O BNG ve "inescusable" a renuncia da valedora do Pobo

Pontón tacha a actuación de Otero de "táctica caciquil" e estende os efectos do caso ao PP, ao que pide que "non escurra o vulto".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/07/2018 | Actualizada ás 13:54

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, volveu reclamar a renuncia "inescusable" da valedora do Pobo, Milagros Otero, tras a sentenza da Sala do contencioso administrativo do TSXG que anula o nomeamento da xefa de persoal da institución que, segundo o fallo, produciuse a través dun proceso no que Otero cometeu "desvío de poder" e actuou con "arbitrariedade" para que o posto recaese nunha persoa coa que garda relación.

La portavoz nacional del BNG, Ana Pontón. REMITIDA
La portavoz nacional del BNG, Ana Pontón. REMITIDA | Fonte: Europa Press

Este luns, como xa fixo ao longo do fin de semana tras coñecerse o pasado venres a resolución xudicial, Pontón indicou que "é inadmisible" que Otero continúe á fronte do Alto Comisionado do Parlamento galego, unha institución que, como lembrou a líder frontista, ten como función velar polo cumprimento da lei.

Así, cre que a actuación da valedora durante o proceso, no que intercedeu para que a praza de xefa de persoal recaese en M.P.F., irmá do portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, e filla do catedrático de Dereito do que é discípula Otero; encádrase dentro das "tácticas caciquís máis vellas".

Por iso, incidiu en que "non chega con acatar" a sentenza, senón que Milagros Otero debe presentar a súa renuncia porque "non pode continuar nin un minuto máis" como valedora. De non presentar a súa dimisión, o BNG avanzou que presentará na Cámara unha petición de cesamento por incumprimento de funcións, extremo que recolle a Lei do Valedor do Pobo.

Nesta liña, considera que os feitos que describe o TXSG na sentenza "desacreditan a credibilidade da institución" ao constatar que Otero "enchufou" á súa xefa de persoal, á vez que apuntou que o fallo xudicial "non só afecta" ao Valedor do Pobo, senón que tamén incumbe ao Partido Popular, formación que, para Pontón, "non pode escurrir o vulto".

"NOMEAMENTO CONTROVERTIDO"

A continuación, Ana Pontón reclamou ao presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, que "dea a cara" e diga "se pensa que a valedora pode seguir no cargo", tendo en conta que o TSXG considera probado que actuou de maneira irregular nun proceso no que, segundo a sentenza, os méritos do resto de candidatos non foron tidos en conta porque a valedora actuou determinada a seleccionar á devandita persoa.

O titular da Xunta asegurou este luns que, desde o seu punto de vista, Milagros Otero "debería dar explicacións en sede parlamentaria, porque foi o Parlamento o que a elixiu". Precisamente, Ana Pontón lembrou que o nomeamento de Otero foi "controvertido" e que, no "polémico" pleno no que se acordou, o BNG "opúxose porque viña da man do PP". "O tempo dános a razón", apostilou.

Deste xeito, convidou a "facer memoria" para rememorar que na devandita sesión plenaria produciuse "un cambalache" entre populares e socialistas para "repartirse" institucións como o Consello de Contas, a CRTVG e o propio Valedor do Pobo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta