Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 19/06/2018 | Actualizada ás 11:00
O proxecto de Escolas de Ensino Galego Semente ten previsto a apertura dunha nova escola fóra da cidade. Levaría por nome Semente Amaía, tomando o nome do val que une os concellos de Ames e Brión, na comarca compostelá. Con este motivo, un grupo de nais e pais convoca un encontro informativo o venres 22 de xuño, ás 20 horas, no pazo da Peregrina, en Bertamiráns.
Este novo proxecto sería o quinto da serie, logo das experiencias xa sucedidas en Compostela, Trasancos, Vigo e Lugo. As Escolas de Ensino Galego Semente son unha iniciativa social sen ánimo de lucro que comezou en 2011 en Compostela da man da Gentalha do Pichel. Dous anos despois naceu a Semente Trasancos e, co tempo, chegaron tamén a Semente Vigo e a Semente Lugo. As Sementes inspíranse todas elas polos mesmos principios: coeducación, laicidade, asemblearismo, interacción coa natureza, respecto pola autorregulación da crianza e a integración no contexto do seu barrio e da cidade.
Alén diso, todas as actividades das escolas Semente son en galego, favorecendo a adquisición, conservación, coidado e consolidación do idioma do país, que é entendido na súa dimensión internacional e como parte indisoluble da cultura, historia e futuro de Galicia.
Dende o grupo promotor convidan todas as persoas interesadas a sumar forzas e participar no
encontro informativo, en que haberá representación de algunha das escolas Semente xa
constituídas. A fórmula xurídica da escola, os trámites administrativos, as necesidades
económicas ou a guía pedagóxica serán algúns dos puntos que se tratarán.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.