Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/07/2018 | Actualizada ás 13:29
A valedora do Pobo, Milagros Otero, comparecerá este xoves na Comisión de Peticións da Cámara galega e, ademais, tanto neste órgano como no pleno da semana próxima os grupos que conforman o hemiciclo galego debaterán sobre o cesamento da alta comisionada.
Otero está no foco da polémica por mor dunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que pon en cuestión e anula o nomeamento de M. Puy Fraga, irmá do portavoz parlamentario do PPdeG, no marco dun proceso interno de selección de persoal.
A previsión é, deste xeito, que a Comisión de Peticións aborde o informe sobre accesibilidade que xa estaba previsto. A continuación, comparecerá a valedora e haberá un primeiro debate (xa sen a presenza de Milagros Otero) sobre o seu cesamento no que se situarán os grupos.
En todo caso, a decisión do seu cesamento quedará pendente da directriz do último pleno ordinario deste período de sesións, que volverá abordar a cuestión o martes da próxima semana. Tanto o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, como a do BNG, Ana Pontón, manifestaron o seu desexo de que o PPdeG non sexa "cómplice" da súa continuidade e que ela mesma dea o paso de dimitir antes de que llo pida o pleno.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.