Temas: MINA LOUSAME

Bruxelas debaterá a perigosidade da mina de Lousame o vindeiro mes

Se a mina chega a reactivarse, as augas residuais, que mostran axentes tóxicos e canceríxenos, serían verquidas ao río San Fins e rematarían na ría de Noia.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 26/06/2018 | Actualizada ás 12:51

Comparte esta noticia

O 11 de xullo ábrese a porta a un novo esceario. A situación da mina de wolframio de Lousame será debatida no seo da Comisión de peticións do Parlamento europeo. A petición da asociación Petón do Lobo foi admitida a trámite e incluída na orde do día da reunión, que terá lugar aproximadamente ás 15:40 horas do día 11.

Presas de San Fins, en Lousame
Presas de San Fins, en Lousame | Fonte: Vida e Ría

Hai xa tres anos, a Xunta de Galicia permitía a reactivación da mina de San Fins de Lousame, mais esta segue sen limparte e non hai plan de restauración da área afectada. A día de hoxe, a actividade da mineira non se reactivou, pero a Asociación Petón do Lobo denuncia "as presas colmadas de sedimentos, a contaminación do río" e a negativa do acceso á documentación ambiental por parte da dirección Xeral de Enerxía e Minas, "que bordea perigosamente a Lei unha e outra vez". Por outra banda, a empresa Tungsten San Fins, do Grupo Sacyr, "nega calquera responsabilidade sobre as presas existentes e rexeita facerse cargo da súa limpeza e de calquera plan de restauración da área afectada polas antigas minas".

É por esta falta de asunción de responsabilidades que a mina non se reabriu. A súa perigosidade é alta: os datos do Plan de Control de Verquidos da Xunta, mostran niveis de Cadmio, axente extremadamente tóxico e canceríxeno, 20 veces superiores aos permitidos augas abaixo da explotación, mentres que o elemento está ausente augas arriba da mina.

CONSECUENCIAS DA REACTIVACIÓN DA MINA

A reactivación das labores mineiras produciríase sobre o escenario das antigas labores mineiras, abandonadas no seu día, e sobre as que non se levara a cabo restauración ningunha. A mercantil Tungsten San Fins solicitou alá polo 2015 a Augas de Galicia a autorización para verquer ao río San Fins ao redor dun millón de metros cúbicos anuais de augas residuas mineiras procedentes de galerías inundadas e de escorrentía das entulleiras.  Estas augas ácedas e con altos contidos de metáis pesados, serían verquidas previo tratamento ao río San Fins, tributario do río Vilacoba, e rematarían na ría de Noia. Segundo as analíticas de Augas de Galicia, os níveis de Cd (cadmio), Cu (cobre) e Zn (cinc) disoltos superan os límites máximos fixados nas Normas de Calidade Ambiental. 

Neste escenario a Asociación Petón do Lobo solicitou á Dirección Xeral de Enerxía e Minas a execución do plan de restauración mineira e o acceso a este documento e ao documento de avaliación ambiental. A negativa da Dirección Xeral de Minas de facilitar a documentación solicitada levou a esta asociación a presentar unha reclamación ao abeiro do Comité Aarhus da ONU. "O desleixo da Consellería de Industria é absoluto. Non se producirían os problemas actuais se a Dirección Xeral de Enerxía e Minas tivera actuado con responsabilidade ao longo dos últimos anos e tivera esixido o cumprimento da normativa vixente en materia de restauración de espazos degradados", aseguran dende a Asociación Petón do Lobo.

Temas: MINA LOUSAME
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta