Aquí están os fenómenos celestes deste verán

Ao longo destes meses haberá varias ocasións de mirar para o ceo e descubrir peculiares fenómenos astronómicos, deses que non acontecen todos os días. As coñecidas Perseidas, puntuais coma sempre, ou o eclipse total de Lúa, serán algúns deles.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 20/06/2018 | Actualizada ás 11:39

Comparte esta noticia

A eclipse total de Lúa do 27 de xullo vai ser o principal fenómeno astronómico da estación estival que comeza este xoves 21 ás 12:07 horas. En Galicia, a Lúa sairá xa eclipsada totalmente sobre as 22.00 horas e continuará así ata as 23:13, cando comezará a eclipse parcial para rematar completamente o fenómeno ás 1:28 horas do día 28.

Eclipse solar en 2005
Eclipse solar en 2005 | Fonte: ComputerHotline wikipedia

O director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, José Ángel Docobo, di que este verán se poderán observar tamén dúas eclipses parciais de Sol, o 13 de xullo e o 11 de agosto, “aínda que ningunha delas poderá contemplarse desde a Península”. As que si volven, puntuais coma cada ano, son as Perseidas, que se deixarán ver en condicións moi favorables as noites do 12 e 13 de agosto “xa que este ano coinciden coa Lúa en fase nova”.

Por outra banda, Venus ao solpor, e Xúpiter e Saturno visibles durante toda a noite, van ser os planetas que máis destacarán nos ceos nocturnos, dando lugar mesmo a curiosas conxuncións, como a do 23 de xuño e do 20 de xullo, datas en que a Lúa estará moi preto de Xúpiter, ou a do 30 de agosto con Venus e o noso satélite natural ao solpor.

UNHA PRIMAVERA FRÍA 

No que respecta á meteoroloxía da estación que remata, segundo os datos recabados no Observatorio Universitario a primavera non resultou excesivamente chuviosa na contorna de Compostela, nin en cantidade (445,5 litros/m2) nin en número de días con precipitación (52). Con todo, non veu acompañada de moito calor. Rexistráronse “unhas temperaturas máximas máis ben baixas especialmente a finais de maio e comezos de xuño, preto dos 15º”, asegura Docobo. De feito, neste último mes anotouse unha temperatura máxima de só 13º2 o día 9, cousa que non sucedía desde había décadas. Tamén xuño destacou pola pluviosidade, con 111 litros/m2.

TODOCOSMOS

E para os máis afeccionados ao mundo da astronomía, o Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, logo de acadar de novo financiamento por parte da FECYT, desenvolverá un ano máis nunha morea de concellos de Galicia o programa de divulgación astronómica TodoCosmos. Ademais, os sábados de xullo, agosto e setembro o persoal do Observatorio colaborará, como leva facendo dende os últimos dez anos, coa Cidade da Cultura no programa Visitas Astronómicas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta