Abanca gaña 247 millóns máis nun dos seus “mellores” semestres económicos

O seu beneficio neto crece un 7,8% impulsado polos ingresos recorrentes. O volume de negocio do banco roza xa os 70.000 millóns. Escotet destaca que, de manterse a tendencia alcista, "ratificaranse" os índices de crecemento económico do estado.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 26/07/2018 | Actualizada ás 12:20

Comparte esta noticia

Estamos ante un dos nosos mellores resultados económicos”. Deste xeito deu conta Juan Carlos Escotet, presidente de Abanca, dos datos do primeiro semestre de 2018, no que a entidade gañou 247 millóns de euros e creceu un 8,1% máis.

Juan Carlos Escotet, no centro, presentando a conta de resultados de Abanca
Juan Carlos Escotet, no centro, presentando a conta de resultados de Abanca | Fonte: EP

Unhas cifras que colocan á entidade bancaria xurdida das antigas caixas de aforro cunha cifra de negocio que ronda os 70.000 millóns e como un dos xigantes bancarios do estado. Este crecemento ben motivado pola boa marcha doutros elementos chave no seu negocio. Así, aumentou a súa actividade comercial con unidades específicas para captar novos clientes. Deste xeito, o banco creceu un 6,3% o seu volume de negocio total.

Tamén aumentaron os depósitos estables dos clientes e a comercialización de seguros de aforro, fondos de inversión e planes de pensións. O número de novos ingresos de nóminas de clientes chegou ás 41.000 en xuño. Ademais, o crédito avanzou un 6,2% con especial peso de pymes e autónomos. De feito, entre xaneiro e xuño de 2018, as formalizacións dirixidas a este colectivo superan en máis de 500 millóns as realizadas no mesmo período de 2017.

Por iso, con estes resultados, o conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas, destacou o fortalecemento da entidade e lembrou que se mantén nunha posición diferencial en canto á calidade dos seus activos. Tras 18 trimestres consecutivos de descenso de saldos dubidosos, a taxa de morosidade quedou situada no 4,6%. "Esta cifra é claramente inferior á media do sistema, estimada no 6,1% a peche de xuño", dixo.

Neste sentido, destacou que, durante o que vai de 2018, as catro axencias de rating que cualifican a Abanca melloraron a nota da entidade. “Todas elas din que temos perspectiva positiva, indicador que expresa confianza na evolución futura do rating”, dixo.

NOVAS OPERACIÓNS

Tras facerse co negocio de Deuscht Bank en Portugal, Abanca agarda tamén gañar a puxa por Banco Geral de Depósitos, co que consolidaría o seu poder na península. Sobre esta posibilidade Escotet quixo ser prudente. “O proceso aínda está aberto”, dixo. Con todo, deu por pechada a posibilidade de facerse con boa parte da actividade comercial de Deuscht Bank no noroeste. “Ese capítulo xa está pechado”, limitouse a responder.

O presidente de Abanca tamén evitou falar da situación política en Venezuela, nin da situación de Banesco, intervido polo goberno de Maduro. “Permítanme que non fale dese tema ata que remate a intervención”, indicou ao tempo que tampouco quixo valorar os problemas económicos que sofre o país americano.

Do que si falou Escotet é da saúde da economía española. Así, destacou que as previsións apuntan a un crecemento dun 2,9% e unha diminución do desemprego. “Temos que coidar esta situación ao máximo para evitar cambios nesta tendencia porque creo que se poderían ratificar os datos que existen sobre o crecemento da economía se seguimos así”, indicou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta