Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/06/2018 | Actualizada ás 20:13
Marea de Ferrol, o novo proxecto municipalista nado dunha escisión de Ferrol en Común, foi presentado pola edil non adscrita na corporación departamental, Esther Leira, que foi expulsada hai un ano do grupo de goberno polo seu enfrontamento coa liña oficial que encabeza o rexedor ferrolán, Jorge Suárez.
"Marea de Ferrol é un proxecto municipalista, inclusivo, onde imos traballar polos intereses de Ferrol e das súas persoas", asegurou Esther Leira, que ostentou, até a súa expulsión en xuño de 2017, a concellaría de Obras, Rehabilitación, Vivenda e Medio Ambiente.
Leira, que desde entón se mantén na corporación ferrolá como edil non adscrita, foi a encargada de presentar este venres a Marea de Ferrol, un proxecto que, segundo a ex-membro de Ferrol en Común, se fraguou "durante todo este ano" e que conta xa "con medio cento de integrantes".
"Compartimos os principios fundamentais de En Marea, por ser un proxecto municipalista de unidade popular, onde a inscrición é de carácter individual", declarou Leira, que quixo diferenciar Marea de Ferrol respecto de Ferrol en Común: "Somos un proxecto completamente diferente, xa que este último a día de hoxe é unha coalición de partidos".
Así, trasladou que "a inscrición como partido xa hai tempo que se enviou ao Ministerio do Interior" e que, así mesmo, xa contan cunha estrutura orgánica e unha organización por comisións que traballan xa en ámbitos "como a comunicación" ou a elaboración do programa electoral para as eleccións do próximo ano.
Nos comicios, Marea de Ferrol podería competir contra Ferrol en Común e outro proxecto escindido do goberno ferrolán, Actúa Ferrol, encabezado por Carlos do Río e que será presentado o próximo día 30.
PROXECTO MUNICIPAL
Leira destacou que neste proxecto se busca "harmonizar os intereses das persoas e converterse nunha iniciativa posta na vida real das persoas".
Ademais, engadiu que Marea de Ferrol buscará "unha calidade dos servizos básicos, con infraestruturas viarias coidadas e mantidas, así como un transporte público urbano municipal que cubra as necesidades de todos os barrios e parroquias".
Marea de Ferrol celebra na noite deste venres unha cea de confraternización, na que, segundo confirmaron os seus promotores, teñen previsto acudir varios membros da coordinadora de En Marea.
Ademais, aseguraron que o portavoz rupturista, Luís Villares, tamén foi convidado, pero declinou a invitación por cuestións de axenda.
REACCIÓNS DO ALCALDE
O alcalde Jorge Suárez asegurou que Ferrol en Común respecta "todas as opcións políticas", en referencia á presentación de Marea de Ferrol-
Suárez xa anunciou a súa intención de optar á reelección, algo que ninguén conseguiu na cidade de Ferrol nos anos da democracia. "Vai ser unha cita electoral na que, se todo o que se está anunciando se vai a presentar, como Sentimento Ferrolán ou o Partido dos Xubilados, vai ser un abano inmenso onde escoller e a cidadanía será a que teña a última palabra", trasladou Jorge Suárez.
O rexedor ferrolán realizou estas declaracións este venres no acto de presentación do 'III Encontro Municipalista', que reunirá ás mareas de toda Galicia no Ateneo de Ferrol o próximo 30 de xuño.
"Nós non imos contra ninguén, imos coas nosas voces e proxectos para tratar de cambiar a cidade e non queremos ir contra outra forza, senón que estamos a favor dos veciños de Ferrol", remarcou Suárez.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.