Sanxenxo, O Porriño e San Cibrao das Viñas, entre os municipios con máis carga poboacional

O IGE cuantifica por primeira vez este aspecto, que mide a variación por factores como turismo, o traballo e os estudos, entre outros.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/07/2018 | Actualizada ás 14:31

Comparte esta noticia

As sete grandes cidades, Sanxenxo e O Porriño (na provincia de Pontevedra) e San Cibrao das Viñas (en Ourense) atópanse entre os concellos con máis carga poboacional, segundo os datos que publica este venres o Instituto Galego de Estatística. O IGE publicou por primeira vez a carga de poboación estacional dos municipios de Galicia no período 2011-2016, co obxectivo de cuantificar o que soportan en cada trimestre do ano.

Praia de Sanxenxo. EUROPA PRESS - Archivo
Praia de Sanxenxo. EUROPA PRESS - Archivo | Fonte: Europa Press

A carga estacional representa a media trimestral de persoas equivalentes a tempo completo que soporta un consistorio e obtense sumando aos residentes a poboación de entrada, non residentes presentes, e restando a de saída (ou residentes ausentes).

Así, o saldo poboacional entre o non residentes que entran e os residentes que saen mide a diferenza entre a poboación presente e a residente. Esta estimación aproveita as fontes estatísticas que xa existen sobre a poboación residente e as persoas que se desprazan por motivos relacionados co turismo, estancias en segundas vivendas, estudos, traballo ou mesmo problemas de saúde.

Existe un comportamento diferenciado da poboación, segundo destaca o IGE, entre o primeiro, o segundo e o cuarto trimestre do ano con respecto ao terceiro trimestre durante todo o período 2011-2016, debido principalmente á temporada estival.

Así, en 2016 no primeiro, segundo e cuarto trimestre, os concellos con maiores saldos poboacionais eran as sete grandes cidades xunto cos municipios de Sanxenxo, O Porriño e San Cibrao das Viñas. En cambio, no terceiro, os de Ferrol, Lugo, O Porriño e San Cibrao das Viñas xa non figuraban entre os dez que teñen un maior saldo, substituídos polos costeiros do Grove, Nigrán, Baiona e Foz.

Pola contra, os municipios co saldo poboacional máis negativo no primeiro, segundo e no cuarto trimestre foron concellos nas áreas urbanas como Ames, Oleiros, Cambre Narón, Teo, Culleredo, Redondela e Barbadás.

En canto ao terceiro trimestre, a intensidade do saldo poboacional negativo destas localidades redúcese. Ademais, mentres no primeiro, segundo e cuarto trimestre de 2016 a maioría tiñan un saldo negativo, no terceiro esta situación cambia e pasa a ter saldo positivo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta