Temas: VIñO VALDEORRAS

Valdeorras presenta a súa XXI Feira do Viño

Terá lugar os días 14 e 15 de xullo con 20 adegas participantes e un programa que aposta pola música, as actividades para os máis pequenos e o tren turístico “Valdeorras Expreso”. Na presentación do evento anunciouse tamén que este organismo entra no club das denominacións de orixe acreditadas por ENAC.

Por X.M. Fernández | Vilamartín de Valdeorras | 11/07/2018 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

En rolda de prensa presentouse o desenvolvemento deste evento de exaltación dos caldos valdeorreses que se celebrará na praza barquense de Viloira a vindeira fin de semana e que contará coa participación de 20 adegas da comarca.

Alcalde do Barco e Presidente do Consello Regulador presentando o cartel. Fonte: CRDORS
Alcalde do Barco e Presidente do Consello Regulador presentando o cartel. Fonte: CRDORS

O presidente do Consello Regulador, José Luis García Pando, quixo agradecer moi especialmente a implicación das adegas que fan posible a celebración da feira comentando que “a súa participación é fundamental para que sexa un éxito e se consolide, ano tras ano, como un verdadeiro escaparate promocional dos nosos viños”, indicando así mesmo que durante os dous días que dure a feira “Valdeorras converterase no epicentro festivo da provincia de Ourense”.

Con carácter previo, os días 12 e 13, haberá actividades paralelas enmarcadas na programación da Feira do Viño. Unha delas é a “Ruta dos Pinchos de Valdeorras” que o Consello Regulador pon en marcha en colaboración co Concello do Barco, a asociación AEVA e o Centro Comercial Aberto do Barco. Este ano chégase á terceira edición e participan 15 establecementos da zona. E a outra a “Cata profesional dos viños de Valdeorras” o venres 13 na sede do Consello Regulador en Vilamartín de Valdeorras.

O acto inaugural do certame terá lugar o sábado 14 pola mañá, estando previsto que a conselleira do Medio Rural participe no mesmo, e o recinto feiral permanecerá aberto en horario de 12:30 a 14:30 horas e de 19:30 a 23:00 horas (Praza de Viloira do Barco).

Ademais da posibilidade de degustar e mercar viños das diferentes adegas participantes, ao longo da fin de semana haberá actuacións musicais e actividades dirixidas aos cativos. Tamén se porá en marcha de novo o tren “Valdeorras Expreso” para facilitar os desprazamentos de ida e volta dende diferentes puntos do Barco de Valdeorras ata o recinto feiral. O percorrido comprende saídas desde o polideportivo, pasando polo hospital e a praza do Concello ata chegar á Praza de Viloira.

Público Feira do Viño Recinto Feiral  Recinto Feiral  Recinto Feiral  Recinto Feiral Praza de Viloira Recinto Feiral Praza de Viloira Recinto feiral na Praza de Viloria
Público Feira do Viño Recinto Feiral Recinto Feiral Recinto Feiral Recinto Feiral Praza de Viloira Recinto Feiral Praza de Viloira Recinto feiral na Praza de Viloria

Acreditación ENAC

O presidente do Consello Regulador aproveitou a presentación da XXI Feira do Viño  para anunciar tamén que o organismo que preside “entra no club das denominacións de orixe acreditadas por ENAC”. Segundo destacou García Pando, para acadar esta acreditación foi fundamental “o traballo colectivo de todo o sector do viño na comarca, especialmente do órgano de calidade do Consello Regulador e das adegas, que tiveron que adaptarse á norma”.

A acreditación ENAC permitirá asegurar que detrás de cada botella de viño de Valdeorras existe un estrito control de calidade e plena seguridade xurídica. O devandito organismo comezara en 2012 cos traballos de adaptación para a acreditación ENAC,que vén esixida pola UE.

Temas: VIñO VALDEORRAS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta