestión de abaratamento de prezos para tratar residuos” e que esa sería un dos motivos da elección de Toysal-Xilo para tratar refugallos e lodos.

O PROXECTO CHEGA AO PARLAMENTO EUROPEO

A eurodeputada Lidia Senra presenta o día 15 de xuño de 2018 unha pregunta diante do Parlamento Europeo sobre o proxecto da planta de reciclaxe en Teo. O obxectivo da pregunta é dar conta ao PE e á Comisión Europea “sobre os perigos e danos para a terra, para as augas, para a saúde humana e para o futuro socio-económico da zona que acarrearían as instalacións de xestión de residuos que a compañía Toca y Salgado SL (Grupo Toysal) pretende abrir na Casalonga, nuns terreos dunha antiga canteira no concello de Teo”.

Lidia Senra na presentación da súa pregunta sinala que “insta ao ente comunitario a analizar a posible incompatibilidade deste proxecto coa Directiva 2010/75/UE sobre as emisións industriais e a prevención e control integrados da contaminación”. Ademais “dificilmente o proxecto presentado pola empresa se axeita a esta directiva cando non inclúe máis que xeralidades, sen concretar medidas detalladas sobre como evitar a contaminación ás augas e terras”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta