María Xosé Queizán: "Tiven que pagar un prezo alto por rebelarme"

A escritora admite, entre risas tímidas, que é "unha persoa incómoda, directa e crúa", como a propia "realidade".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/07/2018 | Actualizada ás 12:51

Comparte esta noticia

A escritora galeguista e feminista María Xosé Queizán (Vigo, 1939) leva toda a súa vida entregada ás letras, baleirando os seus "principios" en decenas de textos e nadando a "contracorrente" nun ambiente que, moitas veces, non "llo puxo fácil". "Tiven que pagar un prezo moi grande por rebelarme, por iso non entrei na Real Academia Galega", manifestou.

María Xosé Queizán, escritora galega. CEDIDA
María Xosé Queizán, escritora galega. CEDIDA | Fonte: Europa Press

A propósito dunha recente homenaxe do mundo feminista e coincidindo coa publicación das súas memorias en outubro e o premio Lois Pena Neto, a escritora recoñeceu que non ser académica é o "prezo que hai que pagar" por ser unha persoa que "non sabe calar". Un prezo, dixo, "moi alto".

Moitas das súas amigas defínena como "muller combativa", como ela mesma lembrou, e rememorou que o seu avó vaticinou a liña que seguiría toda a súa vida: "Morrería polas súas conviccións". A propia Queizán admite, entre risas tímidas, que é "unha persoa incómoda, directa e crúa", como a propia "realidade".

Ademais, está convencida de que esta calidade súa "non lle gusta a todo o mundo" e hai quen pode sentirse "incómodo" coas "súas verdades", como ela mesma asegura que "se demostrou hai moitos anos" cando "tiña que entrar na Real Academia Galega", o que non dubidou en cualificar como "un castigo por escribir o que se supón non hai que escribir".

OS VIOLADORES FAN O QUE O RESTO

Queizán tamén repasou algúns asuntos de actualidade, como a posta en liberdade dos membros de 'A Manada' e advertiu, como columnista que é tamén, que non debería darse voz a ningún integrante dese colectivo, condenado por abusos sexuais. Darlles esa oportunidade sería un "problema grave", baixo o seu punto de vista.

"Xa sabemos que son xente normal, son normais nos seus traballos, cos seus amigos e a súa mamá e o seu papá que os queren moito", dixo, pero matizou que isto non é "incompatible" coa súa condición de "miserables", "capaces de unirse, meter a unha moza nun portal e violala".

Queizán pregúntase "que pasa pola cabeza dos xuíces para tratalos tan ben". Considera que un "acto de violencia" non pode basearse no "consentimento" para ser xulgado, porque "os que violan non fan cousas distintas das que practican o resto de homes coas mulleres" e, moitas veces, "o consentimento é aprendido".

8M: PUNTO DE INFLEXIÓN

Para romper coa "decepción e desacreditación" que transmite "a xustiza", o feminismo ten un "papel protagonista" e, segundo a escritora, que tantas veces emponderou á muller nas súas obras, "o 8 de marzo foi un punto de inflexión enorme" no que "se reuniron moitas xeracións". E a partir de agora, dixo, "todo irá para arriba", xa que, agregou, "este goberno socialista traballará a favor do feminismo".

María Xosé Queizán tamén se referiu aos movementos reivindicativos das mulleres xornalistas, que participaron activamente na manifestación do 8 de marzo ou que secundaron os 'Venres negros'. "As profesionais están a porse no seu sitio", remarcou e sentenciou: "Sempre tivo que haber rebeldía para conseguir cambios, aínda que ás veces pérdanse cousas".

Ao preguntarlle por aquilo que nunca se debe deixar escapar, a autora non dubida en soster, ante todo, "a democracia". "Debe defenderse con uñas e dentes e non ceder nin un milímetro", apuntou Queizán, unha muller que naceu ao termo da Guerra Civil e creceu nun réxime ditatorial, "onde a maioría das mulleres foron analfabetas até 1979", lembrou, "momento no que se implantou unha lei de ensino obrigatorio para os dous sexos".

"O FEMINISMO NON NECESITA REVISARSE"

Preguntada sobre a necesidade de revisar o feminismo branco hexemónico, a escritora reivindicou "a importancia do feminismo de vangarda europea" e engadiu que o feminismo "non necesita revisarse", xa que "sempre houbo sociedades máis avanzadas que outras".

Neste sentido Queizán entende que colectivos minorizados "como as negras e as xitanas" son os que deben "revisarse" e, ó seu parecer, "adaptarse ao mundo occidental para seguir avanzando e non ir marcha atrás" porque "non hai nada de malo en ser progresista", afirma.

A autora, de 79 anos, cre que todas as mulleres "deben unirse á causa feminista" e compara a loita actual cos movementos afroamericanos polos dereitos civís en Estados Unidos, momento no que "toda a sociedade, persoas brancas e negras" reivindicáronse e "conseguiron progresos grazas á democracia", engadiu. Con este exemplo, critica a falta de apoio que se deu no 8M desde o colectivo afro, xa que considera que este "non é momento de matarse as unhas ás outras", senón que elas "deben adaptar ao noso mundo".

MEMORIAS DE 79 ANOS INTENSOS

No mes de outubro a escritora publicará as súas memorias "de toda unha vida" e, conforme aos seus valores, está segura de que "incomodará en todos os ámbitos", mesmo no "literario".

Ao preguntarlle se deixará ver a unha María Xosé Queizán ata agora escondida, só desvela que "a novidade absoluta" radica "nunha forma de escribir descarada, certa e que non oculta nada" o que, ademais, "entra en consonancia co feminismo actual, o que di as cousas claramente".

O feminismo co que se identifica Queizán é o que sentencia que "o noso pracer non depende do órgano sexual masculino" e que "o foder", entendido como a colonización sexual das mulleres e primeira forma de opresión home-muller, "vaise acabar", advirte.

Estes "principios e valores" son os que conforman a unha muller de armas tomar que recentemente recibiu unha homenaxe en Vigo, onde "150 mulleres" a recibiron "con moito agarimo e afecto", rememorou, despois de toda unha vida promulgando "historias incómodas", como así recoñeceu nesta entrevista.

Á propósito das emocións dese día, a autora séntese "recompensada coa vida", sobre todo coas mensaxes que lle fixeron chegar as súas compañeiras no encontro e resalta, especialmente, o seguinte: "esta é a Academia de María Xosé Queizán". Aínda que a liberdade siga sendo cara, ela conta a súa "verdade" e ter a oportunidade de facelo "mostra o valor" da súa "rebeldía" nunha "novela por entregas" que se publicará en outubro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta