Os traballadores de Meirama piden aplicar os investimentos comprometidos pola empresa

O comité de empresa da central térmica de Meirama nunha rolda de prensa na Casa do Concello de Ordes, instou á dirección da compañía Fenosa que aclare se se construirían as dúas plantas para redución de gases comprometidas para antes de que acabe a presente década.

Por Galicia Confidencial | Ordes | 26/06/2018 | Actualizada ás 14:54

Comparte esta noticia

Bautista Vega, presidente do Comité de Empresa de Meirama, transmitiu en rolda celebrada en Ordes, a preocupación dos e das traballadoras da empresa do grupo Fenosa, polo atraso dos investimentos que a compañía anunciara para adecuar a central térmica para a redución de gases contaminantes. O  diñeiro iría destinado á creación de dúas plantas, unha destinada á redución de óxido de azufre e outra á transformación en hidróxeno e auga doutros elementos químicos.

Central de Meirama
Central de Meirama | Fonte: Wikipedia

Bautista Vega, en declaracións a Galicia Confidencial, quixo deixar constancia de que “pedimos ao conselleiro de Industria que se preocupe desta situación” e que en relación a isto “xa solicitaramos unha reunión co señor Conde para que nos recibiría en marzo, pero aínda non nos recibiu”.

O investimento que anunciara no seu momento Gas Natural Fenosa, propietaria das instalacións, serían de cen millóns de euros. Esta achega permitiría que “a central puidese ter unha vida operativa polo menos ata o ano 2050” sinala Bautista Vega. Serían por tanto trinta anos máis de actividade para a térmica que no ano 2007 substituiu o lignito extraído das minas próximas á central por outro de maior potencial calorífico e menos contaminante, importado dos EE UU.

A cuestión é que “todos os sindicatos do comité de empresa estamos de acordo en pedir que se realicen as achegas necesarias e así permitir a permanencia dos postos de traballo” di Bautista Vega, porque ademais “non só falamos dos concellos de arredor e da comarca senón de toda Galicia debido a que esta empresa é unha das máis competitivas no seu sector”. “Por este motivo pedimos e insistimos ao conselleiro de Industria que presione a Gas Natural Fenosa para que aclare o futuro do diñeiro anunciado”.

Actualmente a central térmica de Meirama dá traballo directo a cen persoas ademais doutro cento que serían de empresas auxiliares, á parte dos postos de traballo indirectos. A explotación mineira a ceo aberto para extracción de lignito foi pechada hai unha década. Hoxe en día o lugar da mina está ocupado por un lago artificial. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Gas Natural Fenosa = Pobreza Enerxética en Galicia https://i.gal/gamela09