"Antes de perder": road movie feminista e de calidade "made in Galicia"

Segunda semana de rodaxe para "Antes de perder", a webserie galega e feminista dirixida por Sonia Méndez e financiada por Playz, a canle dixital de RTVE. GC fala coa súa directora, a creadora dunha produción que supón "unha aposta polo talento galego" que no ámbito estatal "por fin" están a descubrir e valorar.

Por Alicia Casas | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/07/2018 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Jana e Diana son dúas mulleres que toman as súas propias decisións. Dúas mulleres valentes, amigas, con personalidades ricas, complexas, e mesmo contraditorias. Así as describe Sonia Méndez, a súa creadora, quen decidiu levar á pantalla a dúas personaxes  que camiñan cara a liberdade. Pero “non cara unha liberdade imposta, senón cara unha liberdade real con toda a vertixe”.

Sonia Méndez na rodaxe de 'Antes de perder'
Sonia Méndez na rodaxe de 'Antes de perder' | Fonte: Mar Catarina e Rubén Domínguez

Jana e Diana son dúas mulleres moi diferentes entre elas pero con algo en común: “as súas vidas atópanse nun punto morto e só precisan unha faísca para comezar a vivilas con intensidade ou terminar apodrecendo no cárcere”.  Así que iso é o que fan, unha fuxida sen boleto de volta. Unha “amizade de lume e asfalto”.

“O espectador non debe agardar nada. Simplemente sentarse diante da pantalla, deixarse levar e desfrutar da viaxe. E se quere, comer uns flocos de millo, que eu para iso non che son nada extremista”, bromeou Sonia Méndez. Pero é difícil non agardar nada cando a maior parte do tempo as persoas buscan cousas: se cadra Jana é Thelma, se cadra Diana é Louise… Ou ao revés.

Porque é inevitable asociar dúas mulleres na estrada coas dúas bravas que xa coñecemos: as protagonistas do filme de Ridley Scott. Aquelas que escapaban de mundos masculinos violentos e acabaron batendo cun precipicio. Porque o prezo da liberdade é a morte aínda cando a preceden atracos ou margaritas á beira do mar.

"Na maioría de películas con personaxes principais femininos, a conquista da liberdade ten límites"

Esther Acebo e Mariam Hernández, as actrices protagonistas
Esther Acebo e Mariam Hernández, as actrices protagonistas | Fonte: Mar Catarina e Rubén Domínguez

Pero non, nin Jana é Thelma nin Diana é Louise. Tal e como explica a directora de “Antes de perder”, a diferencia é fundamental: Jana e Diana non morren. “En Thelma e Louise, como na maioría de películas con personaxes principais femininos, a conquista da liberdade ten límites: ou volven ao seu lugar ou únicamente lles agarda a morte, sexa real ou simbólica (loucura, internamento, soidade). Tal é o prezo da liberdade”, sinala Sonia Méndez. Ao que engade que, para ela, “non existe emancipación nunha viaxe cuxo único final sexa ese”.

UN ELENCO GALEGO "DE LUXO"

Alén disto, se Jana e Diana son algo máis que elas mesmas, entón son as actrices que as interpretan: Esther Acebo (A casa de papel, Baraka) e Mariam Hernández (Cuestión de sexo, Amar es para siempre). Elas son as encargadas de darlle vida a estas dúas mulleres e fano arroupadas dun elenco galego de luxo: Xúlio Abonjo, Manuel Manquiña, David Amor, Xose Touriñán, Marcos Pereiro, Xose Barato, Alberto Rolán, Federico Pérez, Patricia Vázquez, Carolina Igrexas (Percebes y Grelos) e as señoras da canle Teño unha Horta en San Sadurniño. Ademais, cómpre dicir que se o elenco é maioritariamente galego, o equipo é galego na súa totalidade.

"Creo que as recentes producións estatais feitas aquí con repartos na súa totalidade galegos están abrindo moitas portas fóra de Galicia. Pero o talento xa estaba aquí"

Datos máis salientables tendo en conta que esta road movie é financiada por Playz, a canle dixital de RTVE, en colaboración con Cósmica Producións. Así pois, a directora considera que se trata dunha aposta polo "talento novo" e por manter "certa liberdade creativa": “en Galicia a calidade actoral é indiscutible. Aquí temos grandísimos profesionais, técnicos e actores. Todo o mundo queda abraiado cando vén rodar a Galicia. Aquí o sabemos, parece que no ámbito estatal están empezando a descubrilo e valoralo, por fin. Creo que as recentes producións estatais feitas aquí con repartos na súa totalidade galegos están abrindo moitas portas fóra de Galicia. Pero o talento xa estaba aquí”.

AQUÍ, AS MULLERES NON PERDEN

“Antes de perder” é unha webserie de sete capítulos, galega e feminista. Feminista. E é que cando preguntamos á directora polos atrancos que atopou no camiño de ser actriz e directora, atrancos que non tería atopado de ser home, Sonia Méndez sinalou que non se podían concretar: “todos os compañeiros homes da miña xeración xa fixeron a súa primeira longametraxe e mesmo a segunda. Eu non”.

"“Cada vez que escoito 'ollada feminina' ou 'cine de mulleres' síntome coma un animaliño exótico a ser observado nun zoo de Borneo"

Con todo, “ollada feminina” e “cinema de mulleres” non son termos cos que a directora se sinta cómoda: “cada vez que escoito 'ollada feminina' ou 'cine de mulleres' síntome coma un animaliño exótico a ser observado nun zoo de Borneo. Eu non sei se a miña ollada é feminina, o que quero é crear sen etiquetas e prexuizos previos”. Porque as cousas mudaron pero non tanto como para poder eliminar etiquetas: “Hai que facer e ser máis punki, falar claro e chamar as cousas polo seu nome. Seguir visibilizando e fomentando as medidas de discriminación positiva”.

Pero voltando a Jana e a Diana, di Sonia Méndez que estas dúas son mulleres “ás que lles pasan cousas”. E non debería ser cousa tan inhóspita que a unha muller lle pasen cousas, pero segundo explica a directora pouco se ven na pantalla personaxes femininos con vida propia. Doutra banda, está o tema das actrices (que di Sonia Méndez que lle da para outra entrevista): “sobre as actrices, en fin, se non hai personaxes femininos e os que hai os interpretan só rapazas de menos de 30 normal que se reduza a súa 'idade fértil' (concepto por certo, moi asociado ao corpo e a maternidade). Logo ademais temos que crer que homes de máis de cincuenta con barriga e calvos teñan mozas pivones de menos de 30, en fin…”

ADAPTAR A HISTORIA

"Antes de perder" ía ser, nun primeiro momento, unha longametraxe. O proxecto transformouse co tempo porque, tal e como expresou a directora, "levantar un orzamento para unha longametraxe hoxe en día é case un milagre, distribuíla despois é xa ciencia ficción".

Sonia Méndez, ademais de directora e actriz, é a directora do festival de contidos dixitais Carballo Interplay (que recentemente recibiu a mención a "Fomento da Igualdade" polos Premio CREA) e sinalou que "as historias son historias e poden ser contadas de múltiples maneiras". Así, considera que a adaptación da historia a ficción seriada fixo que a historia medrara porque permitiu "darlles aos personaxes máis percorrido" sen mudar a visión cinematográfica no punto estético e artístico.

As protagonistas da webserie, Jana e Diana, na rodaxe
As protagonistas da webserie, Jana e Diana, na rodaxe | Fonte: Mar Catarina e Rubén Domínguez
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Yankee Doodle

Osea, unha mala copia de Thelma y Louise. Os progres moito criticar ós USA pero copian todo o que fan.