Santiago Jaureguízar e Ricardo F. Colmenero, premios de xornalismo Afundación

Nesta edición presentáronse un total de 139 artigos, 114 ao XXXIX Premio Julio Camba e 25 ao XV Premio Fernández del Riego.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 19/06/2018 | Actualizada ás 16:52

Comparte esta noticia

O premio Fernández del Riego e o Julio Camba de xornalismo, convocados por Afundación, a Obra Social de Abanca, e o Ámbito Cultural de El Corte Inglés, distinguiron este martes respectivamente a Santiago Jaureguízar polo seu artigo titulado «Pólvora sen magnolia na discoteca Clangor», publicado en El Progreso e Diario de Pontevedra o 31 de decembro de 2017, e a Ricardo Fernández Colmenero polo texto «La comunidad», aparecido en El Mundo o 1 de abril de 2017.

Xurado do Premio Fernández del Riego e o Julio Camba de xornalismo
Xurado do Premio Fernández del Riego e o Julio Camba de xornalismo | Fonte: Afundación.

O premio Julio Camba, ao que se presentaron nesta ocasión 114 traballos, cumpre a súa XXXIX edición, mentres que ao Fernández del Riego, que celebra a súa décimo quinta convocatoria, concorreron 25 artigos. Cada un dos premios, para textos publicados entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2017, está dotado con 6.000 euros. O xurado, integrado por Alfredo Conde Cid, como presidente; Carlos Valle, secretario; Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega e Gervasio Posadas, director de Ámbito Cultural de El Corte Inglés, fixo públicos os nomes dos gañadores tras reunirse na mañá deste martes na Sede Afundación en Pontevedra.

Carlos Valle foi o encargado de ler a acta co fallo na rolda de prensa posterior á decisión. Todos os membros coincidiron en destacar a calidade literaria de ambos os dous textos: "Os dous artigos son moi gratos na súa lectura e reflicten moi ben a realidade desde a literatura publicada nos xornais", sinalou o presidente do xurado, Alfredo Conde, quen ademais quixo poñer en valor a boa saúde da que goza o xornalismo literario na actualidade, coa incorporación progresiva de novos articulistas.

Tomou o ton irónico do artigo asinado por Colmenero para advertir, do mesmo xeito que o propio autor, que "nunca se sabe o que podes atopar practicando jogging, porque como todos sabemos, é un deporte moi perigoso". Pola súa banda, describiu o texto de Jaureguízar como "unha mestura de citas que van ganduxando e describindo a realidade dos anos oitenta cando estoupou a bomba na discoteca Clangor de Santiago de Compostela".

Pola súa banda Víctor Freixanes quixo resaltar a participación de articulistas de fóra de Galicia e de España, con textos chegados de países como Arxentina, Colombia, México, Cuba ou Alemaña. "É moi meritorio que este certame se prolongue tanto no tempo, que se consolide desde o prestixio e o recoñecemento, grazas en gran parte ao labor realizado polas institucións organizadoras, a Obra Social de Abanca e Ámbito Cultural de El Corte Inglés", esta última representada no acto por Gervasio Posadas, quen expresou a súa gran satisfacción por participar neste xurado e comprobar como o xornalismo non está conformado só pola información efémera dos acontecementos diarios, senón que tamén se compón de opinións que poden transcender no tempo. "De grandes xornalistas naceron grandes escritores, como é o caso de Hemingway ou García Márquez", sinalou.

Ricardo Fernández Colmenero, gañador do Premio Julio Camba, naceu en Ourense no 1977 e licenciouse en Xornalismo pola Universidade de Navarra. Iniciou a súa carreira profesional no Miami Herald, antes de entrar a formar parte da redacción do diario El Mundo, onde desenvolveu case toda a súa carreira. Tamén ten colaborado con outros medios como IB3 TV ou a revista GQ.

Santiago Jaureguízar é natural de Bilbao, pero pasou a súa infancia e mocidade na localidade de Ribadeo. Compaxina o seu labor xornalístico en El Progreso coa súa actividade literaria, actividades nas que se lle recoñeceu con diversos galardóns como o Premio Xerais no 2003 ou o Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo no 2016.

Os dous premiados súmanse a unha nómina de galardoados entre os que se atopan, entre os máis recentes, nomes da talle de Pedro Ugarte, Andrés Trapiello, Ramón Pernas, Manuel Rivas, Santiago Lamas, Ángeles Caso, Xosé Carlos Caneiro, Manuel Darriba, Luís Ventoso, Manuel Bragado, Ignacio Camacho, Luís Pousa, Tamara Montero, Ramón Loureiro, e María Varela e Miguel Anxo Murado, gañadores da última edición.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta