Retómase a busca do mozo arrastrado pola corrente do río Miño en Ourense

Reduciuse o caudal do río na zona de rastrexo para favorecer a procura do mozo, duns 20 anos e veciño de Portugal

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/07/2018 | Actualizada ás 09:56

Comparte esta noticia

Os servizos de emerxencia retomaron ao oito da mañá deste xoves a procura dun mozo, de ao redor de 20 anos de idade, veciño de Portugal e de orixe angoleña, que foi arrastrado pola corrente cando se bañaba no río Miño na cidade de Ourense, á altura da Ponte Romana, ás 17,30 horas do mércores.

Tarefas de busca no río Miño
Tarefas de busca no río Miño | Fonte: EP

Segundo informaron fontes de Protección Civil de Ourense consultadas por Europa Press, desde o oito da mañá están a participar na procura 12 efectivos, pertencentes a Protección Civil da cidade, á de Barbadás e ao GES de Pereiro de Aguiar. O rastrexo está a realizarse tanto polo río, con medios acuáticos de Protección Civil, como por terra.

Durante toda a noite procedeuse a reducir o caudal da auga do río na zona na que desapareceu o mozo, até limitalo a un nivel ecolóxico que, aínda que é apto para o tránsito de embarcacións, poida permitir un mellor rastrexo do fondo do río.

Ademais, están a traballar na zona as forzas de seguridade da Policía Local e a Nacional. O servizo de emerxencias do 112 Galicia recibiu as primeiras chamadas de alerta ás 17,30 horas deste mércores, cando varios veciños viron como o mozo era arrastrado pola corrente.

Segundo fontes de Protección Civil, o mozo estaba a realizar o Camiño de Santiago xunto cuns amigos e meteuse no río para refrescarse, pero xa non foi capaz de saír.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta