O mercado laboral de Ourense: temporalidade, precariedade e perda de poboación activa

O Gabinete Económico do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia vén de publicar un estudo no que fai unha radiografía do mercado laboral de Ourense e constata que en 10 anos se perderon máis de 25.000 empregos netos na provincia.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 28/07/2018 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Precariedade, temporalidade e perda de poboación activa; 6100 fogares con todos os seus membros activos en paro dos que, en 3000, ninguén percibe ingresos. Unha situación preocupante que CCOO vén de analizar nunha radiografía do mercado laboral de Ourense. Pero, con todo, o estudo monográfico tamén apunta a unha certa pero non suficiente mellora. 

Oficina De La Seguridad Social, Oficinas, Empleo, Desempleo, Desempleado
Oficina De La Seguridad Social, Oficinas, Empleo, Desempleo, Desempleado

Así, o Gabinete Económico do Sindicato Nacional do sindicato constata que en dez anos se perderon máis de 25.000 empregos netos na provincia, e informa de que o próximo día 26 se publicará a Enquisa de Poboación Activa do 2º trimestre de 2018, polo que á espera dos novos datos, o Gabinete Económico do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia realizou un estudio radiográfico da situación e evolución do mercado laboral da provincia no que vai de ano.

Segundo este estudo, ata maio formalizáronse na provincia de Ourense 29.258 contratos, dos que o 87,84% son contratos temporais e 12,16% son contratos indefinidos (destes, o 34,35% -1153- foron a xornada parcial ou fixos descontinuos e unicamente 2405 a xornada completa). En canto aos contratos temporais, o 27,24% deles tiñan unha duración inferior á semana.

Con todo, por segundo ano consecutivo créase emprego na provincia de Ourense no primeiro trimestre do ano. O número de persoas ocupadas, segundo a EPA, chegou a 111.400 neste primeiro trimestre. Non obstante, aínda quedan por recuperar 26.400 empregos para alcanzar o volume de emprego que había dez anos antes. Así, teñen emprego 4.200 persoas máis que hai un ano; non obstante, o ritmo de creación de emprego ralentizouse no último ano (pois en 2016 era máis alto).

Doutra banda, tamén indican que a creación de emprego por conta allea vai ligada a unha maior temporalidade. A poboación asalariada cífrase en 87.100 persoas no primeiro trimestre de 2018 (3.400 máis traballando por conta allea ca hai un ano e 7.000 máis ca dous anos antes). No último ano aumentou o emprego temporal en detrimento do indefinido (5.300 empregos temporais máis fronte a 1.900 indefinidos menos) e a taxa de temporalidade subiu ata o 28,6% no primeiro trimestre de 2018 (esa porcentaxe era do 23,4% no mesmo trimestre de 2017).

Datos preocupantes tamén o son o feito de que, no que vai de 2018, a poboación activa reetrocedeu moito: 4.600 persoas activas menos ca un ano antes. Esa caída explica ata un 52% do descenso do paro que se produciu no último ano. A creación de emprego —aínda que sexa precario— e, sobre todo, a caída da poboación activa fixeron que o paro baixara ata 18.500 persoas no primeiro trimestre de 2018; pero o 39,5% delas levaban dous ou máis anos buscando un posto de traballo. Ademais, en maio de 2018 o 47,2% de persoas paradas con experiencia laboral carecía de prestación por desemprego e só o 36,6% das que si a perciben cobraban unha prestación contributiva.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta