Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/07/2018 | Actualizada ás 11:46
Abanca obtivo no primeiro semestre de 2018 un resultado neto de 247 millóns de euros, o que supón un incremento do 7,8% respecto ao mesmo período de 2017. Así o avanzaron este xoves en rolda de prensa o presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet; o conselleiro delegado, Francisco Botas, e o director xeral financeiro, Alberto de Francisco, na presentación dos resultados no centro da entidade na compostelá Praza de Cervantes.
O banco, segundo indicaron, rexistrou unha rendibilidade 'ROE' do 11,8%, que se sitúa "entre as máis destacadas do sector". Este indicador (polas súas siglas en inglés 'return on equity') mide a capacidade que ten a empresa de remunerar aos seus accionistas.
Ademais, Abanca reivindica que este resultado está baseado nun "destacable crecemento da marxe básica", que medra un 8,1% e segue incrementado a súa achega á conta de resultados. Así, o beneficio neto medra un 7,8% impulsado polos ingresos recorrentes, que, segundo destaca, "mantéñense como alicerce da rendibilidade".
Tamén chamaron a atención os responsables da entidade sobre a "fortaleza" do posicionamento comercial do banco, cun crecemento do 6,3% no volume de negocio, que roza xa os 70.000 millóns.
A venda de seguros xerais aumentou un 6,9% e "consolídase como un dos principais eixos estratéxicos da entidade", subliña, á vez que apunta ao "intenso ritmo de concesión de crédito, con especial protagonismo do segmento pemes e autónomos", que recibiu 500 millóns máis de crédito que no primeiro semestre de 2017.
Mentres, o saldo de dubidosos reduciuse 18 trimestres consecutivos e a taxa de morosidade chega ao 4,6%, "manténdose Abanca entre as mellores entidades do sector por calidade de activos", recalca.
O cociente de capital 'CET1' sitúase no 14,6%, cunha folgura de 1.809 millóns que permite ao banco, segundo resalta, "afrontar oportunidades de crecemento". No que vai de ano, as catro axencias de rating que cualifican á entidade melloraron a súa nota e as catro expresan unha perspectiva positiva para o futuro. Pola súa banda, o número de novas nóminas captadas por Abanca en xuño de 2018 foi de 41.000.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.