Temas: FRASEOLOXíA

"O mar é longo" no canto do castelán "ancha es Castilla"

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 24/06/2018 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Á hora de expresar que alguén actúa con total liberdade para actuar como lle peta porque ten posibilidade sobrada de facelo e nada llo impide, e sobre todo naqueles contextos en que se dá a entender que esa actuación pode non ser axeitada ou pode saír fóra dos parámetros que se entenderían como máis admisibles ou “normais”, na lingua de Cervantes está moi estendida a paremia ancha es Castilla.

Ondas xigantes nun gran temporal
Ondas xigantes nun gran temporal | Fonte: EP

Para o idioma galego, o lexicógrafo Eladio Rodríguez González, no seu Diccionario enciclopédico gallego castellano, rexistrou unha expresión que entendemos que vén a manifestar basicamente o mesmo contido. Vexámola.

Ancha es Castilla

{= Expresión con que se indica que alguén ten total liberdade –ou que alguén arroga para si unha total liberdade– para actuar como lle peta, sobre todo naqueles contextos en que se considera que esa actuación pode non ser axeitada ou pode botarse fóra dos parámetros de comportamento que se consideraría como máis “normais” ou admisibles.}

O mar é longo

Longo é o mar

Ex.: Pues nada, que cada uno vote a quien quiera, que ancha es Castilla... pero después que nadie se queje de que no se le advirtió a tempo.

Pois nada, que cadaquén vote a quen queira, que o mar é longoque longo é o mar, pero despois que ninguén se veña queixar de que non foi advertido a tempo.

NOTA:

A expresión galega o mar é longo está tirada da seguinte fonte (a de longo é o mar é unha variante dela):

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 XabierNeve

Adoro esta secçom. Deveriades reunir todas num dicionário de fraseologia ao estilo do da agal: http://www.agal-gz.org/faq/doku.php... Parabéns.