Cando leóns, leopardos e rinocerontes poboaban os montes de Lugo hai 110.000 anos

O xacemento Valdavara 3, en Becerreá, revela que até 40 especies de fauna poboaron esta rexión.

Por Galicia Confidencial | Lugo | 19/07/2018 | Actualizada ás 12:22

Comparte esta noticia

Leóns, hienas, leopardos, rinocerontes e osos poboaron poboaron hai máis de 100.000 anos os montes de Lugo. Son só algunhas das 40 especies animais distintas identificadas polos arqueólogos no xacemento Valdavara 3 en Becerreá.

Restos de rinoceronte
Restos de rinoceronte | Fonte: Gerard Campeny.

Unha trampa natural visitada esporadicamente por neandertais hai uns 110.000 anos nunha canteira de calcaria de Becerreá podería ter xerado o depósito arqueolóxico no que un equipo do GEPN-AAT (Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste. Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio) da Universidade de Santiago (USC) e do IPHES (Institut Catalá de Paleoecologia Humana i Evolució Social) rexistrou ata 1.400 restos fósiles de fauna pertencentes a 40 especies distintas. Este achado acaba de ser publicado na prestixiosa revista Comptes Rendus Palevol

Os leóns, as hienas, os leopardos, os osos, os cabalos e os rinocerontes eran os principais protagonistas en Valdavara 3 nun momento climático interglacial.

O xacemento descubriuse en 2009 a raíz dos traballos de explotación da canteira, e as intervencións arqueolóxicas realizáronse durante dous anos baixo a dirección do investigador do IPHES Manuel Vaquero. Os escavadores bautizárono como Valdavara 3 xa que se atopa a 50 metros da cova luguesa con ese nome, onde hai uns anos se identificou o que aínda hoxe é o fósil humano máis antigo de Galicia, remontándose a uns 17.000 anos. Valdavara 3 é, iso si, moito máis antigo que a propia cova, con datacións que indican unha cronoloxía en torno aos 110.000 anos, informa a USC.

Os leóns, as hienas, os leopardos, os osos, os cabalos e os rinocerontes eran os principais protagonistas en Valdavara 3 nun momento climático interglacial, cunha paisaxe variada, con fontes de auga, e onde os neandertais acudirían para aproveitar os recursos faunísticos acumulados no interior da cova por procesos naturais.

A gran diversidade de especies faunísticas fai de Valdavara 3 un xacemento excepcional, especialmente no contexto do rexistro paleontolóxico do norte da Península Ibérica. En total, 30 especies de mamíferos, tres de aves, cinco réptiles, un anfibio e un peixe avalan a biodiversidade desa rexión hai 110.000 anos. Ademais, permiten por primeira vez coñecer a fauna do último interglaciar no noroeste peninsular, cun clima máis cálido e húmido que o actual.

A importancia deste tipo de xacementos, moi escasos, radica principalmente na súa riqueza faunística, “que nos ofrece unha fotografía perfecta da paisaxe de hai 100.000 anos”, explica o investigador do GEPN-AAT Arturo de Lombera. Dende os grandes carnívoros -diversos felinos e hienas- ou herbívoros -rinocerontes- que habitaron a rexión ata os pequenos roedores que son unha importante fonte para a reconstrución paleoambiental.

“Por outra banda, ofrécenos a oportunidade de observar un tipo de ocupación e uso oportunista das cavidades por parte dos neandertais, moi diferente ao que se ten constatado noutras covas, como pode ser Cova Eirós”, matiza de Lombera.

Na Península Ibérica, e especialmente na área cantábrica, non é habitual atopar rexistros paleontolóxicos tan completos como o de Valdavara 3.

Os resultados das datacións dos fósiles son coherentes cos estudos da fauna recuperada. Por outra parte, en Galicia o rexistro arqueopaleontolóxico en contexto estratigráfico é escaso, polo que calquera descubrimento deste tipo supón un avance importante na investigación prehistórica da rexión.

A xeoloxía da zona provoca que a conservación da fauna sexa difícil na maior parte do territorio galego. De feito, na Península Ibérica, e especialmente na rexión cantábrica, non é habitual atopar rexistros paleontolóxicos tan completos como o de Valdavara 3, pois xeralmente son máis sesgados ou de cronoloxías máis recentes. 

As tarefas de escavación e de restauración do material de Valdavara 3 leváronse a cabo co apoio da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, o Concello de Becerreá e Canteiras do Penedo S.A. (CANPESA), a empresa responsable da explotación da canteira, que desde o primeiro momento colaborou nos traballos arqueolóxicos. 

Estes traballos enmárcanse no proxecto de investigación Ocupacións humanas durante o Pleistoceno na conca media do Miño que, desenvolvido conxuntamente polo GEPN-AAT e o IPHES, dirixe o profesor da Universidade de Santiago Ramón Fábregas. No caso concreto deste último estudo sobre a fauna, os membros do GEPN-AAT Arturo de Lombera, Irene Valverde e Alicia Ameijende colaboraron na escavación do xacemento, no estudo dos materiais e na súa contextualización.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta