Premio para un software galego que controla o ritmo cardíaco

CardiaTech recibe o premio Argos Spin para proxectos baseados en resultados de investigación da Universidade de Santiago. Smartwood gaña o Argos Enxeño para os xurdidos de ideas propias ou empresas da contorna de Santiago e Lugo. O ministro principal de Gales, Carwyn Jones, visita o Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 27/07/2018 | Actualizada ás 15:07

Comparte esta noticia

CardiaTech e Smartwood son os dous equipos premiados na quinta convocatoria do programa Argos para a creación de equipos emprendedores universitarios nas modalidades Argos Spin (para proxectos baseados en resultados de investigación da Universidade de Santiago) e Argos Enxeño (para os xurdidos de ideas propias ou empresas da contorna de Santiago e Lugo).

Visita do ministro principal de Gales, Carwyn Jones, ás instalacións do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS)  da Universidade de Santiago
Visita do ministro principal de Gales, Carwyn Jones, ás instalacións do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago | Fonte: USC

Os premios, dotados con 3.000 euros cada un, foron entregados este venres 27 nun acto no Paraninfo da USC nun acto presidido polo vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez Muñuzuri.

No primeiro caso, na modalidade Argos Spin, CardiaTech propón a comercialización dun software que detecta patróns irregulares no ritmo cardíaco. Ideado por investigadores do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información da USC (CiTIUS), é un método novidoso para interpretación de sinais electrocardiográficos baseado nun modelo de razoamento abdutivo que proporciona unha resposta en 30 segundos en base a patróns cardíacos: ritmo sinusal normal, fibrilación auricular, outra anomalía ou ruído. ç

Este software xa foi premiado a nivel internacional no Physionet/Computing in Cardiology 2017 pola súa robustez e fiabilidade. O proxecto empresarial foi desenvolvido por Sebastián Bouzas e Lía Rendal.

Pola súa banda, Smartwood é unha proposta empresarial baseada nunha aplicación móbil deseñada para o asesoramento e xestión de terreos rurais. A aplicación informa dos cultivos que se poden plantar e como proceder en cada parcela. Ademais, proporciona unha estimación do rendemento que se vai obter e serve tamén como ferramenta de contacto cos axentes necesarios. O proxecto desenvolvérono José Luís Gude, Begoña Castro e Dayana Paz.

Premios Argos
Premios Argos | Fonte: USC.

Nesta última edición conformáronse un total de seis equipos promovidos por algo máis dunha vintena de universitarios e universitarias. Ademais das dous proxectos premiados, xurdiron outros catro con propostas no ámbito do márketing dixital, deseño de ferramentas de optimización e automatización de rutas, produción de encimas industriais de alta calidade para alimentación e simplificación da toma de decisións no eido das enerxías azules.

VISTA DO MINISTRO DE GALES

Por outro lado, o ministro principal de Gales, Carwyn Jones, e o reitor Antonio López visitaron este venres as instalacións do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS).

Na visita tamén estiveron presentes o subdirector de Comercio e Inversións Internacionais do goberno de Gales, Andrew Gwatkin; así como o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo; a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey; e o vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez Muñuzuri.

O obxectivo da visita foi coñecer as instalacións e laboratorios do CiMUS e particularmente do traballo que se realiza no marco da plataforma Innopharma e da Fundación Kaertor, da que son promotores a profesora Mabel Loza e o profesor Ángel Carracedo, tamén presentes na xuntanza.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta