Tres delegados sindicais denuncian "represión" da Xunta

Dous portavoces de STAJ e un de AXG-CUT declaran na Fiscalía de Pontevedra que non realizaron "ningún tipo de coacción".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/06/2018 | Actualizada ás 18:19

Comparte esta noticia

Tres representantes sindicais acudiron este martes a declarar ante o Fiscal Xefe da Audiencia de Pontevedra, Juan Carlos Aladro, en calidade de investigados por supostas coaccións durante a folga da xustiza, asunto que achacaron a un acto de "represión" por parte da Xunta. En concreto, trátase dos portavoces de Alternativas na Xustiza-CUT (AXG-CUT), Fina Iglesias e Pablo Valeiras, e de STAJ, Enrique Araújo, quen tamén culpou ao sindicato SPJ-USO de actuar "coa axuda da Fiscalía".

Mesa sectorial de xustiza, con Xunta e sindicatos durante a folga
Mesa sectorial de xustiza, con Xunta e sindicatos durante a folga

Con iso, Araújo referiuse á orixe da investigación que achaca a unha denuncia ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia presentada por un delegado de Ourense de SPJ-USO por supostas coaccións o día da votación do acordo. Para apoiar aos seus compañeiros investigados, medio centenar de traballadores protagonizou este martes unha concentración de protesta ás portas do edificio dos xulgados da Parda, onde ten o seu despacho o Fiscal xefe "amiguísimo de Rueda".

A todos eles, Araújo lles comentou que "non lles gusta estar nesta situación" pero que están "tranquilos" porque, segundo apuntou, "saben que dos feitos que nos imputan non ocorreu absolutamente nada". Así mesmo, asegurou que non houbo "ningún tipo de coacción" aos membros da mesa electoral nin aos representantes doutros sindicatos: "Non se lle pediu o voto a ninguén nin se tentou presionar absolutamente a ninguén para que cambiase o sentido do seu voto".

"CAZA E CAPTURA" DE SINDICATOS

Ademais, Araújo reprochou á Fiscalía que estea "actuando como unha parte implicada neste proceso" e o tres criticaron as actuacións que leva a cabo, algo que o seu compañeiro Valeiras non dubidou en cualificar de operación de "caza e captura de tres sindicatos que estivemos en contra do preacordo" e que enmarcou nun "xogo de poder".

O representante de AXG-CUT tamén expresou a súa "tristeza como sindicalista" pola actitude dun "sindicato amarelo", tal e como identificou a SPJ-USO, ao que acusou de colaborar xunto a CC.OO., UXT e CSIF nun "peche en falso" do conflito laboral na administración de Xustiza galega.

Finalmente, a súa compañeira Fina Iglesias declarou que, como sindicalista, "o seu deber é defender os dereitos dos traballadores", que foi o que, segundo as súas palabras, fixo "durante todo o tempo da folga", enmarcando a "tensión" vivida na xornada de votación do preacordo como "algo normal, xa que a xente estaba enfadada" pola "traizón" e o "desgaste" de tres meses de paro, segundo concluíu. "Non teño nada polo que arrepentirme", insistiu Iglesias.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta