A barbela, que se cría case exclusiva no Miño en Galicia, atópase até en nove ríos e podería ser especie nativa

Investigadores da Universidade de Santiago de Compostela publican un estudo no que se evidencia a expansión e maior distribución deste peixe nos ríos galegos. Os científicos desbotan que fose introducido por pescadores ou por outras vías.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 23/06/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Durante moito tempo creuse que a presenza da barbela (Cobitis paludica) no noroeste da Península Ibérica foi froito de introducións e que a súa presenza se reducía ao Miño. Un novo traballo de investigación actualiza a distribución desta especie en Galicia con novas localizacións nos ríos Furnia, Hospital, Pego, Pontiñas, Tripes e Ulla.

Cobitis paludica
Cobitis paludica | Fonte: David Pérez en Wikipedia.

A Cobitis paludica é unha especie de peixe endémica da Península Ibérica que tende a habitar as partes medias baixas de ríos de baixa corrente e aliméntase predominantemente de larvas de insectos, algas e detritus. Esta especie figura como vulnerable no Libro Vermello dos vertebrados español debido á diminución da abundancia e da súa distribución. Atópase principalmente nas concas dos ríos Albufera de Valencia,  Aljibre,  Alvor,  Arade,  Barbate,  Bullent, Cavado, Ebro, Guadalete, Guadalhorce, Guadalmedina, Guadalquivir,  Guadiana, Xara, Jucar, Limia, Lis, Mijares, Miño, Mondego, Nalón, Odiel, Peñíscola, Piedras, Racons,  Sado,  Samarra, Segura,  Serpis,  Sizandro, Tajo, Turia, Vega e algúns afluentes na marxe occidental da conca do Douro.

Agora, investigadores do Departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física, e da Estación de Hidrobioloxía ‘Encoro do Con’ da Universidade de Santiago de Compostela veñen de presentar na revista científica Limnetica —da Asociación Ibérica de Limnología— os resultados de varias campañas de mostraxe en 23 ríos de Galicia: Anllóns, Eo, Lérez, Mandeo, Masma, Mera, Ouro, Sar, Ulla, Umia, Miño, Barxas, Caselas, Deva, Furnia, Hospital, Louro, Pego, Ribadil, Tamuxe, Tea, Termes e Tripes.

Ademais, realizáronse enquisas de opinión con pescadores locais e non locais (doutras partes de España) nun intento de establecer se a especie se introduciu no noroeste como consecuencia do seu uso como cebo vivo na pesca recreativa.

Os resultados mostraron que a distribución da barbela en Galicia é maior do que se pensaba. E as enquisas cos pescadores suxiren que "é pouco probable" que esta especie sexa utilizada como cebo vivo por pescadores locais, mentres que dos fóraneos, só un dixo ter utilizado a barbela como cebo.

A confirmación da presenza da barbela na conca de Ulla indica, para os científicos, que a súa expansión en Galicia é maior do que se pensaba, aumentando o número de poboacións galegas coñecidas a nove: Furnia, Hospital, Macaco, Miño, Pego, Pontiñas, Tea, Tripes e Ulla.

Os investigadores sinalan, ademais, que aínda que a especie foi rexistrada previamente no río Tea, nas súas campañas de mostraxe non se corroborou a súa presenza.

"Os nosos achados e os doutros autores indican que a especie ten unha distribución máis ampla no noroeste da Península Ibérica que a recoñecida previamente", conclúen os autores. 

Descartados, a priori, os pescadores como introdutores desta especie en Galicia, os científicos non desbotan que puidese ter sido introducida polo comercio de acuarios e a liberación intencional. Con todo, din, cos datos que se teñen actualmente a barbadela "debería considerarse nativa do noroeste da Península Ibérica, agás que futuras análises de xenética ou vías de colonización proben a súa orixe non nativa". Esta son unhas imaxes da barbela de SubAquaGalicia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta