Empresarios ameazan con levar aos tribunais a un concelleiro de O Pino por comentarios en Facebook

A Asociación de Empresarios da Comarca de Arzúa enviou unha carta ao concelleiro do PSOE Óscar Vilar por colocar comentarios nun fío de Facebook. Os comentarios estaban relacionados coa incorporación de Cobre San Rafael S.L., na asociación. O BNG de Touro presentará mañá unha moción pedindo ao concello a denegación ambiental para a reapertura da mina.

Por Galicia Confidencial | O Pino-Touro | 28/06/2018 | Actualizada ás 13:16

Comparte esta noticia

A Asociación de Empresarios da Comarca de Arzúa (AECA) enviou unha carta a varios usuarios e usuarias de Facebook que engadiron comentarios á fotografía do acto de incorporación de Explotaciones Gallegas á asociación empresarial. Na carta de AECA notifícase ás persoas destinatarias que consultaron os servizos xurídicos da asociación e que “Estas afirmacións (do fío de Facebook), poden ser atentatorias contra a honra e prestixio da asociación e dos seus membros”.

Masiva manifestación en contra da mina de Touro e O Pino
Masiva manifestación en contra da mina de Touro e O Pino | Fonte: Plantaforma Mina Touro-O Pino Non

Entre os recpetores da misiva de AECA está o concelleiro do PSOE no Pino, Óscar Vilar, quen engadira o seu comentario no fío de Facebook onde se falaba da incorporación de Cobre San Rafael á asociación de empresarios arzuáns. Ditos comentarios aparecían no perfil que Radio Arzúa ten aberto na rede social.

A publicación do acto no perfil de Radio Arzúa provocaba críticas como “a repercusión mediática que se lle estaba a dar, por parte da Directiva de AECA a Cobre San Rafael” cando esta empresa “a día de hoxe non conta coas autorizacións administrativas da Xunta de Galicia e, pola contra, xa existen varios informes sectoriais contrarios ao proxecto” como di o comunicado enviado logo de coñecerse a carta enviada desde a asociación empresarial comarcal aos usuarios que participaron no fío.

O comunicado enviado logo da carta de AECA, fai constar que as “críticas non foron ben acollidas por parte da directiva da asociación de empresarios, directiva da que forma, ou formou, parte algún membro da xestora do Partido Popular arzuán”. Por outra parte, a misiva enviada por AECA ás persoas participantes no fío de Radio Arzúa fai saber que “certos comentarios poden ser constitutivos de delitos de inxurias e calumnias, recomendando que se rectifiquen ou se borren, ou polo contrario, que valorarán emprender accións xudiciais, “incluso do orde penal””.

Ao concelleiro socialista de O Pino Óscar Vilar, a Xunta Directiva da AECA tamén o ameaza con iniciar accións xudiciais contra el “recriminándolle un comentario (literal) “só interesa o compromiso co bolsillo””. O comentario segundo Vilar, fai resposta a unha serie de
cuestións “e que cada quen pode interpretalas como queira, neste caso, en concreto, refírese a unha crítica xeral, dirixida a todos aqueles/as, (sociedade en xeral), que en pleno século XXI pensan que a natureza aguanta todo, e que prima o económico antes que o respecto co medio ambiente”. Óscar Vilar lamenta “que os directivos de AECA teñan a pel tan sensíbel” e que algúns comentarios, aínda que podan resultar non ser apropiados entran “dentro da dialéctica política entres os diferentes representantes políticos” pero que en ningún caso “se pode entender como unha falta ao honor a ninguén, nin mesturar o ataque político como un ataque persoal”.

PLENO DE TOURO

O concello de Touro acolle este venres ás 13:30 un pleno ordinario onde o BNG da localidade presentará unha moción para a denegación de solicitude ambiental para o proxecto da mina O Pino-Touro. Entre os motivos que alegan os nacionalistas de Touro están “o rexeitamento social, que se vén manifestando dende que se coñeceu o proxecto”, tamén “a contaminación continua e persistente provocada pola anterior explotación que queda demostrada coas analíticas que Augas de Galicia leva realizando na zona” e por último “os informes sectoriais emitidos por diversos organismos da administración galega que poñen de manifesto os enormes impactos ambientais e económicos e tamén os riscos que para a saúde podería provocar este proxecto”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta