Por que quedan os concellos sen persoal de emerxencia en pleno período de alto risco de incendios?

A alcaldesa de Mugardos mantén un conflito aberto cos traballadores do GES que denuncian a paralización do servizo polo incumprimento do convenio colectivo. Unha situación que afecta a outros concellos da comarca como Ares, Cabana, Fene ou Ferrol. Os sindicatos denuncian tamén a inacción e o abandono por parte da Xunta.

Por Alicia Casas | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/07/2018 | Actualizada ás 22:31

Comparte esta noticia

Un documento onde se definan a xornada, as prestacións económicas polo traballo realizado desenvolvido, o número máximo de gardas ao ano, as vacacións e os descansos, a seguridade e saúde laboral, a xubilación e segunda actividade. Iso é o que reclaman a CIG-Administración e a UGT para os traballadores do GES (Servizo Supramunicipal de Emerxencias) e polo que se manifestaron o pasado 28 de xuño. Piden un acordo de condicións laborais dignas e rexeitan a "campaña de propaganda" do Concello de Mugardos e da Xunta.

Traballador do GES apagando un lume cando tiña orde de non ir traballar
Traballador do GES apagando un lume cando tiña orde de non ir traballar | Fonte: cedida

De feito, a CIG- Administración pedirá a intervención da Xunta para solucionar o que está a pasar no Concello de Mugardos. Denuncia que a alcaldesa desta localidade, Pilar Díaz (de Esquerda Unida nun goberno en minoría)  deixou á comarca sen un servizo de emerxencias nun período de alto risco e comunicoulle aos traballadores do GES que durante os días 22, 24 e 28 de xuño e durante 11 días do mes de xullo non acudiran aos seus postos de traballo.

"Unha cacicada da alcaldesa de Mugardos, que non ten un servizo organizado nin o substitúe a través de bolsas de contratación"

Unha medida que, segundo a secretaria comarcal da CIG Carmen Viso, ten que ver coa mala xestión do persoal do GES. Improvisación e abandono das funcións de xestión de persoal: "unha cacicada da alcaldesa de Mugardos, que non ten un servizo organizado nin o substitúe a través de bolsas de contratación", asegura.

CONVENIO APROBADO 

Carmen Viso lembrou que este persoal laboral ten dende o mes de novembro o seu convenio colectivo aprobado pero sen asinar e sen levar ao pleno, e achegou a situación destes traballadores  que "se sinten moi mal laboralmente porque non se lles recoñece a súa labor profesional". "En lugar de pagalas como horas extras, non se cubren", sinalou a secretaria comarcal da CIG- Administración. 

Camión do GES de Mugardos queimado nun incendio en Ferrol, sen danos persoais
Camión do GES de Mugardos queimado nun incendio en Ferrol, sen danos persoais | Fonte: @AAMMdeCCOOGZ

O servizo do GES atende tanto incendios forestais coma urbanos nun área determinada e así, coa situación actual, o Concello de Mugardos e todos os da comarca --Fene, Cabana, Ferrol e Ares--  quedan desprotexidos. E chégase á situación na que, un traballador que ten a orde de non ir traballar, acude a unha emerxencia: "en principio non sabe se van a cobrar e non lles importa", destacou Viso. Esa foi precisamente a situación á que chegou un traballador do GES a semana pasada cando foi apagar un coche que prendeu lume. 

INTERVENCIÓN DA XUNTA

Por iso reclaman a intervención da Xunta e tamén unha "proposta seria" do Goberno galego para os Axentes Medioambientais, logo de máis de dez anos cun acordo caducado e con serios problemas para acollerse aos dereitos previstos na Lei de Emprego Público de Galicia. Precisamente, a falta destes dereitos, din, está provocando situacións como as de Mugardos.

Dereitos como as vacacións, a flexibilización para a conciliación familiar, ou as xustas compensacións retributivas polas "horas extras". "Penosidade, toxicidade, turnicidade, nocturnidade e especial responsabilidade" son as características que definen, segundo CIG e UGT, o traballo dos Axentes Medioambientais.

Estas organizacións sindicais denuncian que non teñen coñecemento da suba económica de "ata 2000 euros por efectivo" anunciada pola conselleira de Medio Rural. Nin da outra suba prometida que engade 2000 euros máis ao ano derivados da promoción profesional que, segundo as organizacións, son coma o "conto da leiteira" xa que dita promoción "hoxe está abandonada". Así, sinalan que tiveron que denunciar á Xunta no Xulgado do contencioso polo "incumprimento do Acordo do grupo B".

Porén, a Xunta ten asinado recentemente un convenio para avaliar a eficacia dos tratamentos preventivos do lume e así mellorar a loita contra os incendios. Un convenio asinado pola conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, e o delegado de Reale Seguros, Ignacio Mariscal, que estará vixente ata 2020 con posibilidade de ser prorrogado. Falta por saber se a preocupación da Xunta conducirá a unha coordinación xeral dos axentes que, nas súas distintas competencias, loitan contra os incendios que ano tras ano sacuden os montes galegos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 2cXp

Polo que leo, contra os traballadores do GES de Mugardos tamén hai acoso laboral ("mobbing") por parte do goberno municipal. Da pena que non valoren tan bo servicio. Un mugardés