Down Galicia: "A LOMCE provoca un retroceso irreversible en materia de integración"

A Federación para a discapacidade en Galicia esixe unha reforma "urxente" da lexislación educativa.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 28/06/2018 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Down Galicia considera "urxente" a reforma da lexislación educativa e a implantación dun sistema que respecte o principio de educación inclusiva, baseado na igualdade de oportunidades e que non discrimine as persoas por razón da súa discapacidade. E máis, tras o recente informe das Nacións Unidas onde se acusa ao sistema eduativo español de vulnerar os dereitos das persoas con discapacidade.

O conselleiro de Sanidade coa Federación Down Galicia.
O conselleiro de Sanidade coa Federación Down Galicia.

Para Down Galicia "a educación é un piar fundamental no desenvolvemento de calquera sociedade e as sociedades avanzadas deben estar dotadas de institucións capaces de garantir este dereito a toda a poboación, sen excluír a ningún individuo". Según Delmiro Prieto, presidente da Federación, “se se segrega ao alumnado, sexa cal sexa a causa, sobre todo nunha idade temperá, non se avanza na construción dunha sociedade tolerante e respectuosa coa diferenza e coa diversidade”. 

"A LOMCE: LEXISLACIÓN SEGREGADORA E NON INCLUSIVA"

Neste sentido, a actual lexislación en materia educativa, a Ley Orgánica de Mejora de la Calidad Educativa (LOMCE), resulta "especialmente preocupante", afirma a entidade, que dende un primeiro momento se amosou contrario a esta norma. Aseguran que é "claramente segregadora ao establecer itinerarios excluíntes e seleccionar e clasificar ao alumnado, perdendo a Educación o seu carácter compensador". Así mesmo, critican que esta lei non garante que aquelas persoas con dificultades na aprendizaxe conten coa atención adecuada, provocando que a calidade educativa merme.

En palabras do seu presidente, a LOMCE “provoca un retroceso irreversible nos pasos e avances conseguidos en materia de integración e inclusión escolar”. Prieto fai fincapé en que neste momento estamos a vivir “unha etapa de auténtica involución, abocando á marxinación a unha gran parte da poboación”. Pon o exemplo das Axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar da Consellería de Educación, que "contempla unha clara diferenciación entre aquel alumnado con necesidades educativas de apoio, con menos do 65% de discapacidade, escolarizado en centros ordinarios ou aquel escolarizado en centros de educación especial".

AS ACCIÓNS DE DOWN GALICIA

Down Galicia iniciou no ano 2014 a súa loita para que esta Orde fose menos excluínte, solicitando á Consellería de Educación que revisase os criterios para acceder a estas axudas e solicitando que se contemplasen as mesmas condicións para o alumnado con discapacidade
igual ou superior ao 33% independentemente do centro educativo, ordinario ou específico, no
que estivese escolarizado. Estas peticións foron desbotadas pola propia Administración, considerando que “non hai discriminación nin vulneración do dereito á igualdade de oportunidades”. Delmiro Prieto esixe "máis ambición por parte da administración autonómica se o que se pretende é paliar os efectos negativos da LOMCE".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta