Temas: ALUGUER PISOS

Cal é o prezo do alugueiro en Galicia?

Galicia foi a terceira autonomía coa mensualidade máis barata para os inquilinos, por detrás de Estremadura (440 €/mes) e Castela-A Mancha (497 €/mes).

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostelaa | 15/07/2018 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

O piso tipo de alugueiro en Galicia rexistrou en xuño de 2018 unha superficie media de 107 metros cadrados e unha renda media de 562 euros mensuais, o que supuxo un ascenso semestral do 8,18%. Respecto de xuño de 2017, creceu un 12,13%. Mensualmente, caeu un -0,40%; e trimestralmente, subiu un 3,03%.

Galicia foi a terceira autonomía coa mensualidade máis barata para os inquilinos, por detrás de Estremadura (440 €/mes) e Castela-A Mancha (497 €/mes). Pola súa banda, o piso tipo de aluguer en España finalizou o pasado mes de xuño cunha superficie media de 117 metros cadrados e unha mensualidade media de 811 euros, o que supuxo unha subida semestral do 7,85%. Respecto de xuño de 2017, a subida foi do 15,04%. Mensualmente, a cifra rexistrada supuxo un repunte do 0,75% e trimestralmente, un ascenso do 3,97%.

Vivenda, aluguer.
Vivenda, aluguer.

Segundo Ferran Font, director de Estudos de pisos.com, "o crecemento das rendas de aluguer, sobre todo naqueles lugares onde o aluguer residencial entra en competencia co de carácter vacacional, está a arroxar mensualidades ante as que boa parte da demanda non pode responder cos seus ingresos". En opinión de Font, "o quecemento deste mercado ten varias consecuencias. Por unha banda, moitos inquilinos están a mirar de novo a compra, pero en capitais como Madrid e Barcelona, así como nos seus municipios máis próximos, os prezos de venda están a roldar os máximos. Doutra banda, os inquilinos que gozan dun aluguer aceptable albergan certa incerteza, xa que temen que os seus caseiros actualicen a renda á alza en calquera momento co fin de liberar o inmoble e explotalo turísticamente".

O portavoz do portal inmobiliario admite que "o custo do arrendamento fai cada vez máis complicado para as familias axustarse ao seu orzamento, á vez que o encarecemento das rendas fronte ao inmobilismo dos salarios mingua seriamente a capacidade de aforro". Font declara que "todas as administracións, desde as locais ata o Goberno central, deben pór o foco na situación que actualmente vive este réxime de tenencia nos grandes núcleos urbanos". Así mesmo, o experto comenta que "atopar un punto de equilibrio será complicado se non se anima ao sector privado a formar parte deste negocio".

LUGO, A CUARTA CAPITAL MÁIS ALCANZABLE DO ESTADO

Fronte a decembro de 2017, Lugo (17,51%) foi a terceira provincia española que máis subiu. Interanualmente, Lugo (23,39%) foi a segunda na listaxe de maiores repuntes a nivel nacional, mentres que A Coruña (-3,02%) foi a quinta que máis descendeu de España. Con 475 euros de renda media mensual en xuño de 2018, Ourense foi a duodécima provincia española máis alcanzable. Pontevedra (590 €/mes) foi a máis cara da autonomía.

En canto ás capitais galegas, Lugo (9,73%) foi a décimo quinta capital española que máis subiu fronte a decembro de 2017. Pola súa banda, A Coruña (-3,48%) foi a quinta que máis se devaluou do país. Dun ano a outro, Lugo (12,78%) foi a capital galega que máis repuntou, e A Coruña (0,65%) foi a capital española que máis contivo o seu ascenso. No apartado de rendas medias mensuais, Lugo (465 €/mes) foi a cuarta capital máis alcanzable do país. Pola súa banda, A Coruña (600 €/mes) presentou a renda mensual máis elevada da comunidade.

Temas: ALUGUER PISOS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta