A Universidade de Santiago edita 'El desafío de la creatividad' de Enric Trillas, pai da lóxica borrosa en España

A obra propón unha “reflexión sobre o desafío que, maiormente de tipo computacional, a creatividade formula á ciencia”.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 11/07/2018 | Actualizada ás 14:18

Comparte esta noticia

“Crear require, ademais de inducir, o entusiasmo persoal por crear algo novo, relevante e rompedor, así como asombrarse previamente polas novas preguntas e as posibles respostas ás mesmas”. Estas é unha das ideas coas que Enric Trillas conclúe o seu libro El desafío de la creatividad, obra que o autor presentou este mércores na Reitoría da Universidade de Santiago (USC) e que lle serviu para afirmar que “o futuro nos demandará creatividade”.

Presentación de 'El desafío de la creatividad', de Enric Trillas
Presentación de 'El desafío de la creatividad', de Enric Trillas | Fonte: USC.

O libro preséntase como “unha viaxe intelectual arredor do mundo da creatividade dende unha visión da mesma pegada ao razoamento non dedutivo ordinario, concretamente á obtención das conxecturas chamadas ‘especulacións’”. Como o mesmo autor adianta no proemio da obra, esta “defende unha visión naturalística do fenómeno da creatividade, soportada na linguaxe, dentro do razoamento ordinario e como parte importante da racionalidade”.

Como se puxo de manifesto no acto, “este ensaio quere servir de guía e estímulo” para propor unha “reflexión sobre o desafío que, maiormente de tipo computacional, a creatividade formula á ciencia”.

En opinión do autor, o concepto de creatividade propón un “desafío que require a transformación dos actuais estudos sobre o razoamento ordinario ou de sentido común nunha ciencia empírica, á vez teórica e experimental: unha física da linguaxe e o razoamento, como a física é a ciencia da materia, a enerxía e o movemento”.

A obra presentouse nun encontro que presidiu a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo, e  no que tamén interviñeron ademais do autor o prologuista do volume, o ex reitor Senén Barro, e o director do Servizo de Publicación, Juan Blanco Valdés, informa a USC.

O AUTOR

Enric Trillas foi catedrático das universidades politécnicas de Catalunya e de Madrid, investigador emérito do European Centre for Soft Computing e actualmente profesor emérito da Universidade de Oviedo. Ademais é doutor honoris causa pola USC e pola Pública de Navarra, ademais de profesor visitante distinguido da Universidade Nacional de Córdoba (Arxentina) e membro da Accademia Nazionale delle Scienze, Lettere e Arti de Palermo.

É autor de catrocentos artigos en revistas, actas de congresos e obras colectivas e dunha ducia de libros e está considerado o introdutor da lóxica borrosa en España.

Ditou conferencias e impartiu cursos en universidades e centros de investigación españois e estranxeiros como Berkeley (California), Meiji e Tokio Institute fo Technology (Xapón), Dortmund (Alemaña), Nápoles e Palermo (Italia) ou Córdoba e Buenos Aires (Arxentina).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta