O PP avala á valedora: "Non imos tomar decisións firmes sen sentenzas firmes"

O PPdeG sostivo cos seus 41 escanos a continuidade de Milagros Otero e a voceira Paula Prado acusou á oposición de tratar de manchar a "honorabilidade" do seu portavoz parlamentario, Pedro Puy.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/07/2018 | Actualizada ás 11:36

Comparte esta noticia

O PPdeG avalou este martes a continuidade da valedora do Pobo, Milagros Otero, tras a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que anula o nomeamento de María Puy Fraga como xefa de servizo de Administración e Persoal. Así, e á "vista" da documentación achegada polo alto comisionado asegurou que "non houbo desvío de poder": "Non imos tomar decisións firmes sen sentenzas firmes".

Votación sobre o cesamento da valedora con Pedro Puy Fraga, portavoz do PPdeG
Votación sobre o cesamento da valedora con Pedro Puy Fraga, portavoz do PPdeG | Fonte: Europa Press

Paula Prado foi a encargada de defender a postura da súa formación nunha intervención na que acusou á oposición de tratar de manchar a "honorabilidade" do seu portavoz parlamentario, Pedro Puy, irmán da candidata que obtivo a praza de libre designación no Valedor do Pobo.

A votación sobre o cesamento tivo lugar en urna, pero antes de escribir sobre as papeletas, os populares defenderon a continuidade de Milagros Otero, que este luns anunciou o recurso de casación ante o Tribunal Supremo da sentenza que anulou a praza e na que si se recolle "desvío de poder".

Con todo, Paula Prado recoñeceu "erros" na estratexia de defensa ante o alto tribunal galego pero, coa información completa que remitiu ao Parlamento, sostivo que a praza se outorgou de forma correcta. "Aquí non estamos en sede xudicial, senón que construímos un xuízo político a partir da documentación que temos e non se pode manipular", aseverou.

Pola súa banda, todos os grupos da oposición --En Marea, PSdeG e BNG-- reafirmáronse na súa petición de cesamento da valedora e sostiveron que, de feito, xa tiña que presentar a súa dimisión. A socialista Patricia Vilán, que recoñeceu que ela mesma apoiou o nomeamento de Milagros Otero en agosto de 2015, advertiu de que agora xa non conta cos 45 deputados que apoiaron o seu nome.

Concretamente, para o nomeamento da valedora eran necesarios 3/5 do hemiciclo, é dicir 45 votos, pero para o seu cesamento tamén e, neste caso, a oposición non reúne os apoios necesarios. Tras a votación en urna e con 75 votos válidos, o PP sostivo cos seus 41 escanos a continuidade de Milagros Otero.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 GrazasBeiras

Menudo sorpresón. Repito: é o proceder natural do partido condenado por corrupción: enchufe, valeiramento das institucións, cinismo, roubo, clasismo. Os seus votantes non agardarían outra forma de proceder, nin a aceptarían. É posible que os votantes do pp non teñan remedio, vendo o que hai. Por iso hai que agardar algo de intelixencia da oposición, supoño.

1 Xesús Ateo Recalcitrante

¿Que sentencia máis firme que a do TSJ de Galicia? Aínda que sexa recurrible é evidente que se non houbera probas máis que sobradas ese tribunal non ía dicir o que dixo do "enchufismo" atribuído a señora esa á que denominan Valedora do Pobo pero que mais ben parece a valedora do Partido Popular (e iso que leva relativamente pouco tempo na poltrona). Outra cousa sería que houbera condeas penais e se consideraran excesivas. Estes, os do Partido Popular, atendendo á súa traxectoria amparadora dos corruptos amosada en numerosos casos xa xulgados e condenados os protexidos os cargos políticos do Partido Popular (Ui! agora xa non son do PP; votáronos -con uve, non con be de PPs), seguen protexendo os desmáns e o nepotismo realizados ao abeiro de cargos públicos convenientemente nomeados por eles. Non teñen nin unha pizca de vergoña.