O porto de Vigo, de novo no punto de mira pola sobrepesca de tiburóns

Un novo estudo científico alerta da necesidade de regular os desembarques de marraxos e quenllas na lonxa viguesa. A maior parte dos exemplares cazados e comercializados son individuos xuvenís que non se reproduciron. Entre os anos 2001 e 2016, o porto de Vigo multiplicou por 2,7 os desembarques de quenllas. Ecoloxistas e científicos manteñen a alerta pola presión da pesca sobre os tiburóns.

Por Alberto Quian | Vigo | 27/06/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As quenllas (Prionace glauca) e os marraxos (Isurus oxyrinchus) son obxectivo dos palangreiros galegos e portugueses, que desembarcan as capturas no porto de Vigo, cuxa lonxa é un dos principais centros comerciais internacionais destas especies. De feito, a explotación de tiburóns peláxicos implica para o sector pesqueiro galego e portugués unha fonte de ingresos importante. Cada ano, comercialízanse en Vigo preto de 1.760  toneladas de quenlla e máis de 392 de marraxo. E calcúlase que hai uns 120 palangreiros galegos e lusos dedicados á explotación destas especies. Agora, un novo estudo científico volve poñer no punto de mira o porto vigués pola sobreexplotación de quenllas e marraxos xuvenís e avisa de que "as autoridades deben tomar medidas para reducir a presión da pesca exercida sobre ambas as especies".

Poxa de quenllas na lonxa de Vigo
Poxa de quenllas na lonxa de Vigo | Fonte: José Antonio Gil Martínez en Flickr.

A caza de marraxos e quenllas focalízase entre o arquipélago das Azores e a Península Ibérica, zona de migración destas especies, sometidas a unha "intensa explotación por parte das industrias pesqueiras española e portuguesa, no marco de acordos de colaboración entre ambos os países", detalla o biólogo francés Sebastián Biton Porsmoguer, autor do estudo 'Explotación intensiva de la tintorera Prionace glauca y del marrajo Isurus oxyrinchus: Análisis de la pesquería en el Atlántico noreste entre 2001 y 2016', que vén de ser publicado na Revista de Biología Marina y Oceanografía.

"A pesca da quenlla e do marraxo non está regulada por ningunha medida", o que dá carta branca aos palangreiros para sobreexplotar estas especies.

Como xa fixeron outros científicos en estudos previos, Sebastián Biton Porsmoguer censura que "a pesca da quenlla e do marraxo non está regulada por ningunha medida", o que dá carta branca aos palangreiros para sobreexplotar estas especies, das cales a maioría dos exemplares capturados son individuos xuvenís que aínda non se reproduciron.

Partindo deste problema e dos antecedentes que existen, o biólogo analizou os niveis de desembarques e esforzo pesqueiro de quenlla e marraxo realizados polos palangreiros galegos e portugueses na lonxa de Vigo entre os anos 2001 e 2016. Ademais, analizou a información biolóxica recadada durante os anos 2012 e 2013.

Poxa de marraxos na lonxa de Vigo
Poxa de marraxos na lonxa de Vigo | Fonte: José Antonio Gil Martínez en Flickr.

A partir dos datos obtidos sobre as frotas palangreiras (números de unidades) e os niveis de desembarques de quenllas, calculou as capturas por unidade de esforzo (CPUE), o cal, explica, pode ser usado como índice de abundancia relativa e tamén para analizar a produción global (a unidade de esforzo é "un conxunto de barcos pesqueiros utilizando a mesma arte de pesca, que pescan a mesma especie e o mesmo stock, na mesma zona de explotación e durante o mesmo período", apórtase no estudo).

A análise da información obtida nas mostraxes permitiu ao científico coñecer a fracción da poboación explotada, a proporción por sexo e a relación entre exemplares adultos e xuvenís capturados. 

OS DESEMBARQUES DE QUENLLAS AUMENTARON UN 165%

Sebastián Biton Porsmoguer observou importantes  flutuacións nas cantidades —en toneladas— desembarcadas en Vigo de quenllas e marraxos. Así, constatou que os desembarques de quenllas aumentaron no período analizado, pasando de 964 toneladas en 2001 a máis de 2.591 en 2016, o que significa un aumento de máis do 165%.

No que se refire aos marraxos, a pesar de que os desembarques aumentaron nos anos 2007 e 2010, en total diminuíron, pasando de 560 toneladas en 2001 a 119 en 2016, o que supón unha diminución de preto do 80% en 16 anos.

O número de palangreiros que explotan augas internacionais —a máis de 370 quilómetros da costa— aumentaron de 69 a 87 unidades entre 2004 e 2009. En 2016, o número de unidades rexistradas diminuíu a 68, segundo datos comunicados pola Xunta de Galicia.

As capturas de quenllas por unidade de esforzo calculadas como toneladas por embarcación, para as frotas palangreiras que explotan augas nacionais e internacionais, mostran unha tendencia crecente entre 2004 e 2016; en concreto, a CPUE aumentou de 8  toneladas por embarcación en 2004 a máis de 21 en 2016. Respecto ao marraxo, as CPUE diminuíron, pasando de 4 toneladas anuais a apenas unha por palangreiro durante o período estudado.

"As observacións dos individuos en venda na lonxa de Vigo permiten dicir que a gran maioría das quenllas capturadas non acadaron a madurez sexual e son xuvenís".

SOBREPESCA DE EXEMPLARES XUVENÍS

Os individuos xuvenís son os máis capturados polos palangreiros, tanto para a quenlla como para o marraxo. Entre 109 quenllas analizadas, 30 eran adultas e 79 xuvenís. No marraxo, a diferenza foi máis notable: só 9 adultos dos 149 analizados.

No que se refire ao sexo, observouse un equilibrio no caso das quenllas: 59 femias e 50 machos. Para o marraxo, as femias dominan claramente os individuos capturados: 85 femias e 64 machos. 

Sebastián Biton Porsmoguer constatou tamén unha diferenza significativa de tamaño entre os machos e as femias, sendo a lonxitude total dos machos, de media, máis elevada que as femias (+29,8 centímetros).

O certo é que as capturas de xuvenís superan amplamente a dos adultos, tanto para quenllas como para marraxos. Por iso, "a regulación da explotación é aínda máis importante e necesaria, xa que a gran maioría dos individuos aínda non se reproduciron", avisa o autor do estudo.

A presenza de individuos de moi pequeno tamaño á venda sinala, para Sebastián Biton Porsmoguer, que algunhas zonas explotadas polos palangreiros corresponden a áreas de cría. "En efecto, as observacións dos individuos en venda na lonxa de Vigo nos períodos de mostraxe e dos individuos capturados durante os embarques realizados permiten dicir que a gran maioría das quenllas capturadas non acadaron a madurez sexual e son xuvenís", clarifica o biólogo.

A captura de individuos xuvenís tamén se explica pola características da arte de pesca utilizada e polo modelo de palangreiros, que só permiten a captura de individuos de pequeno e mediano tamaño.

Esa captura de individuos xuvenís tamén se explica pola características da arte de pesca utilizada e polo modelo de palangreiros. O científico aporta que o palangre de superficie utilizado só permite a captura de individuos de pequeno e mediano tamaño, polo que os individuos adultos, de máis de dous metros, poden romper a liña pola presión e a forza, e os dentes da quenlla poden cortar a liña. Para evitar ese inconveniente, algunhas veces os pescadores instalan un cable de aceiro na liña até o anzol. Ademais, a maioría dos palangreiros non están equipados para izar a bordo quenllas de máis de dous metros.

MEDIDAS REGULATORIAS

Os resultados do estudo sinalan unha tendencia á alza na explotación da quenlla, cun aumento das capturas por unidade de esforzo. Pola contra, hai unha diminución da CPUE para o marraxo durante o período do estudo.

No entanto, Sebastián Biton Porsmoguer matiza que "a pesca non é o único factor que pode explicar as variacións observadas respecto das capturas das quenllas", que "poderían explicarse tamén por factores endóxenos ou esóxenos ao sistema mariño tales como o recrutamento, a migración, as interaccións coas outras especies ou a variabilidade climática que ocorre nas zonas de captura". Con todo, prosegue, "non se dispón de datos sobre estes parámetros".

Na zona de estudo, a avaliación do stock das quenllas é realizada pola ICCAT (Comisión Internacional para a Conservación do Atún Atlántico). En 2008 e 2015, recorda o biólogo francés, a ICCAT estimou —a partir de modelos de produción excedentaria, modelos estruturados por idade e modelos sen capturas— que as cantidades de extracción actuais de  quenlla están por baixo do Rendemento Máximo Sustentable (rendemento de equilibrio teórico máis alto que se pode extraer continuamente —en media— dunha poboación en condicións ambientais existentes —media— sen afectar significativamente o proceso de reprodución). Estas análises indicarían que os stocks de quenlla non estarían sobreexplotados.

Pola contra, o ICCAT considera, que os stocks de marraxo no Atlántico norte estiveron posiblemente sobreexplotados segundo a evolución histórica das CPUE e os niveis de extracción actuais de marraxos estarían por enriba do Rendemento Máximo Sustentable.

"As autoridades deberían tomas medidas para reducir os niveis de captura e desembarques".

Sebastián Biton Porsmoguer lembra que segundo algúns científicos a tendencia das capturas por unidade de esforzo estaría a indicar un esgotamento do stock de máis do 50% ou máis. De feito, salienta que os datos do seu estudo indican tamén unha diminución da CPUE.

"Con todo, os últimos informes sinalan grandes incertezas en canto ao estado do stock debido principalmente a unha falta de datos biolóxicos da especie na zona de explotación. O esgotamento do stock confirmado pola ICCAT en 2010 explicaría a forte diminución das capturas de marraxo observada durante o período de estudo e a redución de unidades de pesca observada estes últimos anos", detalla.

Profundando máis no problema, o biólogo subliña que "as características reprodutivas das quenllas e marraxos, con idades de madurez sexual tardías en ambos os casos, fan que sexan moi vulnerables en caso de sobreexplotación".

É por isto que advirte de que "as autoridades competentes (Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio, Consellería do Mar da Xunta de Galicia) deberían tomas medidas para reducir a presión exercida polos palangreiros sobre as especies explotadas (reducir os niveis de captura e desembarques)".

Que medidas se deberían adoptar? "Por exemplo, reducir a frota pesqueira, limitar o número de anzois permitidos por barco ou impoñer unha cota e/ou tamaño límite", propón o científico.

"O obxectivo é manter o nivel de explotación sustentable a longo prazo mantendo niveis de captura soportable para a biomasa de ambas as especies e de rendibilidade aceptable para os pescadores", engade Sebastián Biton Porsmoguer.

O MARRAXO, EN DECLIVE

No caso concreto do marraxo azul, a comunidade científica vén alertando de que a sobrepesca ten contra as cordas esta especie, que se atopa en claro declive e cuxa recuperación só será viable se se reducen drasticamente e de maneira inmediata as súas capturas. Así o alertaron recentemente tres científicos —entre eles, o biólogo galego Gonzalo Mucientes— nunha carta publicada na prestixiosa revista Science titulada 'Shortfin mako sharks threatened by inaction'.

Os datos aportados por David W. Sims, Nuno Queiroz e Mucientes son contundentes: as capturas informadas de marraxo azul no Atlántico Norte actualmente superan as 3.300 toneladas anuais, é dicir, uns 130.000 exemplares —cifras que os científicos mesmo consideran por debaixo dos números reais—. A avaliación do stock de 2017 feita pola ICCAT (International Commission for the Conservation of Atlantic Tunas) confirmou a sobrepesca no Atlántico Norte e recomendou reducir a captura anual deste tipo de tiburón a 500 toneladas anuais ou menos —só o porto de Vigo xa comercializa preto de 400 toneladas—, para evitar novas diminucións na poboación do marraxo azul. 

O PORTO DE VIGO, NO PUNTO DE MIRA

O porto de Vigo leva anos no punto de mira de ecoloxistas, científicos e xornalistas estranxeiros polo comercio masivo e sen límites de carne e aleta de tiburón.

Os palangreiros capturan principalmente individuos pequenos, polo que os exemplares xuvenís representan a maior parte dos desembarques en Vigo, nada menos que o 94%. Así o constataron científicos franceses, que descubriron que os exemplares máis grandes que chegan á lonxa viguesa teñen concentracións de mercurio por enriba do límite máximo permitido para o consumo

Os autores deste estudo —investigadores do Institut Méditérranéen d'Océanographie, o Institut Français de Recherche pour l'Exploitation de la Mer e o Littoral Environnement et Sociétés de Francia—, avisan de que "o desembarco de quenllas e de marraxos en Vigo durante a próxima década debería supoñer a implementación de medidas de xestión para a explotación pesqueira sustentable e a conservación destas especies".

Vigo é un dos principais portos no mundo para a distribución de aleta e carne de tiburón, cuxo principal mercado é Asia e, sobre todo, China. Un estudo internacional no que participou o Centro Tecnolóxico do Mar de Vigo (CETMAR) xa advertiu tamén da necesidade de establecer novas cotas de captura para protexer os tiburóns no Atlántico Norte ante o risco de sobrepesca, principalmente pola actividade dos buques galegos e portugueses.

Tiburóns amoreados no porto de Vigo
Tiburóns amoreados no porto de Vigo | Fonte: Miguel Núñez.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Un galego

O que tiñan que mirar é para China e outros países asiáticos. Ademais de pescar máis toneladas moitos só queren as aletas. Polo menos os galegos e portugueses aproveitan todo. Pero quen lle protesta a China, verdade caagooons.