Denuncian a aparición de gran cantidade de peixes mortos no río Tambre

A Plataforma de Afectados Polo Vertedoiro de Santiago de Compostela-Miramontes di que a situación, entendida como "desastre ambiental", lévase producindo dende hai dúas semanas e afecta ao río Tambre ao seu paso por Ponte Albar e Tapia.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 09/07/2018 | Actualizada ás 11:41

Comparte esta noticia

A denuncia pública do "desastre ambiental" que se vén producindo no río Tambre durante as dúas últimas semanas. Esta é a principal reivindicación da Plataforma de Afectados Polo Vertedoiro de Santiago de Compostela-Miramontes, na súa calidade de Plataforma en defensa do medio ambiente e da saúde das persoas. 

Peixe morto no río Tambre
Peixe morto no río Tambre | Fonte: Plataforma de afectados polo vertedoiro Santiago de Compostela - Miramontes

O día 22 de xuño uns veciños da zona observaron a aparición de gran cantidade de peixes mortos (sobre todo escalos e troitas) no río Tambre ao seu paso por Ponte Albar. Ademais, o río "presentaba unha tonalidade moi escura, con escuma e mal cheiro". Membros da Plataforma avisaron de inmediato ao 112 e ao Seprona, que se presentaron na zona, ademais de técnicos de PCV que tomaron mostras. Os investigadores situaron a orixe do problema entre Chaian e a Ponte Albar.

Días despois os socorristas de Tapia confirman que tamén apareceron peixes mortos durante ese mesmo fin de semana nas augas do Tambre ao seu paso pola praia fluvial, e incluso chegaron a prohibir o baño durante un tempo ata que as autoridades pertinentes levantaron o veto. O sábado 7 de xullo, os socorristas de Tapia víronse de novo obrigados a restrinxir o baño na praia fluvial, prohibición que se mantén durante o domingo. Desta maneira, unha vez máis, o Tambre no seu transcurso por Ponte Albar "presenta escuma, cor moi escura e un cheiro nauseabundo, polo que se volve a alertar ás autoridades", asegura a Plataforma.

A Plataforma e a veciñanza en xeral de Grixoa e Fecha, ademais dos socorristas da praia fluvial de Tapia, queren manifestar a súa "indignación e preocupación" pola alta mortaldade de peixes con orixe aínda indeterminada. Consideran que pola súa "gravidade e reiteración" no tempo, "esta situación de alarma medioambiental require da intervención urxente das distintas administracións".

A Plataforma solicita ás autoridades competentes unha investigación rápida e eficaz. A Plataforma alerta do "dano grave" que se causa ao medio ambiente e dun posible "perigo para a saúde das persoas". "Recordamos que, no percorrido do Tambre cara a ría de Noia, varias poboacións se abastecen das súas augas, aparte de utilizarse tamén para fins recreativos", din. Por isto, consideran que as propias administracións deberían alertar da situación en caso de perigo pois, ademais de Tapia, existen numerosos puntos de baño e ocio acuático non vixiados que poden estar sendo utilizados por nenos e maiores nesta época estival.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta