O BNG pide parar o Plan Forestal, que cre "determinado polos intereses de Ence e Finsa"

O Bloque censura que "o responsable" da situación actual do monte, Tomás Fernández-Couto, encabece "a renovación" das políticas forestais.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 09/07/2018 | Actualizada ás 14:34

Comparte esta noticia

O BNG reclamou ao Goberno galego que paralice a tramitación do novo Plan Forestal, cuxo borrador foi publicado a pasada semana no DOG e entra agora en período de exposición pública logo de oito meses "metido nun caixón", como remarcou este luns o deputado nacionalista Xosé Luís Rivas ' Mini'.

Ana Pontón y Xosé Luis Rivas 'Mini' (BNG). REMITIDA
Ana Pontón y Xosé Luis Rivas 'Mini' (BNG). REMITIDA | Fonte: Europa Press

O parlamentario compareceu en rolda de prensa xunto coa portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, para debullar as propostas da formación frontista para a elaboración das conclusións da comisión de incendios, levada a cabo nos últimos meses no Parlamento galego e que encara a súa recta final.

O Bloque censurou a situación de "divorcio" que, segundo Rivas ' Mini', se produce entre o Plan Forestal e a comisión para o estudo da problemática dos incendios en Galicia, xa que, para os nacionalistas, ambas deberían ir da man para afrontar unha política forestal que estableza "cambios estruturais" no monte galego.

Deste xeito, logo de que o pasado venres o Grupo Popular presentase as súas propostas para a redacción das conclusións da comisión de incendios, o BNG trasladou este luns as súas, entre as que destaca a aposta pola configuración "en mosaico" do monte, a semellanza do modelo que xa se usa noutras zonas "cun clima similar" ao de Galicia e que logrou reducir a incidencia dos lumes.

MOSAICO

Esta medida pasa por limitar as "masas continuas" de especies a un máximo de 20 hectáreas naquelas zonas declaradas de alto risco de incendio. Estas áreas irían intercaladas con outras dedicadas ás "frondosas" ou "o pasto" co obxectivo de "atenuar e mitigar" a propagación dos incendios.

Rivas ' Mini' puxo o foco na necesidade de encarar os coñecidos como "incendios de nova xeración", que se caracterizan pola súa rápida propagación e o seu salto a outras áreas separadas por quilómetros do foco principal. "É o lume que corre diante do lume", apostilou, para logo engadir que outras proposicións pasan por establecer "unha moratoria" á plantación de eucalipto ou velar polo cumprimento das faixas de seguridade.

Ademais, o BNG tamén propón a posta en marcha dun dispositivo anti incendios "áxil" centrado na "intervención rápida" para atacar os lumes nas súas primeiras fases, ou a necesidade de aplicar medidas para combater o abandono do rural a través da aposta por novos negocios, como o desenvolvemento dunha "industria do aproveitamento sustentable do monte" --apicultura ou plantas medicinais--, o turismo ou as madeiras de calidade.

PLAN FORESTAL

Así as cousas, Ana Pontón censurou que a persoa "responsable" da situación de "abandono" do monte galego, o director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto -no cargo desde 1997 coa única paréntese dos anos do bipartito na Xunta--, sexa o encargado de levar a cabo "a renovación" do Plan Forestal.

E é que, para Pontón, o borrador presentado é "continuista" co anterior e está "determinado" polos intereses de "dúas grandes empresas: Ence e Finsa". Por iso, pide a súa paralización para que sexa acordado coas forzas políticas e organizacións forestais, sindicais, ecoloxistas e as entidades de xestión dos montes en man común.

Por último, a líder frontista tamén criticou que o PP dilatase "o proceso" para as conclusións da comisión de incendios, o que encadrou no que considera unha "práctica habitual" dos populares: "aprobar" e "debater" cuestións "incómodas" durante "os meses de verán".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 José

O de deixar os temas molestos que afectan á cuestión "forestal" para tramitar no verán ven sendo a norma dos últimos 30 anos dos diferentes governos do PP cómplices co forestalismo depredador de Ence e adláteres. Por certo, o de limitar as masas contínuas a 20 hectáreas vai chocar cos intereses dos especuladores que tratan de elaborar o seu puzzle de parcelas compradas para plantar eucaliptos.