A valedora estuda recorrer a sentenza que recoñece "desvío de poder" por enchufar a irmá de Puy Fraga

A institución executou a sentenza que anula o nomeamento de María Puy Fraga como xefa de servizo de Administración e Persoal pola que intercedeu Milagros Otero.

Por E.P. | Compostela | 01/07/2018 | Actualizada ás 21:20

Comparte esta noticia

O Valedor do Pobo executou a sentenza da Sala do Contencioso Administrativo do TSXG que anula o nomeamento da xefa de servizo de persoal pola que intercedeu a valedora, Milagros Otero, á que o tribunal atribúe un "desvío de poder" e unha actuación con "arbitrariedade" en favor da persona seleccionada para o posto, coa que garda relación.

A valedora do Pobo, Milagros Otero
A valedora do Pobo, Milagros Otero | Fonte: EP

A través dun comunicado emitido este domingo, dous días despois de coñecerse o fallo xudicial, a institución que dirixe Otero informa da anulación do nomeamento de María Puy Fraga, irmá do portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, e filla dun catedrático de Dereito do que é discípula a valedora.

Así, anuncia que Puy Fraga cesa como xefa de servizo de persoal e, en cumprimento da sentenza, retrotrae o procedemento de selección, a través do sistema de libre designación, á fase de valoración dos candidatos, cuxos méritos, segundo recolle o fallo do TSXG, non foron tidos en consideración porque a institución actuou determinada a outorgar o posto á persona finalmente seleccionada.

"A titular da institución do Valedor do Pobo non participou no procedemento administrativo, e abstívose de intervir no mesmo, sendo substituída polo adxunto ao Valedor, en aplicación do que prevé á Lei do Valedor", indica a institución.

Con todo, o TSXG determina na súa sentenza que Milagros Otero continuou influíndo no proceso de selección a pesar de apartarse no inicio do mesmo. Ademais, só unha vez presentado o recurso por parte dun dos participantes no procedemento, a valedora recoñeceu que a súa decisión de dar un paso á beira debeuse a que mantiña relación cunha das candidatas, M.P.F.

No seu comunicado, o Valedor do Pobo reitera o seu respecto ás decisións xudiciais e afirma estar a estudar a posibilidade da presentación dun recurso, xa que a sentenza non é firme.

SENTENZA

Tal e como informou GC este sábado, a Sala do Contencioso Administrativo do TXSG anulou o nomeamento dunha persona para un posto de libre designación no Valedor do Pobo por irregularidades no proceso, no que, segundo o xulgado, a valedora, Milagros Otero, intercedeu para que o cargo recaese nunha persona coa que tiña relación.

O fallo, con data de 29 de xuño, estima o recurso presentado por un particular contra a resolución emitida en marzo de 2016 polo adxunto da valedora en substitución desta. Así, anula o nomeamento de María Puy Fraga --irmá do portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy-- como xefa de servizo de Administración e Persoal da institución polo método de libre designación e ordena a repetición do proceso.

Así, o xulgado determina que a selección desta persona "non se guiou" polos criterios de "igualdade, mérito e capacidade", senón "polo desexo de adxudicalo a unha das candidatas" e "con desprezo" ao resto de aspirantes, cuxos méritos e documentación "nin sequera se tomaron en consideración".

Segundo a sentenza, a valedora do Pobo, Milagros Otero, cometeu "desvío de poder" e "arbitrariedade" ao intervir no proceso con "interese de que fose seleccionada a señora P.F.", todo iso a pesar de que se abstivo de participar no procedemento "sen chegar a especificar" as causas para facelo.

Unha vez iniciado o proceso xudicial de reclamación, a valedora recoñeceu que o motivo que a levou a apartarse do proceso era que Otero é discípula dun catedrático de Dereito que é pai de Puy Fraga, persona que se fixo co posto e cuxa designación anula agora o TSXG.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

4 Nicodemo

Esto é o de sempre. O PP pensa aaque Galicia, igual que Españla, é a finca da propiedade. As familias caciquís do réxime campan aquí con toda impunidade, con dereito de pernada incluido. Os galegos non temos perdón por seguir votando o mesmo.

3 Fernando G

Esta señora tiene que dimitir porque el asunto de Puy Fraga apesta al nepotismo caciquil de siempre. Pero que nadie pida su dimisión sin haber exigido antes la de Paula Quinteiro, la destrozacoches de Podemos.

2 anonimo

Pero non te deixan dimitir? Mira que ter que pagar o favor pasando por este calvario é moi forte, eh!

1 Cifuentes & Paula Quinteiro

Resiste Milagros, aguanta que a mafia familiar precisa de xente imparcial coma ti, unha Valedora da casa que loite polo interese da casta! Ser 'fillo de' merece ter recompensa! E sé é do Partido Podre, iso xa non se discute, dereito de pernada e que mexen polo pobo baixo!