As melloras do Camiño de Santiago no Monte do Gozo e Conxo comezarán a principios de 2019

A conselleira Ethel Vázquez explica que os traballos permitirán "pór en valor, crear e reforzar unha identidade común" ao redor das diferentes rutas xacobeas

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/07/2018 | Actualizada ás 18:31

Comparte esta noticia

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, anunciou este mércores que os traballos de "mellora e integración paisaxística" do Camiño Inglés, Francés e Portugués á súa entrada en Santiago comezarán no primeiro semestre de 2019. A iniciativa conta cun orzamento de máis de 5 millóns de euros e un prazo de execución que pretende culminar todos os proxectos antes do Xacobeo 2021.

Peregrinos do Camiño de Santiago
Peregrinos do Camiño de Santiago | Fonte: EP.

Vázquez deu hoxe conta da publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) do proceso de información pública dos proxectos, un "importante fito administrativo na tramitación necesaria", que "require de expropiacións". Os interesados dispoñen dun prazo de 20 días hábiles, até o próximo 17 de agosto, para trasladar as súas suxestións e queixas.

En concreto, as actuacións sobre o Camiño Francés centraranse na súa baixada dende o Monte do Gozo até a AP-9 e a mellora do Camiño Portugués afectará o barrio de Conxo. Así, Ethel Vázquez informou de que estas melloras pretenden "pór en valor, crear e reforzar unha imaxe de identidade común" ao redor dos diferentes camiños de Santiago na súa entrada á capital galega.

A conselleira, que estivo acompañada polo director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, explicou que o obxectivo é "lograr alcanzar a excelencia na experiencia do peregrino". As intervencións, segundo indicou, responden a criterios paisaxísticos, urbanísticos, patrimoniais e turísticos, "contribuíndo á posta en valor das Rutas Xacobeas".

Ademais, asegurou que se busca tamén "mellorar as contornas urbanas" e "favorecer a mobilidade peonil, tanto dos peregrinos como dos propios veciños das zonas polas que atravesa o Camiño", o que permitiría "diminuír a incidencia do tráfico rodado".

ACTUACIÓNS SOBRE O CAMIÑO FRANCÉS

Así mesmo, o Goberno galego informou que á actuación sobre o treito do Camiño Francés destinaranse case 1,25 millóns de euros, en accións para "incrementar a accesibilidade" e "favorecer a integración paisaxística", na baixada do Monte do Gozo até o paso sobre a AP-9. Ademais, inclúe melloras na zona de San Lázaro, Fontiñas e Concheiros.

No caso do Camiño Portugués, no barrio de Conxo, a Xunta apuntou a un orzamento de 2,1 millóns de euros, destinados a traballos de "ambiciosa reordenación do itinerario da Ruta Xacobea". Coa saída este mércores a información pública das obras sobre os Camiños Francés e Portugués, permitiríase iniciar a contratación das obras destes dous proxectos a finais de ano.

RESTRICIÓN DO TRÁFICO NO MOSTEIRO DE CONXO

Neste senso, Francisco Menéndez destacou unha "actuación singular", para "darlle unha dimensión máis humana ao espazo público existente fronte ao mosteiro de Conxo", que pasa por "restrinxir o tráfico de subida para residentes e transporte público".

Así, incidiu en que o obxectivo é que a Praza do Mosteiro de Conxo estea "mellor preparada para o goce de peregrinos e veciños", o que tamén dotará a ese barrio compostelán dunha "zona emblemática acollida dos peregrinos", para que Conxo dispoña da súa "pequena praza do Obradoiro".

Así mesmo, o director da Axencia Galega de Infraestruturas apuntou a creación, "atendendo ás necesidades e demandas veciñais de Conxo", dun proxecto que prevé a "execución dun novo aparcadoiro", cunha capacidade de 75 prazas, nunha parcela propiedade do Sergas, á beira do centro de saúde da zona.

TRABALLOS REALIZADOS SOBRE O CAMIÑO INGLÉS

Sobre os traballos xa realizados e "avanzados" correspondentes ao Camiño Inglés, no treito desde o Polígono do Tambre até o cemiterio de Boisaca, Ethel Vázquez sinalou que buscan "facer compatible a experiencia positiva do peregrino coa actividade empresarial que alí se desenvolve".

Por iso, cun orzamento estimado de 1,6 millóns de euros, reivindicou que esas actuacións e melloras do Camiño Inglés estenderanse tamén ao treito comprendido entre Boisaca e o cruce de Meixonfrío, para "acrecentar os valores visuais e paisaxísticos da zona", e "incidir nunha boa percepción do Camiño por parte dos peregrinos".

Durante a súa intervención, a conselleira tamén adiantou os avances do Camiño Inglés, e indicou que "se está ultimando o convenio específico que fixa as obrigas de cada unha das administracións implicadas", co "proxecto construtivo redactado e terminado". Isto permitiría licitar as obras no mes de agosto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta