Queik, o arroaz 'galego' que emigrou ao sur de Portugal

O exemplar viviu cando menos once anos en augas de Galicia. Agora, a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños confirma a presenza deste arroaz no Alentejo portugués, a máis de 500 quilómetros das nosas costas. Ata o momento non se comprobara a viaxe dun arroaz tan ao sur.

Por Galicia Confidencial | Nigrán | 23/07/2018 | Actualizada ás 12:11

Comparte esta noticia

Queik é un arroaz que foi identificado no ano 2004 en augas de Galicia. Durante once anos foi detectado 40 veces entre as rías de Vigo e Arousa, viaxando coa manda que o acollía, de entre 15 a 30 exemplares. É por iso que foi catalogado entre os arroaces residentes, é dicir, aqueles que viven estables nun mesmo lugar durante moito tempo. Recentemente foi detectado no Alentejo portugués, a máis de 500 quilómetros das nosas costas.

O arroaz Queik, en compañía doutro exemplar
O arroaz Queik, en compañía doutro exemplar | Fonte: Cemma

Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) vén facendo desde hai anos un traballo de identificación individual de cetáceos, mediante o catálogo fotográfico das aletas-FotoID; unha técnica que "dá os seus froitos na detección dos longos desprazamentos dos arroaces", salienta a Cemma.

Esta técnica consiste na recollida de imaxes fotográficas das aletas dorsais dos arroaces (Tursiops truncatus), para facer un traballo de rexistro e catalogación e posteriormente realizar campañas de seguimento nas que volver recoller imaxes dos mesmos exemplares.

A Cemma destaca que para levar a cabo esta actividade precísanse autorizacións expresas, xa que os arroaces son especie protexida, polo que calquera actividade sobre estes debe ser debidamente analizada e autorizada pola Administración. A Cemma conta con estas autorizacións dende o ano 1997.

As primeiras imaxes do traballo de catalogación foron recollidas nas campañas marítimas que a Cemma puxo en marcha no ano 2000. Despois de 18 anos de traballo en fotoID, contan contamos con máis de 500 aletas diferenciadas individualmente, aínda que a taxa de repetición é relativamente baixa, sobre un 30%.

O arroaz Queik, en compañía doutro exemplar
O arroaz Queik, en compañía doutro exemplar | Fonte: Cemma

Mediante esta metodoloxía xa se teñen identificado movementos dos arroaces entre as diferentes rías galegas, entre a costa sur e norte de Galicia ou entre Galicia e Euskadi. A pesar de que outro arroaz, bautizado co nome de Gaspar, fora detectado en Aveiro (Portugal), ata o momento non se comprobara a viaxe dun arroaz tan ao sur, como é o caso de Queik.

A HISTORIA DE QUEIK

No ano 2004 foi realizado o catálogo anual. Aí foi cando apareceu Queik, do que se recolleu a imaxe da súa aleta con grandes amputacións no seu borde posterior, o que, segundo a Cemma, denotaba que a vida deste arroaz non fóra doada. Nese momento as aletas eran nomeadas por orde alfabética porque se tiñan moi poucas identificadas.

Durante once anos, Queik foi detectado 40 veces entre as rías de Vigo e Arousa, viaxando coa manda que o acollía. A última vez que a CEMMA rexistrou a este exemplar foi o 19 de febreiro de 2015 por fronte a praia de Cabío, A Pobra do Caramiñal. Dende aquela non o volveran ver.

Con todo, a Cemma sinala que "a falla de financiamento para levar a cabo esta actividade non permitiu realizala nestes últimos anos, máis alá da ría de Vigo", que é onde ten a base da súa embarcación 'Toniña Un'. 

Agora, tres anos despois do último encontro con Queik, descubriuse que logo de anos residindo en augas de Galicia, este arroaz emigrou ao sur de Portugal.

Cando aparecen arroaces nun lugar onde non son habituais, os equipos científicos buscan nas bases de datos se foron catalogados. Así é como a Sociedade Portuguesa para a Vida Selvagem-SPVS de Portugal se puxo recentemente en contacto coa Cemma para comunicar a presenza de dous arroaces na costa de Alentejo dende principios do mes de xullo.

Este intercambio de información é un procedemento habitual, o mesmo que permitiu identificar a Gaspar cando chegou a Galicia no ano 2007. Deste xeito, corroborouse que Queik, ao que lle estiman 25 anos de idade, estivo once anos nas rías galegas e realizou un desprazamento de máis de 500 quilómetros ata o sur da costa portuguesa.

A Cemma subliña que no Alentejo, aínda que a presenza de cetáceos nas súas costas non é rara, non existe presenza de mandas estables de arroaces costeiros. É por iso que a presenza destes dous exemplares chamou moito a atención. Neste momento estanse tratando de recoller bos documentos gráficos para tratar de identificar o outro exemplar que acompaña a Queik.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta