Temas: CLIMA VERáN

Aemet prognostica un verán "normal" en Galicia

A comunidade viviu unha primavera "fría" e "moi húmida", na que choveu un 40% máis do habitual.

Por E.P. | A CORUÑA | 21/06/2018 | Actualizada ás 15:06

Comparte esta noticia

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) augura un verán "normal" en Galicia, que se caracteriza por "poucas precipitacións" e períodos de moita calor e outros máis frescos, após ter a primavera con "máis días de precipitacións" dos últimos 47 anos. En rolda de prensa, o delegado da Aemet en Galicia, Francisco Infante, presentou o balance climatolóxico da primavera, que resultou "fría e moi húmida"; e avanzou na predición estacional para o verán, sobre a que hai certa "incerteza".

Verán
Verán

De cara aos próximos días, en Galicia predominará o tempo asollado con temperaturas máximas ascendendo durante a fin de semana. Así, o domingo 24 será o día máis caloroso con máximas por encima dos 25º no norte, entre 30 e 35º en case todo o interior e superando os 35 ºC nas zonas máis cálidas de Ourense. En concreto, para a noite de San Juan, espérase "un tempo tranquilo", cunhas temperaturas mínimas que se prevén "non baixen dos 15 graos". En canto ás néboas, só son "probables" na Mariña lucense.

De cara ao verán, a Aemet augura un período estival "normal", que en Galicia se caracteriza por días asollados e secos, con períodos de tormentas e sendo tamén probable que haxa días con altas temperaturas, segundo advertiu Infante.En canto ás choivas, non se aprecia ningunha tendencia polo que se espera que haxa "poucas precipitacións" durante o próximos tres meses.

O TERCEIRO MES DE MARZO MÁIS HÚMIDO

Respecto da primavera, esta foi "fría", sobre todo polos valores rexistrados no mes de marzo. Con todo, abril e maio foron "lixeiramente cálidos", sobre todo en abril cando se alcanzaron as temperaturas máis elevadas, ao superar os 30 graos nalgunhas localidades do sur da comunidade. Ademais, a primavera resultou "moi húmida", ao chover "un 40% máis do normal" para esta estación. De feito, esta foi a primavera "con máis días de precipitacións desde 1971", posto que choveu "uns 57 días cando o habitual son 37", sinala Infante.

A pesar de que o mes de abril e maio foron algo máis secos, o mes de marzo caracterizouse pola abundancia de precipitacións, o que leva a situalo como "o terceiro mes de marzo máis húmido da serie histórica en Galicia, só superado en 2001 e 1962". Precisamente, esta abundancia de precipitacións repercute no balance hídrico, que, a falta de catro meses para que termine, rexistra "bos datos". En Galicia, segundo indicou o delegado da Aemet, "xa se rexistrou un 78 por cento da media anual" de precipitacións, que se sitúa en 1.403 litros por metro cadrado.

BALANZO XUNTA

Por outra banda, a Xunta tamén realizou un balance do informe de Meteogalicia sobre a primavera, que resultou ser "moi chuviosa" na que se rexistraron un 78% máis de precipitacións do habitual para está época do ano, segundo informa en nota de prensa. "As choivas do últimos tres meses e en especial, as que se recolleron no mes de marzo, converteron á estación na máis chuviosa que se viviu na comunidade desde o ano 1961", sinala a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira.

En concreto, respecto ao mes de marzo, a Xunta sostén que durante este mes "choveu máis do triplo do habitual segundo os datos da serie histórica, concretamente un 262% máis". En canto ás temperaturas, destaca que foi o "máis frío dos últimos 34 anos". Respecto da previsión para o verán, a directora xeral de Calidade Ambiental explicou que os modelos apuntan a unha estación con tendencia á normalidade, aínda que precisou que é bastante probable que o tempo sexa cambiante do mesmo xeito que na pasada primavera.

Temas: CLIMA VERáN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta