Os alumnos con mellores notas de Selectividade van polos dobres graos, medicina e biotecnoloxía

Os primeiros admitidos nos graos universitarios de Galicia déronse a coñecer este luns e poderán matricularse desde este martes.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/07/2018 | Actualizada ás 18:49

Comparte esta noticia

Medicina, Biotecnoloxía e os dobres graos son as carreiras preferidas polos alumnos que obtiveron as mellores notas de Selectividade, xa que se configuran como as formacións do Sistema Universitario de Galicia (SUG) que pecharon as listas coas notas de corte máis alta este luns, día no que se deron a coñecer os primeiros admitidos para o próximo curso 2018/19. Deste xeito, as dobres titulacións volven ser as formacións de educación superior máis demandadas entre os estudantes con maiores expedientes, segundo os datos que desvelou a Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG).

Alumnos Practicando Un Exámen De Selectividade
Alumnos Practicando Un Exámen De Selectividade

E é que, por exemplo, o último alumno aceptado na simultaneidade de estudos de Matemáticas e Física na Universidade de Santiago de Compostela (USC) obtivo unha cualificación total de 13,474 puntos. Seguen a esta formación os dobres graos en Comunicación Audiovisual e Xornalismo (12,785) e en Química e Física (12,666), ambas as dúas na USC. De igual modo, das carreiras ordinarias, a lista de Medicina en Santiago pechou nesta primeira convocatoria nun 12,531; mentres que a segunda coa nota máis alta foi o novo grao en Biotecnoloxía da USC, cun 12,403. Despois destas, veñen as carreiras de Odontoloxía na USC (12,200); Enxeñaría Biomédica na Universidade de Vigo (11,784); e Física (11,614), Matemáticas (11,540) e Enfermaría (11,539) na USC.

MATRÍCULA DESDE ESTE MARTES

Os alumnos que aprobaron o pasado xuño a Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU) e que foron admitidos neste primeiro corte poderán realizar a matrícula, se o desexan, desde este martes até o vindeiro xoves. Durante a preinscrición, que realizaron entre xuño e principios de xullo, tiveron que encher un formulario web cunha lista de cinco graos por orde de preferencia, aos que tentan acceder coa nota da Selectividade.

Este luns souberon se acceden á primeira opción desta listaxe. De non ser así, puideron ser convocados a matricularse na segunda, terceira, cuarta ou quinta carreira preferida, mentres que as que están por encima permanecen en espera, é dicir, que os alumnos poderán ser chamados á súa opción preferida en futuras listas.

O segundo corte será publicado pola CiUG o vindeiro luns, 23 de xullo, podendo os alumnos matricularse entre o 24 e o 27. Ademais, sairán novas listas o 31 de xullo, o 28 de agosto, o 4 e 10 de setembro, e o 4 e 11 de outubro. Así, se un estudante non é convocado este luns, terá a opción de esperar á publicación de até outras sete listas de admitidos, polo que podería ser que ata o mes de outubro non coñecese de forma definitiva o grao universitario no que pode matricularse.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta