21 dornas para homenaxear a Rosalía

Padrón acolle esta fin de semana o festival ‘Abride a Fiestra’, para celebrar o aniversario da escritora. Galicia Confidencial participará o día grande, o domingo, cun posto para dar a coñecer este xornal.

Por Galicia Confidencial | Padrón | 13/07/2018 | Actualizada ás 17:18

Comparte esta noticia

O festival ‘Abride a Fiestra’ celébrase os días 14 e 15 de xullo, en Padrón e na Casa de Rosalía, e acollerá diferentes manifestacións culturais tendo a Rosalía como figura central. Entre os protagonistas da fin de semana estarán Mercedes Peón, Habelas Hainas, Najla Shami, a proposta musico-poética Cintaadhesiva, a pianista Margarita Viso e a Coral Padronesa. Galicia Confidencial tamén estará presente cun posto o domingo onde achegarse para coñecer máis de preto este xornal.

A escritora e poetisa, Rosalía de Castro
A escritora e poetisa, Rosalía de Castro

Este terá lugar a Inchadiña Branca Vela, a xa tradicional subida en dorna de Valga a Padrón, na que participarán 21 embarcacións tradicionais: dornas, galeóns, gamelas, bucetas, botes e gamelas. Este evento está organizado en colaboración coa Asociación Cultural Dorna da Illa da Arousa. E, pola noite, concerto do grupo Habelas Hainas na Praza de Macías de Padrón. 

O día grande será o domingo 15 de xullo, data do pasamento de Rosalía de Castro, cando se celebrará unha xornada de portas abertas titulada “Rosalía en Festa” na Casa-Museo, na que ademais de actuacións musicais e unha feira con produtos rosalianos, haberá visitas guiadas por personaxes coñecidos ou especialistas, como a propia Mercedes Peón, o deseñador Pepe Barro -experto nas imaxes rosalianas-, o académico Xosé Luís Axeitos, os profesores Pilar García Negro e Manuel Lorenzo Baleirón ou o estudoso da horta rosaliana, Carlos Dacal. 

Outro dos atractivos é a proxección do filme “Pelerinaxe lírica aos lugares rosalianos” (1951), comentado por Xosé Manuel Beiras, que estivo presente naquela xornada histórica para o galeguismo despois da Guerra Civil.

Tamén haberá oferta para toda a familia, con contidos para os máis pequenos da casa: dúas sesións dun espectáculo de monicreques titulado “A viaxe de Rosalía”, de Larraitz Urruzola; e unha visita guiada especial para as crianzas protagonizada pola propia Rosalía (a actriz Mónica Caamaño), acompañada polo músico José Luís do Pico Orjais, que tamén estarán presentes ao longo do día en todo o festival. 

Non faltará poesía, por suposto, na Casa da Matanza, cun recital poético a cargo de Ana Blanco, Ismael Ramos, Paula Antía Rei e Cinta Adhesiva (espectáculo poético-musical), alén da presentación do Libro Escolar de Poesía que publicamos anualmente cos gañadores do Concurso Escolar de Poesía Rosalía de Castro que organizamos con El Corte Inglés. 

E tampouco faltará improvisación oral, da man da regueifeira (e cantora) Alba María, e dunha das figuras emerxentes do xénero en Galicia, Xairo d’Herbón, fillo doutra referencia, Pinto d’Herbón. 

O festival está organizado pola Fundación Rosalía de Castro, e apoiado polo Concello de Padrón, a Deputación de Pontevedra e a Consellaría de Cultura e Educación. Tamén patrocinan o vermú Petroni e as adegas Paco & Lola. Colaboran o Concello de Rois e o de Santiago.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta