O goberno municipal do PP de Ourense, salvado polos votos do PSdeG e Ourense en Común

Fracasa a moción de censura impulsada por Democracia Ourensana.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/07/2018 | Actualizada ás 18:43

Comparte esta noticia

Os votos en contra de PSdeG, PP e Ourense en Común tombaron a moción de censura proposta por Democracia Ourensana para substituír ao alcalde de Ourense, o popular Jesús Vázquez Abad. No pleno extraordinario celebrado este xoves, o portavoz de Democracia Ourensana, Gonzalo Pérez Jácome, afirmou na súa intervención inicial que o rexedor da urbe galega é "o peor alcalde da historia de Ourense e o peor alcalde de España".

O alcalde de Ourense Jesús Vázquez
O alcalde de Ourense Jesús Vázquez | Fonte: xunta.es

Por iso, xustificou a solicitude da moción: "Se non cambiamos a este alcalde, a cal imos cambiar?", sostivo. Así mesmo, Pérez Jácome interpretou que tanto PSdeG como Ourense en Común non lle queren "facer alcalde" porque, se o fai ben, ao seu xuízo, arrasaría nas seguintes eleccións con 16 concelleiros.

O líder de Democracia Ourensana propúxolle ao alcalde da cidade dimitir á vez que el mesmo para aprobar os orzamentos. "Se vostede dimite, eu dimito e apróbanse os orzamentos, para que non digan que eu quero botarlle para quedarme aquí", díxolle a Vázquez Abad.

COMPORTAMENTO "OBSESIVO E CAPRICHOSO"

Pola súa banda, o portavoz de Ourense en Común, Martiño Xosé Vázquez Mato, tachou de "obsesivo e caprichoso" o comportamento de Pérez Jácome en relación á moción de censura, xa que "dista moito dunha persona que debería liderar a oposición e presentarse como alternativa de goberno".

Nesta mesma liña, Vázquez Mato declarou que a súa formación nunca faría alcalde "a unha persona que sente identificada coa base ideolóxica do presidente dos Estados Unidos, Donald Trump", que está en contra dos refuxiados, das persoas non documentadas e da igualdade de xénero, ademais de "reprimido polo alto comisionado para os Dereitos Humanos das Nacións Unidas". Estas acusacións foron rexeitadas posteriormente por Jácome.

"Os principios políticos básicos de xustiza social, igualdade de xénero ou transparencia non os ten; vostede está nas antípodas de Ourense en Común, por iso nunca o faremos alcalde", dirixiulle o líder de Ourense en Común a Pérez Jácome. Ademais, Vázquez Mato xustificou o seu voto en contra da moción de censura debido á escasa colaboración entre a súa formación e Democracia Ourensana ao longo da lexislatura á hora de mostrar a súa opinión sobre as mocións presentadas e no traballo conxunto.

"De cada dez mocións que se presentan a este pleno, oito coincidimos na orientación do voto co PSdeG; catro, con DO; e dous, co PP. De cada dez, unha é presentada de forma conxunta entre PSdeG e Ourense en Común. Cantas mocións presentaches con outra persona que non foses ti? Cero coma cero algo", espetoulle a Jácome.

UN PLENO QUE É "UNHA FARSA"

Pola súa banda, o portavoz do PSdeG, José Ángel Vázquez Barqueiro, asegurou que este pleno extraordinario é "unha farsa e unha comedia" organizada polo líder de Democracia Ourensana que "só ten unha finalidade: seguir co guión" que estableceu Jácome "hai moitos anos".

Barqueiro opinou que o portavoz de Democracia Ourensana non presentou a moción "para censurar ao alcalde", senón "aos grupos da oposición" e, concretamente, para "censurar" ao PSdeG. "Ese foi o pacto que no seu día alcanzaches con Baltar pai (José Luís Baltar, expresidente da Deputación Provincial), por iso financiouche a televisión, non o esquezas nunca, para que foses o azoute do PSdeG", comunicoulle a Jácome.

"Jácome non nos explica que quere facer coa cidade, cal é o seu programa electoral ou os seus eixos estratéxicos. Hoxe, non explicaches absolutamente nada porque non tes nada que explicar, non tes proposta para a cidade, dedícasche a pór enriba da mesa iniciativas quiméricas inconexas e non se sabe onde queres levar a esta cidade, aínda que eu teño sospeitas", dirixiulle Barqueiro a Jácome.

Así, o portavoz socialista asegurou que o argumento do líder de Democracia Ourensana é "falaz" e criticou a "obsesión e insistencia" deste último en relación á proposta de moción de censura tratada no pleno extraordinario.

"Por que DO expón este pleno extraordinario sen ter os votos suficientes para levar adiante esta moción de censura cando leva anos criticando e insultando e faltando ao respecto a todos os grupos políticos deste pleno? O ter puntos de encontro nalgunhas situacións non significa que teñamos que secundar sempre o que ti expós", resolveu o portavoz socialista.

INVITACIÓN AO DIÁLOGO

Mentres, o portavoz do Partido Popular, José Araujo, acusou a Jácome de "buscar nos sumidoiros da cidade como facer dano" mentres o grupo de goberno segue "avanzando". Así mesmo, convidou ao líder de Democracia Ourensana a "saír do sumidoiro permanente na que está metido e a relaxarse" para axudar a construír "no canto de estar a buscar un titular sensacionalista".

"Estamos abertos a falar con todos os grupos para o provir da cidade. Entre todos, podemos construír un Ourense mellor. Que se poñan de acordo entre vostedes e tráiannos propostas, porque serán moi ben recibidas", concluíu José Araujo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Galegus

Quedou claro: PSOE, PP a mesma m. é. E o Podemos ourensán o mesmo

1 Susofis

Vaite ho, ata o máis par vo sabería quen escoller entre PP e DO en Ourense. O PP dá no xo abondo, pero é que DO directamente dan medo e pena.