O goberno portugués cumpre cos seus compromisos coa Liña do Miño

O ministro luso de Infraestruturas, Pedro Marques, levará á vindeira Cimeira Ibérica o interese do goberno portugués pola Saída Sur de Vigo. Tanto o presidente do Eixo Atlántico, Alfredo García e o secretario xeral, Xoán Vázquez Mao, felicitaron hoxe ao goberno de Lisboa por atender as peticións da entidade e apostar pola mellora das comunicacións ferroviarias cara a Galicia.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 27/07/2018 | Actualizada ás 20:06

Comparte esta noticia

Durante o acto de sinatura do contrato para a modernización do Tramo Viana-Valença, que tivo lugar esta tarde na estación de tren de Valença, o ministro portugués de Infraestruras, Pedro Marques, confirmou que as obras deste treito comezarían a vindeira semana para que a mellora da liña sexa unha realidade nos primeiros meses de 2020. Tamén fixo referencia á recente decisión do Goberno luso de rebaixar as peaxes nos tramos próximos á fronteira con España e nos territorios de baixa densidade, comezando polas mercadorías. Unha vez finalizado o acto, nun breve encontro co presidente do Eixo e o secretario xeral, acordaron unha reunión en Lisboa en setembro para falar do Segundo Paquete de Infraestruturas 2021-2028.

Sinatura mellora Liña Miño
Sinatura mellora Liña Miño | Fonte: Eixo Atlántico

O presidente do Eixo informou tamén informou ao ministro sobre as próximas reunións co Goberno español para falar da saída sur de Vigo. A este respecto o ministro Pedro Marques sinalou que ía levar este tema á próxima Cimeira Ibérica. Estas decisións responden satisfactoriamente ás peticións que o Eixo Atlántico trasladou no último ano e que Goberno portugués escoitou. A este respecto, o secretario xeral do Eixo manifestou a súa satisfacción polo feito de que o Goberno portugués honre os seus compromisos, o que lamentablemente non se pode dicir do Goberno español anterior. O que si ofertou foi a electrificación de oito quilómetros entre Tui e Guillarei sen resultados visibles polo de agora. O Eixo Atlántico ten prevista unha reunión co novo ministro de Fomento para desbloquear a situación e  asuma unha obra que permitirá non só unha conexión competitiva e cómoda entre Vigo e Porto, senón que converterá a liña en A Coruña-Lisboa.

O secretario xeral lamentou que o presidente da Xunta non queira defender a Saída Sur de Vigo, polo que foi moi crítico coa desidia do goberno galego neste tema. Pola súa parte, o presidente do Eixo Atlántico, Alfredo García, manifestou a súa satisfacción polo desenvolvemento do proxecto en Portugal, incidindo na importancia da sinatura de hoxe. Neste sentido recordou o interese que ten a empresa Arriva, filial española da xigante alemá DB en explotar a liña A Coruña-Vigo, o que en palabras de Alfredo García “reforza a posición histórica do Eixo Atlántico en defender esta liña”.

REUNIÓN CO DELEGADO DO GOBERNO

Alfredo García adiantou que o vindeiro mércores día 1, manterán unha reunión co delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, xunto co secretario xeral do Eixo,  ás 12 do mediodía na sede da Delegación na Coruña. Na axenda destaca a revisión sobre temas relativos ás infraestruturas que o Eixo Atlántico defende en proxectos xa iniciados. O obxectivo é que non sufran atrasos, como é o caso da electrificación da vía férrea Lugo-Ourense coas variantes de Rubián, Peares-Canaval e Monforte, que posibilitarán a chegada do AVE a Lugo.

Tamén se tratará o tema da A-76 entre O Barco, Monforte e Ourense, que constitúe a metade da autovía entre Lugo e Ourense; o Corredor Atlántico, recentemente aprobado pola Comisión Europea entre A Coruña e Palencia a través de Vigo, Ourense e Monforte; a entrada en Ourense do AVE e a Saída Sur de Vigo.

VIGO E A SAÍDA SUR

Precisamente, a saída sur de Vigo cobra maior urxencia coa sinatura hoxe mesmo do contrato para o inicio das obras de electrificación no último tramo portugués da Liña do Miño, entre Viana e a fronteira.  O feito de ter sido o Delegado do Goberno, membro do Eixo Atlántico durante a súa etapa como alcalde de A Coruña, fará que a reunión busque implicalo activamente na defensa destas infraestruturas ante o Goberno que representa. Tamén se lle pedirá que asuma a defensa dos intereses de Galicia ante o Goberno central, xa que moitos destes temas para o Eixo Atlántico non consta que foran tratados na última reunión que mantivo o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo co presidente do Goberno, Pedro Sánchez.


Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Fai máis

Fai máis por nós Portugal que a Espanha...

1 Gamela

Parole Parole Parole... o secretario xeral, acordaron unha reunión en Lisboa en setembro para falar do Segundo Paquete de Infraestruturas 2021-2028. Eu pensaba que Xoán Vázquez Mao xa lle tocaba xubilarse logo de 25 anos tocando a o bombo mais seica pretende a inmortalidade ata o ano 2028 !!! Así calquera vai de Cimeira en Cimeira !!!